Moito queda por facer aínda en Galiza nesa ciencia nova que é a Museoloxía, xeito de xestión dos museos. E namentres acódese aos tan enxebres amaños. O museo defínese dende o Consello Internacional de Museos como como institución pública ou privada, con ou sen fins de lucro, permanente, aberta, ao servizo da sociedade e do seu desenvolvemento, que adquire, conserva, investiga, comunica, expón testemuñas materiais ou inmateriais da cultura dos pobos con fins de estudo, educación e lecer. Responsabilidades pois da ciencia da Museoloxía e dos museólogos. O que pasa é que a calquera colección exposta en calquera sitio e de calquera xeito se lle chama museo. O museo é moito máis, ten ansias de futuro, de seducir, como recurso identitario e polo tanto turístico nun mundo que se uniformiza aceleradamente. Así é que si fracasa un museo ou outros aspectos patrimoniais susceptibles dun tratamento museolóxico, o que fracasa e a súa xestión, o non saber seducir, atraer, producir e enfrontarse a esa idea tópica, tan repetida por aquí, de que a cultura non vende, nin da votos. Esa é a incultura. A cultura é o que nos define,levámola posta sempre e tamén fírese, estrágase e pérdese, isto é: acultúrase.

Pois a museoloxía é ciencia que aínda sona a musarañas en Galiza, e si a asociamos a arqueoloxía industrial, como facemos abaixo, probamos de que nin sequera estamos na Prehistoria deste asuntos. Repasando o pasado comprobamos que nos anos oitenta houbo avances e trunfos nos noventa. Por exemplo na Coruña, arredor das instalacións de Radio Nacional de España, no edifico da Terraza, aproveitando os vellos artefactos que tiñan que ver coa emisora, o periodista Manuel Lombao, intentou organizar e expor as coleccións como un principio do Museo da Radio, ¿Qué pasou coa documentación, cos micros, cos aparatos de diferentes xeracións?, ¿ulos? Non esquecemos tampouco a apertura do Museo Eléctrico Unión Fenosa nunhas naves industriais na área de Agrela, rehabilitadas como edificio reconvertible, baixo a dirección do arquitecto Ramón Corrochano. Museo hoxe desaparecido sen que ninguén, e menos os poderes públicos, subdivididos en tantas áreas e seccións, tamén de "cultura" se fagan preguntas.

Temos divulgado os contidos daqueles museos, temos aplaudido e sido críticos con aquelas iniciativas e aínda podemos seguir nesas, de expoñer a riqueza de Galiza, a fin de progresar neso dos museos de actores, de realidades, máis que de espectadores e de virtualidades.

Sabemos tamén que o Museo Eléctrico de Unión Fenosa, como o de Arte Contemporáneo (Macuf, que hoxe sobrevive como MAC, Gas natural Unión-Fenosa) foi creado polo empeño de Julian Trincado Settier, unha vida formada e dedicada a Saltos do Sil e Fenosa, co ansia de gardar e expoñer os testemuños da realidade industrial e o desenrolo de Galiza a través da electricidade, esta parte da Historia do progreso. Así se dicía na entusiasta presentación do seu director Luis Fernando Quiroga Piñeyro. Sabemos da dedicación de moitos galegos, especialmente valdeorreses e coruñeses vinculados a aquelas iniciativas. Acción emprendedora nacida coa historia da electricidade, medrada co século XX, aproveitando a riqueza hidráulica, dende as experiencias populares a través do reaproveitamento dos muíños para obter enerxía eléctrica, á construción e experimentación con grandes encoros, as térmicas, as nucleares... os intentos de Xove. Despois sumándose as experiencias eólicas, as placas solares, a mareomotriz e os novos experimentos. ¿Onde se nos explica isto agora? Xa sabemos que no complexo eólico de Sotavento, Xermade, hai un área didáctica, que na Fervenza do Xallas en Ézaro, Dumbría a vella central serve como Centro de Interpretación da Electricidade... son puntuais particularidades.

No Museo da Electricidade Unión Fenosa mostrábanse ferramentas de traballo, vagonetas de transporte de áridos de tracción anima até os potentes tractores Scammell, fábricados na Gran Bretaña no 1959, as primeiras máquinas que fixeron posible a iluminación de Compostela, Coruña, Pontevedra, Ferrol, Ourense, así como do modernista tranvía coruñés que unía a periferia, Carballo e Sada. Incluso algún vagón, os rectificadores de mercurio que facían posible o fluír continuo de corrente, os cadros de control, xeradores, voltímetros, transformadores fabricados en Alemaña, encaixados en singulares e artesanais mobles coa sensibilidade estilística do momento. Mostrábase a máquinaria da central hidráulica da Fábrica de Fiados e Tecidos de Présaras, de 1879. Elementos das centrais de Fervenza sobre o Belelle, en Ferrolterra, de 1900; elementos da Central da Capela, alimentada polo Eume, do 1903, a que subministraba electricidade á Coruña, tamén da central de Fecha, coa da dobre turbina Francis que no 1901 daba fluído eléctrico ás terras de Compostela... Ameno recorrido, complementado por fotografías das obras, dos obreiros, das avarías e os arranxos... planos, maquetas, tipos de postes, de illadores de vidro e porcelana ,mesmo de lámpadas de gas, das primeiras eléctricas de vidro, con exemplares escasos da primeira de Edison, as fabricadas en Padrón, marca Iria, lámpadas de faros... tipos de turbinas, trebellos nos que o visitante experimentar e a través do seu pedaleo sobre unha roda xerar electricidade... Incluso senos ensinaban elementos de deseño industrial que complementaban a decoración romántica, ou modernista de oficinas, libros de contabilidade...

Na arqueoloxía industrial, na Historia de Galiza están tamén as pegadas de iniciativas privadas, das antigas centrais eléctricas, do Xallas, do Tambre, do Arenteiro... da construción de grandes encoros nos anos cincuenta e sesenta, sempre sometidos á adaptación, aos tempos, aos novos materiais e tecnoloxías construtivas, á renovación de maquinaria. Museo que constituía un principio, que mesmo poderiamos relacionar co que temos visto mesmo en grandes museos da ciencia, por exemplo en Múnich, en Luzerna ou por non ir moi lonxe, en Funchal de Madeira. Unha longa historia, que pasa pola Sociedade Xeral Galega de Electricidade, Electra Popular Coruñesa, pola Fábrica de Gas e Electricidade e polo monopolio de Fenosa, no 1982 fusionada coa Unión Eléctrica Madrileña, e no 2008, zugada pola multinacional catalana Gas Natural. E tras de todo tamén unha historia de expropiacións e imposicións: monumentos megalíticos, romanos, pontes, aldeíñas asolagadas... Lindoso, Portomarín... vales socavados, as Pontes... igrexas trasladas, revoltas e batallas campais no Ribeiro do Miño, en Castrelo, nas Encrobas...

Pasados os anos da ausencia destemuseo, lamentamos que se perda memoria do que tivemos, dos esforzos e sensibilidade de alguén. E a pregunta é onde están aqueles contidos susceptibles de mellorarse, atraer e seguir a xerar cultura.

Unha pregunta semellante poderiamos facer sobre os contidos para un futuro museo de telefónica, recollidos por xubilados desta empresa nuns espazos do barrio dos Castros da Coruña. E tamén deixamos perder aquela historia inmensa da Fábrica de Tabaco, entre tantas cousas. E xa falaremos si nos dan tempo e espazo.

Como conclusión: país integralmente desfeito, esmigallado, teledirixido... nin enerxía máis barata... pese a tanta entrega, tanto esforzo, tanta Historia, e mesmo xa sen rastro dela.