Devagar, aos poucos, esta cidade de A Coruña e a profesión actoral vai caendo na conta da dimensión da figura de María Casares. Custou. Cando o socialista Méndez Romeu, o director de teatro Antonio Simón e un servidor comezamos a navegación para acadar chegar á badía da organización dos I Premios de Teatro María Casares, os atrancos recibidos ao longo dese proceso foron amplos e diversos, e fixeron perigar a iniciativa.

Por iso, é xusto que se recorden os nomes dos que puxeron en pé uns premios que, este ano, acadaron a súa vixésima edición e que gozan dunha magnífica saúde. Seguindo coa tentativa de reivindicar a figura de María Casares na nosa cidade, agora chega ata a Casa Casares Quiroga, un recital de poesía singular, organizado pola Asociación de Actrices e Actores de Galicia.

Un recital baseado nalgúns dos textos predilectos queridos de María. Textos que a foron acompañando ao longo da súa vida. Versos de Villon, de Rimbaud, de Baudelaire, de Curros, de Alberti, de Lorca, de Rosalía, de Lorenzo Varela, de Machado, de Luís Seoane. De igual xeito que organicei os primeiros premios María Casares, tócame agora, ter a honra de dirixir este espectáculo onde as actrices Manuela Varela, Rebeca Montero, Amalia Gómez e Sabela Hermida, acompañadas pola violinista Dinorah Valdés porán en escena algúns dos poemas máis queridos da actriz coruñesa e universal. Trátase de levar adiante unha nova achega á figura desta muller iluminada polo espírito da Ilustración e por un talento innato. A conexión do público da cidade coa súa actriz será outravolta, estou seguro, sorprendente.

Porque cando se crearon os Premios de Teatro María Casares a cidade foi un fervedoiro. Todo o mundo quería conseguir unha entrada para aquela primeira gala. E cando, un ano despois se programou por primeira vez, con motivo dos premios, Os nenos do paraíso no CGAI, houbo que repetir o pase da película en dúas ocasións, pois numeroso público non fora quen de conseguir unha localidade. María, sempre tivo unha relación íntima coa cidade da que non puido gozar. O exilio fíxoa unha residente privilexia de París, pero unha ausente de A Coruña. Agora, estou certo, Coruña volverá arroupar as actrices que porán voz aos seus textos poéticos preferidos. Arrouparán a outras mulleres que como ela elixiron o endiañado e dificultoso camiño da interpretación. E aqueles que asistan, verán talento en estado puro. Unhas actrices que nos darán o seu momento de gloria. Xa saben, o cine da a inmortalidade aos actores, a televisión a popularidade, e o teatro, a gloria. Compartan con elas ese momento, María, a gran dama da escena francesa, quedaralles eternamente agradecida.