Dende 1983 cada xornada do 18 de abril está dedicada polo Icomos (Consello Internacional dos Monumentos, Unesco) como Día Internacional dos Monumentos e dos Sitios, neste 2016 ao Patrimonio cultural do deporte. Así é que o tema implica dende o piolet da montañeira viguesa Chus Lago (1964) pasando pola camiseta do triatleta de Ordes Ivan Raña (1976) ou os remos de David Cal (1982) de Aldán ao estadio de fútbol de Riazor e de Balaidos, así como canto puidera ofrecer a vida deportiva de Amancio ou de Suárez e moito, moito máis.

Nas orixes da Historia da humanidade está iso de adestrarse para sobrevivir, para a caza, o combate e velaí a arte e os espazos naturais apropiados para isto e que coas civilizacións vanse coutando e facendo máis sociais, deica os complexos deportivos de hoxe, asociados ao espectáculo. Sabemos dos circos e dos estadios grecolatinos, dos campos de pelota dos maias e dos incas... Comprobamos que moitos pobos presumen de deporte nacional e de canchas específicas, velaí os frontóns pra a pelota vasca. En Galiza, como moito, o xogo da chave, a que se improvisa en calquera corredor pra lanzar habilmente os pesos de ferro.

A Historia de Galicia, arrastrada pola dependencia, polos seus efectos como a emigración, non estivo moi na banda do deporte, tal como se entende hoxe, asociado ao espectáculo. Os inicios están a finais do século XIX e nas cidades portuarias, tan en relación con Inglaterra. Así no 1881 créase en Vigo a sociedade EL Gimnasio, seguindo o modelo promovido en Compostela pola sociedade económica de Amigos do País. Entre os deportes practicados en Galiza o ciclismo é das primeiras modalidades competitivas seguidas, asociada ao excursionismo e será novamente en Vigo, no Ferrol, na Coruña, en Compostela. No 1894 José Fernandez Tafall redactor de Gaceta de Galicia convoca unha volta a Galiza en bicicleta. A un tempo o fútbol vai inzando polas cidades, polos centros o Ensino: os colexios Dequit na Coruña, Fernando Blanco de Cee, as escolas da Unión Hispano Americana de Gondomar crean espazos e practican este deporte. No curso de 1894 incorpórase a ximnasia aos estudos, non sendo oficial até 1928. O deporte incorpórase ás milicias, as dictaduras acólleno como esencia da "raza". A arte, á escultura e á pintura resaltarán corpos rexos, os músculos, a forza.... Os nazis excederon nesa ansia, crearon grandes cidades deportivas, velaí en Nuremberg o Campo Zeppelin que Albert Speer deseñou para os delirios do superhome, ou o Foro Itálico da Roma de Mussolini... e foron referente.

O deporte caracteriza ás sociedades contemporánea e urbana, inicialmente machistas, e será a finais do s. XIX cando a condesa de Pardo Bazán, tan atenta ás modas europeas, quen inspirada polo sport, inglés use e espalle por aquí a palabra "deporte". E arredor del o carácter de diversión, lúdico e hixiénico que permite ademais que nazan e compitan entre si sociedades, con afervoados seareiros, símbolos, imaxes, rituais, modas e todo un espectáculo cos conseguintes usos e abusos.

O tema do deporte, das olimpíadas e máis do fútbol fende fronteiras e como se dunha relixión se tratara entremétese no máis íntimo. Sabemos que os museos máis visitados son os do Club de Fútbol do Barcelona e o de Madrid e a cuestión deberase aproveitar pra meter imparcialidade e humanismo e menos comercio e enfrontamento.

E axiña cavilamos nos emblemáticos estadios das cidades, asociados coas aliñacións de cada liga. Grandes espazos que moito teñen mudado nas derradeiras décadas. Cada vez máis campo e gradas coutados por multicentros que aproveitan a concorrencia, a demanda e a oferta. Novos centros de peregrinación, aínda que rematen rexentados por intereses espurios.

Galiza, aberta ao mundo polos portos e os camiños, non queda atrás, ensumida ou rezando. O fútbol entra axiña, cun século XX de tantas novidades. Nacen clubs e trámanse estadios, pónselle intención: o Estadio de Balaídos de Vigo data de 1928 e no seu devalar histórico sufriu varias modificacións e ampliacións que afectaron aos planos e a aquela obra inicial con tanto carácter simbólico, da que fora autor o arquitecto vigués Jenaro de la Fuente Álvarez, autor tamén da residencia universitaria de Compostela, conxunto este que vencella edificios e campos, alterado por un intervencionismo pouco afeito a gardar a radiografía da Historia. Aquela primeira maqueta de Balaídos xa é un tesouro para o museo da historia do club. Inicialmente estadio con cabida para 22.000 espectadores. Na fachada que o envolvía conxugábanse aspectos que lembraban ao mundo grecolatino con elementos galaicos. Algo similar acontecía na Coruña no Estadio de Riazor (1944), obra do arquitecto Santiago Rey Pedreira, incorporado a o novo urbanismo da Cidade Xardín e Escolar, presidido pola súa singular torre. Conxunto que tamén sufriu as consabidas reformas, especialmente por mor da celebración do mundial do 82 e un sucesivo parcheo. No 2003 presentouse un grandilocuente proxecto da autoría de Peter Eisenmam na liña dos grandes estadios-multicentros europeos, pero non entusiasmou aos poderes públicos nin mediáticos,a un tempo que o dispendio e a conseguinte crise ensombrecía o panorama.

O innovador arquitecto coruñés, Andrés Fernández-Albalat, introdutor por aquí do estilo internacional, é o autor do estadio de San Lázaro en Compostela (1993), pese ás limitacións orzamentarias resulta un dos estadios máis compactos de Galiza. Mesmo concibido con ansias de remodelacións futuras. Si acaso fáltalle color e cavilamos no estadio do Aveiro en Portugal, obra do 2003, do emblemática do arquitecto Tomás Taveira, o que xoga con módulos de cores, tan característicos dese barroquismo luso e dos pobos atlánticos.

E neso dos deportes náuticos en Galiza somos número un e velaí os clubes náuticos... e a Escola Naval de Marín, Complexo deseñado polo arquitecto Antonio de Cominges Tapias, que retoma os inicios de Jaime Santomá, morto ao caer dunha estada: conxunto residencial, escolas, amplos pavillóns, trazados coas novas tecnoloxías en ferro e formigón, incorporando a pedra, mesturando o neobarroco galaico coa grandilocuencia da Alemaña.

Infraestruturas deportivas que nacen da empresa e da mesma administración, escolas deportivas, federacións e moito galponismo sen graza, supondo 1975 un novo inicio. A piscina municipal de Pontedeume (1999), promovida pola Deputación da Coruña resulta exemplar e coidada obra dos arquitectos Raya, Quintáns e Crespo, como a de A Laracha ou Arzúa...

E o complexo hípico de Casas Novas en Arteixo, nacido no 2000, iniciativa da familia de Amancio Ortega, seguindo deseño da arquitecta Alexandra Fernández Gago e Alfredo Olañeta, onde a madeira ten o protagonismo. Como referente os arquitectos nórdicos, Alvar Aalto, xogando coa tradición, innovando, buscando o funcionalismo e o respecto á natureza...

Todo ten súa historia detrás, algo do que aprender pra a convivencia e a paz.