En todo nesta vida hai distintos graos. Thomas de Quincey establecía en El asesinato considerado como una de las Bellas Artes a súa famosa escalada do delito: "Se un empeza por permitirse un asasinato, pronto non lle dá importancia a roubar, do roubo pasa á bebida e á inobservancia do día do Señor, e acábase por faltar á boa educación e por deixar as cousas para o día seguinte. Una vez que empeza un a deslizarse costa abaixo xa non sabe onde poderá parar. A ruína de moitos comezou cun asasinato cativo ao que non lle deron importancia no seu momento". E se hai un gradación para o delito, tamén o hai para a corrupción e o escándalo.

No top do escandalómetro están agora eses SMS reais (do rei Felipe VI e a raíña Letizia) a un amigo que resultou ser un chisco badanas. Javier López Madrid, fillo dun empresario galego que triunfou en Madrid, Germán López, é tamén o xenro estimado do todopoderoso exministro, potentado e agora investigado Juan Miguel Villar Mir, ata o punto de ser el, e non ningún dos fillos do seu sogro, o conselleiro delegado do Grupo Villar Mir. O home xa naceu de pe, pero a maiores foi sentar no colexio no mesmo pupitre que Felipe de Borbón y Grecia ("¡presente!"). E logo, din que lle prestaba as casas, chales, fincas e dúplex ao seu compañeiro cando andaba de mozas. Esas cousas fidelizan moito.

O caso é que a Javier, de tanto andar neses ambientes de consellos de administración e así, acabáronlle dando unha tarxeta daquelas black de Caja Madrid, e sendo socio do testaferro de Bárcenas... un caso claro daquelas malas compañías das que nos alertaban de pequenos. Neses malos tragos andaba cando recibiu o famoso SMS da súa amiga e compañeira de ioga Letizia ("Te escribí cuando salió el artículo de lo de las tarjetas en la mierda de LOC y ya sabes lo que pienso Javier. Sabemos quién eres, sabes quiénes somos. Nos conocemos, nos queremos, nos respetamos. Lo demás, merde. Un beso compi yogui (miss you!!!)"). E o do seu máis comedido esposo ("Me uno al chat, pero prefiero tener un rato para charlar sin intermediación electrónica ni telefónica. Comemos mañana?").

A reprodución de calquera conversa privada dá morbo (e as orais, ademais, pena de como se expresa a clase dirixente). Pero sinceramente, non creo que isto deba facer saltar o escandalómetro. Sobre todo cando aínda se está celebrando o xuízo contra a irmá/cuñada/cuñado dos dos SMS por cousas ben máis graves que mandarlle mensaxes de ánimo a un excompañeiro de colexio ou de prácticas da postura do loto. E cando o problema non é (soamente) que houbese uns individuos que tiñan unhas tarxetas que eran como unha billa de cartos, senón quen llelas deu, por que os nomeaban e quen, e se de todo o monte de diñeiro público (23.000 millóns de euros) que se enterraron aí para evitar o naufraxio da institución, se vai recuperar algo ou alguén vai ser declarado culpable ou que (por moito que sospeitemos que acaba resultando "que", e de cartos e culpables, nada).

Iso si, o que hai é que felicitar a quen (eldiario.es) tivo o acerto de dar cos SMS e o valor de publicalos. Dúas cousas, acerto e valor, nas que tamén hai graos, pero non demasiada abundancia.