Gordos contra vagos

28.03.2016 | 00:24
Gordos contra vagos

Durante unha recepción diplomática en París, o nuncio monseñor Roncalli, anos máis tarde Xoán XXIII, coincidiu co dirixente comunista Thorez, ao que saudou coas súa bondade característica, dicíndolle: "Aínda que a vostede non lle agrade, os dous pertencemos ao mesmo partido". Estrañado, Thorez, preguntou: "E que partido é ese?" Ao que o nuncio contestou humoristicamente: "Cal vai ser? O dos gordos". Así pasa no noso parlamento. Hai moitas ideoloxías diferentes, moitas maneiras de entender o mundo e de non entendelo. Hai parlamentarios de dereitas, de esquerdas, liberais, nacionalistas, homes, mulleres?seres aos que une un destino común, servir ao seu país. Vaia, servir ao seu país e formar parte dun mesmo partido tamén común. Neste caso non o dos gordos, senón o dos vagos. E explícome. Na pasada semana, as súas señorías, tiñan que reunirse o martes para preparar o pleno do 30 de marzo, ese pleno no que ían recriminarlle a Rajoy o feito de que non quixese dar contas das súas xestións ao Parlamento, por tratarse, segundo o Partido Popular, dun goberno provisional, en funcións. Todo seguía o seu curso normal, ata que algúns, caeron na conta de que se retrasaban a reunión do pasado martes para despois da Semana Santa, daquela o pleno non tería lugar ata dúas semanas despois, polo que as súas señorías, marcharían de vacacións quince días. Patxi López, presidente do Congreso, cando recibiu a proposta dun dos grupos, propuxo aos parlamentarios que se votase, que lle parecía unha decisión moi importante retrasar un pleno, cando se levaban meses sen poder formar un goberno, e a opinión pública andaba algo alterada. Así que pedía unanimidade á Cámara neste asunto. E obtívoa. Tantos dos da vella política, como dos da nova política. Porque, verán, en cuestións de vacacións, non hai políticas vellas ou novas, hai picaresca. Esa desgraza que sacude á sociedade española. Todos votaron a favor. Que facemos? Non había algúns que dicían que cousas así, con eles aí dentro, non volverían pasar? E non criticaban a Pedro Solbes e a Chacón por quedarse durmidos durante a intervención nun pleno de Mariano Rajoy? Pois, xa ven, un dos seus "tomadores do pazo de inverno" acaba de ser sorprendido por unha cámara de televisión facendo unha sesta rotunda. Mágoa que a os atentados en Bruxelas o envolvan todo. A dor das familias e a morte dos inocentes deixan estes detalles da nosa política cotián reducida a miseria provinciana. Todo o amor para os que nos deixan. Todo o desprezo para os seus verdugos. E tamén para os membros do partido dos vagos. Prefiro ingresar no dos gordos. Polo menos aprendería algo de Roncalli. De Thorez, non tiven a fortuna de coñecelo. E tomen o de fortuna como unha ironía.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine