No cine Mediterráneo, e no cine dos países do sur de Europa, sempre existiu un debate sobre o actor e a imaxe e o actor e a voz. Explícome, en moito cine do sur, entre eles o español, sempre privou sobre as calidades da dicción -non confundir con impostación- o poder dun rostro. Debate que, no cine británico, non existe. Alí, dáse por entendido que a voz, a dicción, a emisión e boa vocalización non están pelexadas coa imaxe que un actor debe prestar ao seu personaxe. Unha actriz que ten que protagonizar a unha raíña shakesperiana ou a unha heroinómana non se plantexa en ningún momento sacrificar o seu dicir pola súa imaxe. E o director ou directora que a dirixe tampouco se fai esas preguntas. Ambas cousas van unidas. Aquí, e noutros países próximos, incluso no cine alemán tamén se dan casos nos últimos anos, se un da o aspecto do personaxe, o como fale, importa pouco. Total que estexa natural, vale todo. E aínda que moitos espectadores e espectadoras saiamos dos cines sen comprender de parte dos diálogos, pois non importa, polo contexto, seguimos a historia. Pero este tormento polo que pasábamos, ese sacrificio de colocar o noso aparato auditivo a máximo rendemento para oír que demo se susurraban os namorados dunha película, pasou a mellor vida. A compañía norteamericana Dolby Laboratories presentou un novo sistema de son para as salas de cine que inclúe un filtro para entender os susurros apenas audibles dos actores españois. "Supón unha revolución para o cine español, ata o punto de que o argumento dalgunhas películas clásicas podería cambiar completamente", apuntan os portavoces españois da empresas. "É como restaurar unha pintura antiga e descubrir as cores orixinais que nunca antes se viran", engaden. O novo Dolby Susurround foi recibido con alivio por parte dos espectadores. Entre os actores, en cambio, a novidade levantou certo malestar. Certo só, porque son moitos os que se senten sinalados. Ata aquí esta noticia. Que non é ningunha novidade no mundo da música. Onde cantantes que desafinan son afinados cando se fan as mesturas no estudio de gravación. Pero, que lle digo eu aos actores e actrices que teño que dirixir? Se agora xa están viciados polas series de televisión, que será a partir desta aplicación. O produto está sendo lanzado en toda Europa, con desigual éxito, e cun fracaso rotundo nun país norteño. Adiviñan cal? Reino Unido. Por suposto, dille ti a un actor británico ou a unha espectadora británica que vai pagar para non entender o que din os actores. Sexa en cine, en televisión ou en teatro. Mais temo que, nesta nosa leira, moi poucos seremos os que vexamos este invento como un atraso para a humanidade e non como un logro da técnica. Se agora a maioría da xente prefire contemplar a beleza de calquera tipo de pantalla electrónica que a profundidade duns ollos. Ao mellor co tempo, inventan un filtro para que un encontre atractivos os ollos dun cretino, e nos namoraremos da imbecilidade ou da estulticia. As ciencias avanzan que é unha barbaridade! Dicía a letra da zarzuela. Pero hai certos avances que son unha barbaridade para a ciencia.