Sigo o paso do sangue no meu corpo

e coa unlla do meu dedo máis firme

abro un sulco vermello en meia lúa

na vea que me acolle tan azul.

Son os versos de Narcisismo, un poema de Lois Pereiro, autor do que se cumpren este ano vinte anos da súa morte. Con tal motivo un grupo de amigos e poetas ou de poetas amigos reuniranse no Teatro Rosalía de Castro para lembrar a Lois, o seu alento humano e poético. Baixo o título de O fillo da furia. 20 voces por Lois os poetas Álvaro Antelo, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Rosalía Fernández Rial, Alfredo Ferreiro, Miguel Mato, Antía Otero, Silvia Penas, Mario Regueira, H. Rivadulla Corcón, Manuel Rivas, Ana Romaní, Xavier Seoane, Dores Tembrás, Ramiro Torres, Xulio Valcárcel, Iolanda Zúñiga, O'Leo i Arremacaghona, coa colaboración da actriz Manuela Varela, recordarán a figura de Lois e espallarán algúns dos seus versos aos ceos de A Coruña, celebrando que este ano Pereiro cumpre 58 anos. Esta cicloxénese explosiva e poética terá lugar en diferentes lugares do mundo. A poesía de Lois soará e será exhibida en lugares tan próximos como Monforte ou Vigo, pero tamén en New York e nas Universidades de California e de Conneticut, e subirá aos escenarios do Palisades de Brooklyn, ao Silvana de Harlem e ao Rosalía de A Coruña. Alí vos esperamos, o próximo domingo ás 12 do mediodía. Unha hora magnífica para deleitarnos coa poesía, como preludio para o vermú. Que isto escribe exercerá de cicerone. E como tal considera que hoxe, este artigo, debe estar escrito a medias con Lois. Así que empezamos cun poema seu, e remataremos co seu último texto escrito. Aquel que leva por título Poderíano escoller como epitafio:

Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar no que eu repouse

enviándome unha húmida mensaxe

de vida e de furia necesaria.