O labirinto do alquimista

Os misterios de Fisterra: Semana Santa

13.03.2016 | 01:51
Os misterios de Fisterra: Semana Santa

Seguidores de Francisco de Assís e dominicos como Vicente Ferrer teimaban en converter os confíns do mundo nun inmenso Calvario. Galiza e con ela as Fisterras célticas, as dos cultos pagáns aos montes, ás pedras, ás covas, ás fontes, aos bosques antigos, prestáronse e inzáronse de artísticos cruceiros. Monumentos hoxe diana de todos os tipos de ignorancia. E máis alá das atufadas beaterías, arredor desto a escenificación desa Semana Santa que se abre con apoteótica entrada pola Porta Dourada, seguida dunha cea de despedida, de traizóns de discípulos, do lavado das mans de Pilatos... flaxelación, escarnio, pero tamén da axuda dun cirineo, do alivio do pano das mulleres... e finalmente, ao pe da cruz, soamente quedan o amigo e a Nai. Viacrucis, metáfora, performance, Requiem que tanto ten inspirado.

Como o sol seguimos o camiño dun principio ao fin, sábeno ben en Fisterra e celébrano en Semana Santa. Por algo, nestes confíns, entre todas as cores, o Arco da Vella semella un solemne pórtico de arribadas ou dende o que erguer áncora cara a odiseas no Océano Maior.

Por toda Galiza os camiños están feitos, tripados e abeirados de Cultura, de Arqueoloxía, Historia, Etnografía, mitos... ás veces maltratados. E nesas tradicións Fisterra ten demostrada vocación de ser cabo do mundo, catedral natural, de mitos e lendas, obrigada parada para o aventureiro filósofo. Atoparase que Fisterra e os fisterráns, curtidos polo mar, fanse querer, abertos a compartir a atracción do misterio da morte, a que nutre as tópicas negras sombras. Arrodeada dun nimbo de misterio que sube en ascese ao templo da Venus feita Virxe, o de Santa María da Area, onde se venera tamén a un xeito de Sol Invictus, de mistérico culto a Mitra, morte-resurrección, transfigurado en Santo Cristo, guedelludo, loiro, engrandecido polo escarnio, imaxe que se di, substituída pola de Ourense, e ambas aparecidos neste océano, alá polo século XIV.

Fisterra, de vida e morte, de loito, velorios, roda de comadres cubertas con pano, a dese escurantismo ao que se refería Francisco de Ramón Ballesteros, cronista da Costa da Morte, das súas crenzas e naufraxios... Aquí, entre o océano e a pedra, conviven en compaña as musas e as parcas, as moiras e as mouras, conselleiras entre a sutil luz nocturna da galaxia terreal dos espíritos dos devanceiros. Cabo de cemiterios e de tanatorios, que na andaina asaltan os sentimentos. Se hai un pobo vivo, de emigrantes, a velas vir polo mundo adiante, con fardel cargado de nostalxias ao lombo, esa é Fisterra. Xente representada en Alexandre Campos Ramirez, Alexandre de Fisterra (1919.2007) aventureiro, poeta, descubridor e editor de grandes poetas como Ernesto Cardenal, inventor de trebellos cos que pasar o tempo, do futbolín, amigo e testamenteiro do poeta León Felipe....

Non é casualidade que este cabo do mundo de pescadores celebre, como en poucas partes, de xeito humilde e simbólico, a Semana Santa, onde a tradición di que na Pascua sempre floreará o sol sobre a representación do Auto da Resurrección, coas Tres Marías, como as clásicas Tres Grazas da vida arredor do sartego da morte, témolo comprobado.

Celebración dunha metáfora de vida, morte e resurrección na Costa da Morte, confín que emproa e ergue altares ao extremo occidente, ao mar do Vésperus, ao océano dos atlantes. E hai quen soubo recoller e espallar estas mensaxes. Non nos cansaremos de dicilo, referímonos ao avogado fisterrán Benxamín Trillo Trillo, autor dun pequeno e intenso libro que nos mete baixo nas claves deste locus amoenus, Las Huellas de Santiago en la Cultura de Finisterre, editado polo Concello de Fisterra (1983), prologado en primeira edición por Miguel González Garcés e en segunda (1999) por quen isto escribe, moi gustoso desa honra. Persoeiro, libro e camiños que inspiraron a Camilo José Cela a escribir esa obra abstracta que enreda pasado presente e futuro, rachando con todo criterio literario tradicional de novela, Madera de Boj.

Tras as pescudas de Trillo están as precursoras noticias do Viaje a Galicia (1745), de Frei Martín Sarmiento, entre as que se fai sobranceiro un lugar ao que acoden as parellas infecundas, o Monte e a capela de S. Guillerme, arriba da igrexa de Santa María da Area: resiste a estrutura rectangular do que foi un eremitorio que penetra nunha cova baixo una xigantesca peneda.Ermida que semella cristianizar un couto rodeado de megalitos . Lugar asociado cun anacoreta de época imprecisa, S. Guillerme, construtor da mesma e do seu sartego, e que a tradición dará en chamar "a cama do santo" , e que como paradoxo sobre dela realízanse os cultos fecundativos. Sepultura que un bispo mandou desbastar...pero a tradición continuou sobre o que queda dela. Tamén o sabio local Francisco Esmorís Recamán publicouno nos Caderno de Estudos Galegos (1958). Cuestións que atraían ao historiador da Arte Chamoso Lamas, deica confiarme unha prospección arqueolóxica, no ano 1980 e que axiña suspendín, pese a interesantes resultados, moedas do século XIV da ceca da Coruña... asumindo que escavar sen garantías de futuro, non era máis que expoñer o pasado á intemperie e ao vandalismo. O manto da terra e a soidade do monte era a mellor protección.

Monte do Facho que coroa Fisterra e os seu concorrido cabo e faro, sobre os que asoma a osamenta da terra, os penedos, as antas, as pedras con ritos fecundativos, de pasaxe, "pasar a pedra", cristianizadas como "Pedras Santas", a "sepultura do atlante Orcavella", pedras de abalar, "o mapa", "a pedra do Cabalo"... e no horizonte, as ilas Lobeiras no mar de dentro e a serra rosa do Pindo máis ao fondo , e a carón do Cabo, á dereita a illa que abre a estes escenarios, o Centolo. Monte Facho de Fisterra, gardador de tantos mitos, tan en relación con outros picos sacros na beiramar galega, fachóns orientativos, veladores.

Ábrese o libro de Trillo asociando Fisterra coas míticas Aras Solis, en relación coas que ergueu nestes confíns do imperio conquistado, no ano 23 a. C. o cónsul L.Sestio en honra de Augusto. Altares, con situación imprecisa, dos que dan noticia varios cronistas, Mela, Plinio especialmente Ptolomeo que as pon cara o Septentrión, fronteirizas co Cantábrico, despois do Promontorio Nerio... os asturianos lévanas cara a Xixón. Tamén abonda Trillo en Duio, a cidade castigada das lendas xacobeas, asolagada por prender a Teodoro e Anastasio, os discípulos que buscaban lugar pra darlle terra ao corpo do Apóstolo... o mesmo que lle contaron no 1837 ao trotamundos do Cornualles, educado en Escocia, céltico pois, axente bíblico protestante, don Jorgito el ingles, George Barrow, tal cal di en La biblia en España 1843. En Duio atopanse vestixios de toda a prehistoria, moito antes do tan gabado Tira do Cordel que tamén merece coñecerse pola súa grella de robaliza e sargo, marisco e tradición galega sobre a mesa... a longa praia de Lagosteira, de lacus, que nos empeñamos en mudar por "Langosteira". E máis arriba, mirando ao horizonte infindo do océano, o Castromiñán, terrapléns, foxos, espiral tatuada na terra pra acoller un pasado que convida a sabelo.

Un camiño que vai e ven a Compostela, que trae e leva ás pedras, tamén "santas" do Santuario da Barca... altares que compartía e celebraba, cando poucos o facían, o entrañable e sempre lembrado Pedro Marfany Vilarassu. Tempo pra avivar memoria, Historia.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine