O labirinto do alquimista

Os Reis do Grial

20.03.2016 | 01:32
Os Reis do Grial

Titulo semellante ao do libro escrito polos historiadores Margarita Torres Sevilla e José Miguel Ortega del Río, Los Reyes del Grial 2014, Madrid. Obra construída dende as fontes históricas, na orixe do Reino de Galiza-León. Vai sobre a cunca pola que bebeu Cristo na Última Cea, inspiradora de lendas artúricas, arqueoloxías e teorías. Fábulas ricas en simbolismo, a rebordar de herdos célticos, en relación cos caldeiros sagrados pras apócemas comunais. Non faltan os que asocian o Grial coa Pedra Filosofal, coa Lapsit Exillis, a pedra da coroa de Lucifer... coa Fonte da Eterna Xuventude, coa Árbore da Sabedoría, co Axis Mundi, centro do Labirinto...

Mitos que se acrecentan arredor do temido ano mil, para o que se anunciaba a Parusía; tempos de cruzadas, de Milites Christi, os que retornaban cargados de experiencias e reliquias, séculos do Románico. Tema que inspiraba a novos bardos célticos, cantadores das xestas do pobo, dos seus heroes e das súas reivindicacións. Continuados polos contadores cortesáns, polos bieitos e en especial por Chretien de Troyes, autor de Parceval ou a lenda do Grial, base do ciclo bretón, entre o que se enreda o Rei Arturo e a súa irmandade da Taboa Redonda. Aluados cabaleiros que terán paso pola lagoa de Antela, polas cimas do Cebreiro... ascese, nova odisea entre os estremos celestes e infernais, en busca o Grial... tema que versiona o alemán Wolfram von Eschenbach.

As lendas británicas do século XII referidas á Copa da última Cea, como a Crónica do monxe Froidmont, refírense ao escoitado séculos atrás, que a un ermitán se lle aparece Xosé de Arimatea e lle entrega o Cáliz da Última Cea, o Grial, con escenario en Glastombury, no túmulo prehistórico cristianizado, e por medio o leal cabaleiro Galaz ou Galahad.

Os reis deste extremo occidente de magos, afianzaban o seu poder e as cruzadas nas reliquias e nos santuarios feitos sobre elas. Señores representados no seu trono, nunha mau o globo terráqueo coa cruz e na outra o cetro, vara máxica do poder.

Hai moitos griais, con autenticidades rebatidas dos uns polos outros, entre eles o da Catedral de Valencia... asuntos que enredan historias de viaxes. No 2011 uns pergameos mudarán esta Historia. Será o arabista Gustavo Turienzo Veiga quen os atopa na Universidade de de Al-Azhar, fundada pola dinastía fatimi no 975 no Cairo. Documentos que dan luz aos lugares polos que pasa tan cotizada reliquia da cristiandade, dos cátaros, templarios, mesmo de nazis e buscatesouros: inicialmente venerada no templo do Santo Sepulcro de Xerusalén e que no 1055 o califa fatimí regala ao emir de Denia, príncipe islámico, quen a súa vez llo entregará, como símbolo de concordia e paz ao príncipe de Navarra, conde de Castela que sería Fernando I de Galiza e de León (1037-1065), esposado con Sancha, irmán do Rei Vermudo III a quen sucede. Neste momento constrúese en León o conxunto palatino, para o que conseguirá as mesmísimas reliquias do sabio San Isidoro como base político-relixiosa do reino.

Cáliz que formaba parte dun simbólico ritual hebreo, da súa Pascua, o que rememoraba a liberación do poder exipcio, co sacrificio do año e o pan sen fermentar. Cordeiro mercado na explanada do templo, entregado aos sacerdotes para degolalo, e a súa sangre recollida en cunca, pra verter sobre a ara do altar. Así se fai na cea de despedida entre Cristo e os seus discípulos, con dereito de admisión, selección do viño, lavado de mans, banquete, bendicións, cánticos e brindes. Festa en terra oprimida, en rebelión local co imperialismo romano.

O cenáculo era escenario con algo de teatral, para a festa. Os xudeus sentados á mesa beben catro veces da mesma cunca, en relación coa liberación da escravitude e as promesas. O ritual cristián vaise diferenciando da celebración da Pascua xudía, e será Paulo, o que non estivo naquela Cea, o encargado das modificacións. O asunto é qué pasou coa reliquia do Cáliz nun Xerusalén de persecucións, no que degolan a Santiago, o derradeiro gardador das esencias do seu Mestre entre os conflitos dos zelotes, a destrución do templo... coa estatua de Xúpiter e do emperador campando sobre a explanada do templo... E velaí a resposta da fantasía, os mitos... No sc. IV a partir do concilio de Nicea, o bispo Macario, amigo da nai de Constantino, Helena abre as portas á oficialización e ao tráfico de reliquias... Desta época é o itinerario da galaica Exeria. Polo ano 400 reaparece a mención á Cunca no Breviario A, que a pon, xunto con outras reliquias da Crucifixión na cámara do Santo Sepulcro. Así mesmo no 570, Antonino Plancentini, peregrino de Piacenza, reafirma o anterior, sobre á "cunca de onix coa que bendiceu a Última Cea". No século VII a Guía Armenia referirse ao Santo Sepulcro e as súas reliquias á " Copa de Cristo cuberta de ouro". No 637 os islámicos toman e converten a Xerusalén no seu terceiro lugar de peregrinación, pese a todo o ambiente era de concordia, incluso Carlomagno mantivo embaixadas e troco de regalos. No 683 o monxe irlandés Adomnan fai plano de situación da "Exedra do Caliz de noso Señor", menta as reliquias e refírese a unha copa de prata, do tamaño dun "sextario" (0,547 litros) cun asa a cada banda. Dinos que "San Arculfo viuno e tocouno a través dun burato na porta do relicario ". Polo 692 o monxe Epiphanius fala do santuario quegarda "a copa pola que bebeu Cristo". En épocas posteriores o Commemoratorium refírese aos serventes no templo e pon "dous pra o Cáliz do Señor"... As relacións cristián-árabes complicáronse, os cruzados non atopan o Cáliz, entón medran as lendas. Son anos do excéntrico califa fatimi Husein al Hakim Bi Amrillah (996-1021), do que o cronista al Maqrizi relata que deu orde para saquear as reliquias da Igrexa da Resurrección de Xerusalén, concorrida polos cristiáns cairotas. Atacouse ao Santo Sepulcro e ás comunidades cristiáns e xudeas sufriron unha forte persecución. Sucédelle o seu fillo Alí az Zahir que pola contra mantén boas relacións con Bizancio, autorizando reconstruír o Santo Sepulcro. Son anos de fame, os musulmáns do Cairo solicítase axuda ao reino taifa de Denia, concedida agradécese coa doazón ao seu sultan Ali Iqbal al Dawlacomo da "Copa do Mesías".

O devandito documento da Biblioteca islámica de Al Azhar do Cairo di que aquela venerada Copa estaba nunha das igrexas dos arredores de Xerusalen... O documento refírese ás súas propiedades milagrosas para os cristiáns e que finalmente foi desexo do sultán de Denia entregarlla ao Rei de León Fernando "para afortalar a súa amizade". Documentos musulmáns en relación con Saladino fan alusión a que se lle tiña pedido un anaquiño da mesma Copa pra curar á filla de Carlomagno...

A partir de 1072 e facendo os monarcas partixas dos seus reinos, a filla de Fernando I dona Urraca de Zamora, irmán de don García, protectora do Cid, recibe en herdo a reliquia. A raíña síntese gardadora dos valores espirituais, tal cal se expresa no Panteón Real e na colección de reliquias da Colexiata de San Isidoro, no Cáliz, centrado pola inscrición In nomine Domini Urraca Fernidandi.

A cunca segue trazos helenísticos-romanos, de agata, posiblemente labrada en Alexandría, foi recuberta en período románico por cinta de ouro, filigrana, con cabuxóns de pedras semipreciosas, perlas e un camafeo. Á cunca fáltalle no bico aquel anaquiño que solcitou Carlomagno.

Reino Galaico-Leonés, asentado e afervoado en reliquias, nas do Apóstolo íntimo do Mestre, no Cáliz do Convite, e mesmo nas do sabio máis sabio do seu tempo, San Isidoro...

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine