No ano da Encarnación do 1188, da era 1126, no día nas calendas de abril, os linteis dos pórticos principais da Igrexa de Santiago foron asentados polo Mestre Mateo, que executou as obras dende os seus fundamentos". Así consta, labrado, baixo os linteis do Pórtico da Gloria. Día pois pra celebrar, e así o fai dende o 2015, cando a Academia Galega de Belas Artes dedica a xornada a Mateo, como Día das Artes Galegas.

Esta institución nacida no 1849 e con base na Coruña, determinou por aclamación dedicar o 2016 á Castelao (1886-1950), a un tempo que se cumpre un século da súa chegada a Pontevedra pra encetar unha transcendente etapa de sensibilización. Toda a obra de Castelao está feita dende as raiceiras do humanismo, dende o "humus"; como el mesmo diría regada con "zume de terra e celme de tradición". Iso si, para coñecemento dos anestesiados no folclorismo, aclara que a chamada pintura tradicional semella un moble antigo. Pola contra experimenta cos trazos, coas sombras, coa luz, coas cores, procurando entre fondo e forma ritmos poéticos, un diálogo co "genius", cos trasnos e coas mouras das cousas e dos lugares. A base serán os saberes, as formas populares, as "máis verdadeiras": "da arte dos canteiros naceu o Pórtico da Gloria".

Autodidacta, ceibe dos abafantes ismos, mesmo das roturas cos clasicismos que envolveron o seu tempo, o Modernismo. Como teórico comenta as tendencias e elixe o camiño da identidade, o aporte local ao universal. Sen máis regras que os sentimentos, a razón, dirixidos a espertar emocións, denunciando a propensión á distorsión, ao esperpento, a estridencia, efectos con causa na dependencia... E hai quen se para no tema do Castelao artista, sen caer na tentación de diseccionalo, así o fixo o creador de formas Luis Seoane no 1969: non se entenda a obra de Castelao inscrita no ego da "arte pola arte", senón inseparable dunha ética e estética humanista, liberadora, en relación coa súa Terra e coas circunstancias do seu tempo, a descomposición da sociedade galega. Entendendo a "Galiza como célula de universalidade". Obra apoiada na experiencia, na teoría, divulgada alí por onde pasou, na sementeira a través de Nós, no Seminario de Estudos Galegos, creando escola de renovación, a de O galeguismo na Arte. Insistencia na estampa "A derradeira lección do mestre", obra que, ampliada, presidiu congresos... icono da Galiza de sempre, do humanismo.

Castelao formouse na cerna de Galiza, fillo dunha familia rianxeira, emigrante á Pampa Arxentina, onde na adolescencia coñece a retranqueira publicación Caras e Caretas. Pai preocupado pola formación do seu fillo -"¿Faite médico home, que enfermos non faltan nunca?¿... E a conciencia?"-. E faise médico, cunha recoñecida misión ao pe da gripe do 1918.

Castelao renega da súa mocidade troiesca, sobranceiro polas súas habilidades para o debuxo e a caricatura, solicitado para ilustrar algúns libros, La princesa del amor hermoso, La Casa de la Troya... publicando en Vida Gallega de Vigo. Medalla de Ouro na Exposición Rexional Galega, celebrada en Compostela no 1909 polo tríptico Unha festa na aldea. Inquedanzas de comunicación que se encetan publicando cos seus veciños, Ramón Rey Baltar, Eduardo Dieste en El barbero municipal de Rianxo (1910-1914), furando na cerna dos problemas da súa xente. A un tempo nacía en Francia a revista anticlerical e anarquista, L´assiette au berre na que publicaban algúns humoristas españois. Non había máis confluencia en fondo e forma, que un carácter crítico co abuso de poder. Castelao súmase a Acción Galega, multiplica actividade, a que se perde en publicacións de Madrid, Galicia e mesmo de Bos Aires: El Liberal, El Gran Bufón, El sol, La Ilustración Gallega Asturiana, Mi tierra, Suevia, La Voz de Galicia...

No 1916 chega a Pontevedra, despois de obter por oposición praza de funcionario no Instituto Xeográfico de Estadística. O ambiente da "boa vila" aviva as inquedanzas de Castealo, colabora na fundación das Irmandades da Fala nesta cidade, na creación do Museo, con Lousada Diéguez e o grupo ourensán formado por Vicente Risco, Otero Pedrayo e Cuevillas, encargase da dirección artística da revista Nós. No 1921, por unha beca da Xunta de Ampliación de Estudos, viaxa por Europa a fin de adentrarse na Historia de Arte, como resultado un sincero diario de viaxes, publicado parcialmente na revista Nós e finalmente en 1977 por iniciativa de Filgueira Valverde. No 1926 Castelao é nomeado numerario da Academia Galega.

Son anos nos que publica Cousas, eses debuxos que aguilloan a sensibilidade, complementados coa suxestión dun breve texto. Obra que entra na cerna dun pobo asoballado, mediatizado polo centralismo, polo caciquismo, pondo en valor a intelixencia popular. No 1930 Cincuenta homes por dez reas, catálogo de teimas, a través das das engurras da faciana, topografía psicolóxica, como os canzorros do Románico.

No 1928, acontecen unha serie de traxedias, morre o seu único fillo, con catorce anos e acompañado da súa muller vaise á Bretaña, a fin de afondar na arqueoloxía e historia dese país, como resultado o libro As cruces de Pedra na Bretaña (1930). Cando a Segunda República participa nas campañas políticas, creando o Partido Galeguista, elixido deputado nas Cortes. Do 1934 ao 1935 foi confinado en Badaxoz, onde debuxa e trama Os dous de sempre e escribe para a A Nosa Terra unha serie de artigos, que formarán base da teoría política recollida despois no Sempre en Galiza. No 1936 é elixido novamente deputado polo Frente Popular, sobranceira figura na campaña a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado o 28 de xuño de 1936, a un tempo que se acende a sublevación militar e a guerra. Necesariamente nacen os albumes de guerra: Galiza Mártir, Atila en Galicia, Milicianos, obras de valor intemporal e universal, modelo de arte e compromiso co ser humano. Dende entón toda unha odisea de exiliado: Madrid, Valencia, Barcelona, no 1938 New York, Habana, cidades que dan pe aos Debuxos de Negros, introdución ás reaccións dos colonizados, á morriña... No 1940 embarca para Bos Aires, sigue a Montevideo e colabora intensamente coas institucións republicanas no exilio, deica ser ministro sen carteira do goberno republicano no exilio (1946-47) con base en País. Morre un día despois do día dos Magos, tan sinalado en Galiza, un 7 de xaneiro de 1950, no hospital do Centro Galego de Bos Aires. Como herdo As cruces de pedra na Galiza, sobre a orixe, a evolución e tipoloxías dos cruceiros, arredor da filosofía da vida, o viacrucis, aes encrucilladas dos galegos... As súas cinzas foron trasladadas dende a Chacarita bonaerense á Bonaval no 1984.

Insistimos en etiquetar a Castelao, en buscarlle antecedentes, a incluílo en escolas, en estilos. Castelao atopa o exotismo, a orixinalidade nas propias orixes, na terra e na mesma singularidade do ser humano.

Ao pe do acontecer, Castelao preocupábase máis polos medios de difusión que polas técnicas artísticas. Por iso mesmo dedicou o seu tempo ao debuxo nos xornais. Creador de formas cargadas de intención, persistente en temas que lle afectan, a cegueira, a caciquería, a inxustiza, a emigración, a marxinación,o asoballamento... efectos da dependencia, da crise de identidade, a anomia, a ignorancia, a miseria, o servilismo, o sufrimento... Non entende como prioritaria a pintura. Sabendo tamén da forza do ballet, do cine...

O Museo de Pontevedra nesta primavera e verán do 2016 ofrece unha ampla mostra sobre o Castelao artista, proba de saber gardar e compartir a dimensión dun catecismo dos "bos e xenerosos" como pra un Sempre en Galiza.