Amin sempre me gustaba dar boas noticias pola radio cando traballaba en Radio Nacional de España. Nunca puiden facer un programa só de boas noticias, pero o certo é que, como xornalista, un séntese moi pleno, moi en paz co seu interior e co conxunto da humanidade cando da unha boa noticia. E tamén me gustaría darlles boas noticias todos os luns neste artigo. Aínda que fosen inventadas. Con titulares diferentes. Nada sensacionalistas, nin modernos, tampouco moi literarios. Sinxelos pero bonitos. Un cartafol de alegrías que alumeasen o día. Poñamos algún caso, un primeiro o titular: Os lobos do Caurel oubearon a coro. E logo o desenvolvemento: "Unha ducia de lobos da serra do Courel reuníronse na pasada noite con motivo do vinte cabodano do poeta Uxío Novoneyra. Os lobos, ao atopárense, oubearon a coro durante unha noite na memoria do poeta que tantos os cantou". Ou este outro: A beleza da bolboreta. "A palabra bolboreta, encóntrase entre as dez palabras finalistas a ser elixida a palabra máis bonita do mundo. No concurso participan palabras de cento vinte idiomas do planeta Terra". Ou por último, este: Boris e Toxo á conquista de Hollywood. "Os coñecidos cans Boris e Toxo, ambos curmáns de cor negra, actuarán na película protagonizada por animais e humanos Da Terra a Lúa, onde interpretarán o papel de mascotas dos actores principais do filme. Esta vez, por fin, dous artistas galegos conquistarán Hollywood. A película, baseada na novela de Jules Verne, será estreada no vindeiro Nadal e agárdase que sexa un éxito de taquilla de proporcións incalculables". Noticias que falan da arte dos cans, da música dos lobos e da beleza das palabras. Bolboreta. Que lingua temos tan fermosa. Mais, desgraciadamente, unha vez máis terei que dicir que me encontro desolado. Despois duns días illado na Costa da Morte, todo segue igual. Catro señores non se poñen de acordo para cobrar unha pasta. Todos queren ocupar o mesmo trono, mais non son reis. Un palacio de nome Moncloa é o motivo dos seus desvelos. Se é que non dormen a perna solta. Porque hai xente para todo. En fin, que a boa noticia é que seguimos vivos e a mala é que as nosas vidas continúan en mans de incapaces.