O gran fabulador bonaerense, Mujica Lainez é o autor do Escaravello (1992) novela na que unha pedra de lapislazuli, que formou parte dun anel de Nefertari, conta o que "viu" dende a época de Ranses II até hoxe. Como a que puidera contar a cunca ou casco atopado en Leiro de Rianxo e dende o 1976 no Museo Arqueolóxico da Coruña. Historias de tesouros dos mouros que enriqueceron mitos e casas labregas. A realidade supera ao maxín.

O Concello de Rianxo, con tanta prehistoria e Historia tas si, lembrou en conferencia este 7 de abril do 2016, que hai corenta anos un mariñeiro-labrego atopou na súa beiramar de Arousa esa enigmática cunca de ouro. Tocounos a parte desa Historia interminable, a un tempo que me estreaba como conservador no museo da Coruña, coa ansía de darlle unha nova dimensión, fronte aos herdos e ao acoirazado couto dun espazo de exposición e de almacenaxe con historia militar propia, húmido e nada flexible para os novos fins.

A primeira misión naqueles momentos de sombras e mudas foi abrir e seguir os trámites de adquisición do casco. Longa burocracia co Ministerio de Educación y Cultura de Carlos Robles Piquer e con delegado en Coruña, Pedro Caselles Beltrán, con eficiente secretario por medio Parguiña Lage. Eficaz equipo que asumía a importancia do achado.

Atopouse nesa beiramar rianxeira de Arousa, neses areais de piñeiros sobre os que, de cando en vez, canta o desacougante vento mareiro que interpretou Castelao, a carón da aldea de Leiro, de limoeiros, vides e hortas... O actor, Xosé María Vicente Somoza, con sacho en man disposto a cavar a cimentación para un galpón, entre penedas, curruncho axeitado pra aliviar denantes das faenas; por algo coñecido como "Curruncho dos porcos". Cando afondando no humus a sacha petou cun cacharro groso, de barro, que fendeu en anacos. Bateu de novo, até que asomou á luz o ouro da cunca, deixoulle unha fenda na lámina da semiesfera... Dende a Prehistoria, aquilo pasaba ás mans de hoxe.

Peza ritual cuns tres mil anos de antigüidade, dos fins da Idade do Bronce, o sc. VIII a.C, quizais. Xosé María compartiu coa aldea o achado do tesouro, entrou nela coa cunca como trofeo-casco e todos deron en falar dos tesouros dos mouros. Don Emilio, o párroco pasou noticia aos medios, conseguintemente medrou o interese, seguido da declaración ante a Garda Civil de Rianxo, dicindo que o atopara a máis de cincuenta centímetros de fondura, nunha parcela da súa propiedade...entón comezou a roda burocrática de aplicar a Lei e establecer dereitos.

Gonzalez Reboredo, da Sección de Arqueoloxía do Seminario de Estudos Galegos, do Consello Superior de Investigación Científicas presentouse no lugar do achado, a peza pasou a custodiarse no cuartel da Garda Civil, até que se acordou a compra por parte do Ministerio de Educación e Cultura. Parte na que entro: Filgueira Valverde, do Museo de Pontevedra, estaba atento ao acontecer, xa que até entón moitas pezas eran depositadas, por Orde ministerial neste Museo. Interesado tamén Martín Almagro Basch, Director do Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid, que removía no Ministerio para reintegrar esta antolóxica peza ao "seu" museo. Puideron máis nos despachos as xestión levadas dende Galiza polo meu titor profesional, entón Comisario do Patrimonio Cultural de Galicia, Manuel Chamoso Lamas pra que a peza se depositase no Museo Arqueolóxico Provincial da Coruña, así foi e a así sigue.

Recibimos o casco de Leiro solemnemente, con todas as autoridades presentes, divulgámola deica convertela nunha icona da arqueoloxía galega: fixemos postais, diapositivas, saíu na portada da guía telefónica, en varios almanaques e mesmo nunha visita dos Reis de España á Coruña, Sofía interesouse en ver o "casco" e alí nos mandaron coa cunca ao Concello, presidido por Liaño Flores, poucos alcaldes houbo tan positivos ás cuestións museolóxicas.

Pasaron case dous anos dende que Xosé María Vicente Somoza atopara o casco e cobrou a metade que lle correspondía, como parte da da taxación de dous millóns. A segunda parte pro Estado, por aplicarse a Lei de Minas: o que aparece no subsolo unha parte é do Estado e a outra do propietario do lugar do achado... Xosé María chamábame por teléfono interesándose, presentábase no Museo... dimos a cara e afianzouse a confianza mutua, xantar por medio.

Dende que ingresou o Casco de Leiro no museo da Coruña non foron moitos os estudosos que se preocuparon pola peza. Si acaso o coronel de Guimaraes Mario Cardoso, cando retomaba actividade despois da Revoluçao dos cravos, il que era dos de Salazar... Máis adiante Martín Almagro Gorbea, viuno, fixo análisis metalistográficos, interesouse tamén polos anacos daquela cunca de barro basto, que o protexía. O metal mostraba unhas pingas vermellas que podían ser resina...solicitouse para a exposición de Galicia no tempo e sen criterios científicos someteuse a unha limpeza e abrillantado mecánico exhaustivo.

Fun varias veces por Leiro á casa de X. María Vicente e de seu fillo Hector, nunha delas presentáronme a un mozote, Albino, que me dixo que tiña varias pezas de bronce que atopara no monte Lioiras, cando trazaba devasas: puñais, espadas, unha alabarda... mostrario de tipoloxías clasificadas en épocas diferentes. Mércamolas pro museo e fixemos unha nova amizade rianxeira. A arqueóloga madrileña Ruiz Galvez interesouse polas pezas pra estudalas. Máis modernamente Bea Comendador abriu novos camiños no estudo da metalistográfico.

O "casco" ou mellor cunca de ouro do Leiro rianxeiro, axiña a relacionamos con outras pezas, como as cuncas do tesouro Villena, Alicante,mesmo coas cuncas de Axtroki, no concello de Eskoriatza, Gipuzkoa, aparecidas baixo uns penedos, quizais altares. "Artefactos" con herdos da cultura Vilanoviana, do inicio da Idade do Ferro, no norte de Italia, orixe dos etruscos, caracterizada pola incineración e enterramento en furnas... pobos cargados de orientalismo, indoeuropeos, que suman aportes dos Pobos do Mar, meditarráneos... cerámicas e placas de metal decorados con eses motivos impresos de circuncentros, entre bandas paralelas, en relación co tachoneado e suxerindo un tema astral. O remate con ese "rabo de "boina" e que pode denotar a feitura da semiesfera a partir dun cucurucho cónico, sobresaíndo sempre ese pico. Semiesfera que imitaría, en ouro, traballos de metalistería feitos en placas de cobre...

O casco pode responder a ese momento dunha forte economía de minaría e da metalurxia,cando se castran montes en lugares estratéxicos pra nacer os castros.

Hoxe o casco de Leiro complementa as coleccións áureas, tamén coa súa Historia, expostas na cámara acoirazada de San Antón, antigo calabozo, no que penou o mesmo ilustrado Alexandro Malaspina. Os anos obrigaron a remodelacións que achegasen os tesouros ao público, sabendo tamén que na maioría dos museos expoñen reproducións difíciles de distinguir, o que xa forma parte do programa de seguridade de cada centro.

Ouro prehistórico que pon a proba canto dicían os cronistas grecolatinos sobre as minas e os ourives galaicos. O tear da Historia continúa a facerse e desfacerse. E non todo para nos museos.