O crepúsculo dos deuses

29.02.2016 | 00:30
O crepúsculo dos deuses

Unha famosa actriz de cine levaba xa máis de trinta anos co mesmo fotógrafo e un día, ao examinar unha foto que este acaba de facerlle, reprochoulle: "Paréceme, amigo, que as fotos xa non lle saen tan ben como antes. O fotógrafo, co ánimo de non facerlle sentir á actriz que o paso do tempo fixera o seu traballo sobre o seu rostro, desculpouse e desta maneira tan sutil e agarimosa: "Seguramente sexa certo. O tempo non pasa en balde. E hai trinta anos, cando empecei no oficio da fotografía, eu tiña trinta anos menos que agora, e é moi probable que naquela época eu estivese en plenas facultades e realizase mellor o meu traballo". Un fotógrafo educado, sen dúbida. A anécdota fai lembrar a película dirixida por Billy Wilder O crepúsculo dos deuses, na que unha grande estrela do cine mudo -interpretada por Gloria Swanson- pretende rodar unha película trinta e tantos anos despois do cénit da súa sona, non asumindo que no transcurso do paso dese tempo, o seu nome caeu no esquecemento e xa non é ninguén para o público.

Non asumir os períodos de idade que nos toca vivir ao longo da nosa existencia é un terrible problema para a nosa sociedade. Os novos cren que nunca deixarán de selo. O adultos pensan que nunca chegarán a vellos e os vellos non queren selo. Non sempre é así, pero abundan os casos.

O máis grave é non asumir que un xa non é mozo. Observo como moitos e moitas adolescentes viven na crenza de que nunca chegarán aos trinta anos. Que todo seguirá igual que agora, e desexan profundamente que o tempo non pase. Ata aí, normal. Creo que en maior ou menor medida aconteceu sempre. O que non aconteceu sempre é a perda de conciencia da presenza da morte nas súas vidas.

Se non tes dimensión do que representa a perda dun ser humano, dun amigo, dun parente, dun coñecido, non podes dimensionar a súa existencia. A vida é un agasallo enorme. Só temos unha. Resulta terrible escoitar a un asasino confeso, que hai uns días abandonou o cárcere porque cumpriu a súa condena, que non tivo idea do que facía ata que anos despois soubo o que significaba a morte. Case ninguén asume o paso do tempo. Semella que doen ata as arrugas.

Un chega a comprender o personaxe de Gloria Swanson e tamén á actriz que non asumía que trinta anos despois a cámara non podía deixar de reflectir que tiña trinta anos máis. Son cousas sen excesiva importancia. Pero, non ser consciente do dano que podes facer a toda a unha familia, porque es un imbécil que descoñece o valor da vida e a intrínseca relación desta coa morte, non é asumible.

Que está fallando nos fogares, que está fallando nos colexios, que está fallando nos políticos, que falla nas televisións? Todos e todas saben que é o que falla. Estamos dispostos a pedir responsabilidades por tanta estupidez e tanta falta de sensibilidade? Somos vítimas dunha sociedade que, ou ben gobernan malvados ou ben gobernan idiotas. Isto semella unha conxuración de necios para levarnos definitivamente cara o abismo da dor.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine