Los coches tienen que circular por las carreteras, y de los aeropuertos tienen que despegar aviones, porque sino es así, tenemos un problema". Ai, Don Mariano, é vostede un presidente indefinible. Todos os días nos da un titular suxestivo. É insuperable. Ningún presidente anterior acadou un máster en humor de tan alto nivel como vostede. E si, temos un problema. É máis, temos moitos problemas. E non son precisamente o seu peculiar xeito de ver a vida e a morte, senón a lectura axeitada que vostede, os seus camaradas de partido, e os militantes e políticos dos outros partidos teñen da realidade do Estado que habitamos. Vostede, xunto con Sánchez, Iglesias e Rivera, son unha especie de cabalos da apocalipse. Primeiro, porque son moi grandilocuentes na análise dos acontecementos que nos suceden aos administrados, e, en segundo lugar, porque segue habendo desahucios, paro, listas de espera, pobreza, mocidade que emigra en busca de oportunidades de traballo, e vostedes non cabalgan para solucionar estes problemas. Levan folgazando, cal zanganos na colmea, desde hai meses. Eu non era partidario de novas eleccións, pero creo que tanta tardanza merece que as haxa. Vostedes son frívolos, irresponsables, presumidos, ególatras, e sobre preguiceiros. Ningún presidente do goberno pode dicir, nun período en funcións, que ten a axenda moi libre. Non. E o resto non poden andar todo o día enredando con reunións, escribíndose correos ordinarios, correos electrónicos, facendo convencións e roldas de prensa diarias. E temos máis problemas. Temos a corrupción. E temos aos corruptos. E aos que dixeron que viñan a acabar coa corrupción e que resulta que son moi mentireiros. Rista Maestre, nega que participase no asalto á capela dunha universidade madrileña, pero os documentos gráficos testemuñan que estaba alí. E tan difícil recoñecer un erro? Dicir a verdade? Neste país parece como se cando un acada un posto de responsabilidade política, renunciase de inmediato á súa ética persoal anterior ao cargo, e coa que camiñou pola vida ata ese momento. Por outra banda, temos uns antidisturbios que non se cortan nada en zouparlle a un preferentista, pero que non interveñen contra uns bestas holandeses que destrozan cafeterías, humillan a indixentes rumanas ou cuspen sobre cidadáns españois. Hai medo? É unha orde superior? Pegarlle un par de labazadas a uns macarras nos crearía un conflito internacional? En que territorio cometeron os desmáns estes borricos? En España, non? Pois xa está. Que vergoña. E, por último, pense un como Casado, Maroto ou Levy, ou pense diferente, o caso é que a súa decisión de non apoiar a Rita Barberá era máis que esperable. Son novos. Teñen un longo percorrido político por diante, e as xentes como Barberá son un lastre para a súa carreira persoal e, tamén, para o partido. Como ve, don Mariano, temos problemas. Pero vostede tranquilo, polas estradas seguirán circulando vehículos e dos aeroportos despegarán avións. Toda unha filosofía de vida.