O labirinto do alquimista

Umberto Eco... Ecooooo)))))

28.02.2016 | 01:58
Umberto Eco... Ecooooo)))))

Cada ser humano é unha estrela mais nun esfaragullado cosmos de galaxias, Vida a acenderse e apagarse na noite eterna e infinda dos abismos cósmicos da Morte. Movémonos entre eses dous cabos, mitos e ritos de acción-destrución. Pois velaí outra mala nova con reverberante eco terráqueo neste venres coresmal, 19 de febreiro do 2016: a morte do filósofo, semiólogo, humanista, Umberto Eco. Cando o taco do almanaque cristián, tan acaído, ao encetar o día, lémbranos, en letra pequena, que se celebra ao mozárabe Beato de Liébana, autor do códice miniado dos comentarios ao Apocalipse de San Xoán; entre unha restra machista de churrusqueiros santos da Corte Celestial, San Agatón, San Zambadas, Casiano, Barbato, Mansueto, Gabino, Dositeo, Conrado Canfalonieri... E baixo a data un tweet impreso, derradeiras arroutadas da Galaxia Guttemberg, a frase do sabio santo Agostiño: "Non deixan pegada na alma as boas costumes, déixana os bos amores". Santiños de obras benditas, inspiradoras de contos para antes de durmir. Coitados iles, incautos ou mesmo maliciosos, teimudos no non ante a tentación, milagreiros, en dialéctica entre demos e anxos, pra seren finalmente esfolados, esnaquizados en santas reliquias para atraer fluxos de mitos e ritos, as peregrinacións, as esmolas, un integral Mitomaterialismo.

Umberto Eco, dende 1932 natural desa Alessandría, no Piamonte, tan influída polo medievo lombardo milanés, o que ten por emblema a Rosa Camuna, xa representada nos petróglifos prehistóricos de Val Camónica, a rosa rosacea, roseta de catro pétalos, rosetón, cosmogonía elemental que se fará cruz... Alessandría dos sombreiros Borsalino, os dos ganster e dos pater que marcaron tempo cinematográfico nas Américas, e que il professore sabía portar, como Laxeiro, caído sobre a cella. Estudante nese Turín de torres, pazos soportais e marmóreo Duomo no que se venera a Saba Santa. Alumno especializado na Estética de Santo Tomás, chave que abre tantas portas. Mozo revirado e pra máis con raiceiras prendidas en James Joyce, oculto baixo o suxestivo pseudónimo de Dedalus atrévese a escribir unha historia da filosofía en verso, caracterizada por algo que será moi seu, a retranca fronte ao mito histórico asentado en cátedra. Coñecedor do clasicismo grecolatino, profundador no simbolismo medieval e no devalar da Literatura e da Arte. Ingredientes para unha obra que non deixará de escudriñar de xeito impertinente, furando por recunchos insólitos nun exercicio de profanación e antifanatismo mítico. Fonda información, interdisciplinariedade focalizada nun espazo, nun tempo e sempre asumindo o risco de ser terxiversado polas perspectivas. Saberes aos que suma imaxinación e sempre un carácter mozo, rebelde e revelador. Non ofrece normativas estéticas que sancionen o bo ou mal facer na arte. Ceibando ao espectador ou ao lector pra escoller ou refugar isto ou aquilo entre a Historia das poéticas. Todo implica cada súa ética, onde atopamos a significación do feito social que corresponde ao que cadaquén entende por arte. Os standar de xuízo mudan coas modas.

Asolagámonos na alquimia dos ensaios de Eco, na Estrutura ausente (catón da semiótica), A estrutura da trama, na Arte programada, nos Apocalípticos integrados na cultura de masas, arredor dos novos mitos do consumo e nun homenaxe permanente a MacLuhan. Prendemos na A obra aberta, na Definición da Arte: ¿o que onte non era arte por qué hoxe lle chamamos arte... e mesmo poida que non a sexa no futuro? ¿qué é a arte pois...? Confrontamos, confundímonos entre os ensaios de Arnold Hauser, Gillo Dorfles, Banfi, Panofsky, Chomsky... Bibliografía recomendada nas leccións daqueles anos setenta polo malogrado profesor de Teoría da Arte na Universidade compostelán, Serafín Moralejo. Parte xa dese po cósmico... namorado. Así, dende a primeira edición de Eco en castelán, Diario mínimo, 1973 fomos asumindo o devalar da súa ética e estética.

Profesor das oscilación dos gustos e mesmo do primordial, de "Como se fai unha tese": explica para que serve, como se escolle o tema, suxire que sexa concreto, como ir ás fontes, como organizalas...e , en todo caso, si un adoece polo seu título de doutorado, insinúa hipóteses ilegais, mesmo que que busque o xa feito e co que se identifique nun país lonxano, que o traduza e que o copie...Paradoxos que aclara non tentan resolver problemas de estrutura social ou xurídicos, son realidades que ocultamos entre unha comenenciuda dobre moral.

Detective tras os degoiros do gran público, espectativas que comportan un receitario de tramas coas que espertar, levar, traer e seducir ao espectador a través do ocultismo esotérico ou do común exotérico. Pondera ao espectador, ao lector, dándolle oportunidade detectivesca nunha aventura humanística, intelectual e culta, entre a ciencia e a relixión. Sabedor pois das receitas coas que construír un best seller con calidade cultural, con aportes éticos, estéticos e velaí O nome da Rosa. Dende esta corola o nome de il professore fíxose global. Il segue a experimentar co Péndulo de Focoult , abalar entre pasado e o presente. Especialista en manter a tensión da busca entre as tramas , dende os secretos templarios ao espionaxe da multinacional mediática WikiLeaks. Baudolino, novela sobre un gañan fantasiador, heroe cruzado entre reliquias, mitos, milagres....

Dende Eco a Arte e dentro dela a Literatura atopou outros camiños para seducir aos lectores a través de lugares, de persoeiros e mesmo obxectos, enredados en maxia, alquimia, entre a realidade e a metáfora. Historia da beleza, dende as inspiradoras musas á contemporánea sedución do consumo; Historia da fealdade, o Vertixe das listas, Historia das Terras e dos lugares lendarios... obras que abren a infindos camiños do humanismo, máis aínda en tempos de crise, cavilando que todo remata hoxe e en nós..

Proba do saber aplicar un método en función das oscilacións dos gustos, de artillar a estrutura a cada contexto. Facelo con maxín e constancia deica ser referente até que a Historia diga outras cousas, que as dirá. Gozando co que fai, con transmitilo, e compartilo, como un divertimento que lle axuda a cavilar.

Ollamos a Umberto Eco, il professore, arrodeado de estudantes nunha cafetería baixo os soportais de Bolonia, máis tarde, no 1992, un 5 de decembro escoitámolo no Pazo de Congresos da Coruña, convidado polo Seminario de Semiótica da Univrsidade da Coruña, a través do profesor Paz Gago, nunha conferencia baixo o título O camiño de Santiago e as linguas europeas, aprender a abrir camiños dende a cultura.

A autoría de Eco garantía o éxito editorial, e estas, quizais autorizadas polo autor, recolleron Textos de ocasión que el mesmo diría, retrincos unidos baixo un atractivo título dalgúns dos seus ensaios, como o de Construír ao inimigo, un é en función do outro, dun rival no que trousar as debilidades. Xogo na interrelación entre emisor, medio e receptor a través da observación, as preguntas, a base da Filosofía.

Demócratas en consumir entre a estridencia liberal do ruído mediático, promovido dende o poder, sociedade do espectáculo pra ocultar, contubernio dos feirantes charlatáns, "a invasión dos imbéciles" mediante as novas galaxias internáuticas. E unha derradeiro tweet: "sirva a relevancia dos multimedia pra gardar a capacidade de lembrar", de poñer os pes no "humus".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine