Todas as relixións arrodéase dun nimbo de misterio que as fai aínda máis atractivas. Pompa de liturxia revestida de incensos, de ritos arredor de altares, aras, piares, ídolos... en espazos peculiares, covas, cimas, templos... O mistérico presupón iniciación, coñecemento da liturxia, identificación co deus. Así nacen confrarías de devotos e un almanaque de días fastos e nefastos. Dende a Prehistoria, Galiza, como xeoestrátexica proa de confín que se abre en portos e camiños, recibiu, sumou e sincretizou cultos duns e doutros nun singular cristianismo panteísta, franciscano que inzou o territorio de templos, viacrucis, cruceiros e imaxes de caciquiños santiños intermediarios.

Inicialmente o Imperio Romano, sempre e cando non tentasen contra a súa organización política, consentía a liberdade de cultos entre os soldados que conformaban as súas lexións, mozotes aventureiros, recrutados en procedencias afastadas e diversas, moitos deles dese Oriente Próximo que, coma nas migracións de hoxe, atopan paso por Anatolia, a Panonia Húngara e máis alá ou aquí do Danubio. Feroces militares, mercenarios que deixan constancia da súa presenza en campamentos de vangarda, nas civitas do Limes, o territorio arraiano, fronteirizo, mesmo como no noso extremo occidente, en Britania, nos templos a Mitra do muro de Adriano ou entre as murallas do Lucus dos galaicos. Entre os soldados das lexións constituíuse unha Militia Mitrae, reforzada pola temeridade, a esperanza de salvación e a eternidade. A astroloxía está moi presente neste culto,asociado a sacerdotes-magos.

Entre os vellos cultos orientais, indoeuropeos, os que inzaron o Imperio romano a partir do século I a.C, sobrancea o mitraismo, competindo posteriormente co mesmo cristianismo, no que se diluirá e este aproveitará os aspectos da antiga tradición do sacrifico do touro. Relixión mistérica, que fundamenta a súa teoloxía no Secreto Arcano, onde non chega a razón.

O culto a Mitra é relixión documentada pola arqueoloxía en todo o Mediterráneo, alí onde chegaron as lexión romanas, en covas, esculturas, aras, ofrendas.... non tanto polas fontes literarias, moitas delas de autores cristiáns cando rebaten ás relixións pagáns. As noticias pérdense no século V a.C. entre outros en Herodoto e xa abrindo a era en Porfirio, Plutarco e entre os cristiáns ofrecen datos Tertuliano, San Xerónimo, o Aeropagita, Xuliano o Apóstata, San Agostiño ou Paulino de Nola.

Os mitreos son templos, construcións que ofrecen datos referentes ao mistérico culto a Mitra, inexplicable, baseado na experiencia ritual. Culto fundamentalmente urbano, que tiña como devotos e divulgadores, entre outros, a comunidades de libertos, funcionarios, mitos soldados, escravos e mesmo comerciantes. Espazos pequenos, para unha comunidade pequena tamén, orientados, en relación co nacer e a posta do sol, subterráneos; antros nos que se lembraba que Mitra naceu nunha cova e aguillou ao touro para matalo noutra cova. Templo organizado como un comedor rectangular para un banquete ritual, decorado cun xeito de murais, a modo dun catecismo en relación co movemento cósmico, o zodíaco, a rexeneración... suxestión de preguntas sobre a vida e a morte: o ordenamento do cosmos, do mundo, do trasmundo, tentando establecer un xeito de comportamento, unha liturxia e uns ritos.

Mitra comezou considerado como un semideus menor en territorio persa, nese Irán de magos asesores de monarcas, con con relacións cos textos avésticos deste país, así como coas tradicións védicas, isto é da civilización India. Relixión con raiceiras no zoroastrismo e no mazdeismo, que parten das tebras á luz, do caos ao cosmos...difusores de xeométricos símbolos astrais. Principios que irán collendo auxe co novo imperio romano, o que retoma as tradicións e as ansias expansionistas de Alexandro Magno. Culto machista, negado ás mulleres, as que se refuxiaban na devoción a Isis, de procedencia exipcia, e moi especialmente na Gran Nai, Cibeles, de orixe neolítico, anatólico...que dará orixe a María...

A mitoloxía conta que Mitra naceu cando renace o sol, o 25 de decembre, celebrado feito, o que aconteceu tamén nunha cova, entre as raiceiras dunha árbore, ao pe dunha fonte... en relación coa Nai Terra. Representábase como un atlético mozo cuberto con gorro frixio, alusivo a súa identidade indoiraniana, unhas veces cunha espada na man e na outra cun fachón de lume, as mais acometendo a un touro, pra espetarlle unha espada no pescozo. Do sangue do touro xurde a semente, a vida.... Imaxe rodeada doutros símbolos: o can que lambe a ferida do touro, a serpe, o corvo, o escorpión que pincha os testículos da besta brava, o cangrexo.... A taurotocnia, o taurobolio é a liturxia do sacrifico da forza bruta, oculta, da terra . Velaquí as raiceiras da tauromaquia. Ás veces a unha e outra banda de Mitra aparecen representados os persoeiros de Cautes e Cautopates con cada seu facho de lume, un cara arriba, outro cara abaixo. Na secuencia mitolóxica, Mitra, despois de matar ao touro, celebra un convite co Sol, xantan a carne do animal e beben en comuñón. Significación sacramental, valor escatolóxico de unión da divindade co devoto, actuando toda unha xerarquía de iniciados, por grados, dende o Pater aos neófitos e por medio os servidores. Mitra, mediador entre o Ceo e a Terra, despois do seu maxisterio, ascende aos ceos...

Mitra, Sol invictus, é divindade mediadora, forte ante a debilidade para superar a incerteza, entre as tebras e a luz. A creación renóvase e o cosmos recibe o seu ordenamento. E sempre o sol como lume creador. Velaí as fogueiras nas festas tradicionais de carácter agrario. Culto en relación co mundo do agro, coa anovación anual da fertilidade, cos equinocceos e os solsticios, forza que xurde do interior da terra. Morte-resurreción, liberarse das tebras, do sartego da morte. No sacrifico do touro simbolízase un acto creador e salvador da natureza, asociado co Sol e mesmo con Afrodita. O profesor canario Israel Campos Méndez ofrece o que buscamos sobre o tena no seu traballo Fuentes para el estudio del Mitraismo (2010).

Os misterios preocuparon en todo clasicismo, no Renacemento, na Ilustración... a dinastía iraniana do Sha Pahlevi, aproveitou o tema de Mitra para divinizarse e someter.

No 2003 en area inmediata á Catedral e á porta de Santiago nas murallas de Lugo, atopáronse as estruturas dunha gran mansión, agora aberta ao público pola Univeridade lucense e denominada Domus do mitreo, por mor dunha inscrición nun ara que fai alusión ao seu dedicante Gaio Victorio Victorino, centurion da Legión VII gemina antoniniana, pía quen feliz dedica esta area ao deus invicto Mitra pregándolle pola protección da oficina de impostos lucenses e dos libertos, así como polos membros da súa familia, Victorio, Segundo e Victor. Entre un pequeno anaco de escultura en bronce alusiva á divindade, restos de pintura mural, mosaicos e materiais de uso ritual e doméstico...gran construción datada posiblemente do século II, posteriormente expropiada para a ampliación das murallas da cidade.

Acaído tema e visita a Lugo, a Cidade do Sacramento para o tempo novo da Pascua Florida.