Si home si

Panamá en canal

09.04.2016 | 01:07
Panamá en canal

Se a algo non lle atopo xustificación posible é ás navallas automáticas e aos paraísos fiscais. Coñezo perfectamente para que serven (polo menos no caso das navallas), as razóns polas que se crearon e o uso que teñen, e polo tanto porque seguen existindo (porque hai demanda), pero o que me estraña é a razón de que sexan legais. As navallas de resorte xa non o son, pero creo que desde hai pouco, ou hai pouco que desapareceron dos escaparates -son moi devoto dos escaparates de ferretería e coitelería, saquen as conclusións que queiran- das tendas, e xa de rapaz me parecía raro que as venderan, porque a finalidade da compra parecía obvia: poñela no pescozo ou na barriga de alguén, e mentres limpar as uñas mirando de esguello. Igual que agora me parece raro que alguén vaia a unha armería nos Estados Unidos a mercar un fusil metrallador M-16 con cara de póker. Porque ninguén vai a Iraq pola súa conta, non? Pois cos paraísos fiscais, o mesmo.

De entrada, é curioso o nome. Aquí chamámoslle "paraíso" (algo inalcanzable, a morada dos deuses onde só teñen acceso as almas puras, ou os que matan moito pola súa fe aos que profesan outra ou ningunha), cando en realidade, o seu nome orixinal en inglés, taxhaven, significa "refuxio, asilo fiscal". O máis probable e prosaico é que alguén confundiu haven con heaven ("ceo", "paraíso"), pero seguro que na confusión obrou o atavismo hispánico que pagar impostos é de xente pobre e de ruín condición que non pode facer outra cousa que achegar diezmos e gabelas. Na entrada do outro paraíso rexerá para os ricos a norma do ollo da agulla e os camelos, pero neste, no fiscal, son os ricos os que pasan, sen necesidade de atravesar agulla ningunha, aínda que algún camelo anda polo medio.

Wikileaks, organización pioneira nisto de sacar á luz documentos feitos para a escuridade, pediu que se revelase todo o arquivo saqueado do despacho Mossack Fonseca. Coñecemos as puntas do iceberg, que non dubido que sexan as que teñan máis interese informativo, pero cada un saca o que lle peta, e Wikileaks acusou ao consorcio internacional de periodistas que fixo a saca dos arquivos de estar financiado polo goberno norteamericano e o financieiro George Soros para sacarlle os trapos sucios a Vladimir Putin e amigos, e non os dos evasores norteamericanos. Quizais non se saquen todos para evitar o do galo do refrán, que rascando, rascando, atopou un coitelo.

Aínda co publicado, en Islandia levou por diante ao primeiro ministro, no Reino Unido David Cameron tivo que dar explicacións dun fondo que dirixía seu pai que non pagou unha libra ao Tesouro da QueenElizabeth e na China tiveron que censurar internet para que non se soubese dos negocios dos camaradas dirixentes. En España, por sorte, non pasa nada disto. Grazas á sabia medida que adoptou o ministro Cristóbal Montoro en 2008, de decretar unha amnistía fiscal polo que quen tivese os cartos en negro podía branquealos pagando só o 10% do defraudado (que como se aplicou a prescrición dos catro anos, ao final foi dun 3% ou así), case todos os cartos panameños volveron á Madre Patria. E ademais, ter un peto nun paraíso fiscal non é delito. Delito é non cotizar por eses cartos. Claro que se vas cotizar por eles, para que pasas o traballo de levalos alá?

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine