Se son vostedes adictos, consumidores ou meras vítimas ocasionais das revistas de glamour, ou dos espazos televisivos ídem -o xénero non prendeu na radio, supoño que pola carencia de imaxes, pese á fonda tradición oral de contos, chismes e dixomedíxomes- saberán que o último acontecemento que partiu a pana -con perdón de tan pouco glamuroso xénero téxtil- foi o aniversario que lle organizou Isabel Preysler a Mario Vargas Llosa, fasto épico que xuntou o máis importante e exquisito das elites españolas. Mesmo mereceu un chío (un comentario en Twitter, non pensen outra cousa) de felicitación de Mariano Rajoy, un home pouco proclive aos excesos emocionais ("Felicidades a Mario Vargas Llosa ¡80 años! Nuestro único Premio Nobel vivo. Defensor de la libertad, orgullo de España y de toda América. MR").

Non sigan se pensan que vou criticar o namoramento súbito de prestixioso escritor e a esposa multirreincidente Isabel Preysler. Os cócteles químicos que nos gobernan fan das súas con nós como os deuses gregos facían cos humanos, e se ao autor de La fiesta del chivo se lle revolucionou as hormonas a unha idade na que bastante ten calquera con conservar dentes e pelo, que se lle vai facer. O que é revelador foi a festa. Patricia Llosa, a muller que levaba con Mario Vargas medio século, tíñalle preparada unha festa en Arequipa (Perú), cos amigos de sempre, compañeiros de escrita e da vida, editores, xornalistas, cos que durante unha semana, ou máis, compartirían excursións, trago e risas.

Mais apareceu o cóctel de hormonas e a Preysler, coa súa experiencia de anos de recepcións en casa do embaixador ofrecendo Ferrero-Rocher na tele. O 80 aniversario celebrouse no Hotel Villa Magna da capital española, con todo o esplendor madrileñí: a clase política, desde expresidentes (Felipe González e José María Aznar) a promesas da canteira (Albert Rivera) ou folclóricas retiradas (Rosa Díez, Ana Botella) ou por retirar (Esperanza Aguirre). Transoceánicos de todos os sectores, desde próceres en dourada xubilación (Álvaro Uribe, de Colombia; ou Sebastián Piñera, de Chile) a disidentes (Yoani Sánchez). E tamén periodistas, ou xente que sae pola tele, Boris Izaguirre e Jiménez Losantos, Rosa Montero e Luis María Anson en alegre montón. Por parte da hormona, un dos fillos, Enrique Iglesias, coa súa moza, Anna Kournikova.

Cada quen celebra o seu aniversario como quere, ou como quere quen quere a un, pero iso é o que dan de si as elites políticas, sociais e culturais españolas á hora de homenaxear a un escritor magnífico (aínda que cunhas ideas políticas na escala oposta), a un Nobel que aínda non defrauda?: Uns expresidentes rancorosos e amargados, ou que xa non residen nos países que gobernaron para non ver as consecuencias dos seus mandatos? Uns políticos de medio pelo que son máis coñecidos polas súas declaracións (que lles preparan) diante dos micrófonos que polas súas ideas no papel? Uns telepredicadores que parasitan o medio no que traballan no seu persoal beneficio?

Outra Vargas, Chavela, dicía que as persoas máis interesantes eran as mulleres con pasado e os homes con futuro. Isabel Presyler non ten pasado porque se reinventa en cada nova parella, e dos homes que estiveron no Villa Magna, vénlle futuro a algún? Pois isto é o que hai.