Asesor

18.04.2016 | 00:31
Asesor

A pregunta é: Ningún dos seiscentos asesores que hai en Moncloa, é quen de dicirlle a Rajoy que debe falar sobre Soria? Unhas palabriñas. Pouca cousa, pero algo. Quero ser asesor. E aínda máis. Como é posible que lle diga a un dos seus seiscentos asesores que non consideraba necesaria a entrevista con Jordi Évole porque se encontrou incómodo, pero que llo diga cando xa está feita? Quero ser asesor. Como é posible que se entere hai un ano, en Málaga, que o Gran Wyoming se mete con el no seu programa El Intermedio? Quero ser asesor. Pero do próximo presidente, porque moito me temo que Rajoy non vai repetir. Probablemente sexa outra vez candidato ás eleccións, pero non creo que sexa presidente. Soraya está xogando forte. Aos poucos foi segando as pernas dos seus rivais na carreira á Moncloa nos últimos anos. Soria, sonou para formar parte dun gabinete presidencial técnico, pero estaba enfrontado a Soraya desde a fusión de Antena 3 con La Sexta, e tamén polo tema das renovables. O certo é que Soria non tiña moitos amigos. O petróleo creoulle un profundo rexeitamento por parte dos seus paisanos e en Madrid nunca chegou a formar parte de ningún grupo de poder. Montoro, cuxa obsesión é dinamitar o Partido Popular de Madrid, está sendo un bo aliado de Soraya. Neste momento se necesitan. Enredaron para separar a Esperanza Aguirre da dirección do o partido na Comunidade Autónoma madrileña. Pero que non pensen Cifuentes e Cospedal que elas serán menos. Soraya quere ser presidenta e Montoro quere ser o home que move os fíos na capital do estado. Non estaría mal reler a Cuarta Parte da Ética de Spinoza. Aquela que se titula Da servidume humana ou da forza dos afectos. Aclararíanos moitas cousas. Pero deixémonos de rodeos. Soria tiña que dimitir. Mentiu. Deu versións diferentes sobre un mesmo caso. Púxose en ridículo. El mesmo foi quen se mercou a corda para a forca. Pero non debemos de perder de vista, con que celeridade se desfixo o partido deste home e con que parsimonia trata outros casos de corrupción. E tamén, todo hai que dicilo, a opinión pública, está empezando a estar farta dos xuízos mediáticos. Non se pode deter ao alcalde de Granada, e tratalo como un delincuente, se non se tiña nada contra el. Porque se lle solta as tres horas? Non había risco de fuxida. Sen unha orde xudicial non se debe deter a ninguén. A única orde que había era a de rexistro do seu despacho. Non é o mesmo que unha detención. Ao mellor é culpable. Pero, e se non o é? Pode gozar ou non da nosa simpatía, pero o estado de dereito ten que protexernos a todos. Os medios de comunicación non podemos xudicializar a vida política. Se ademais temos moito que rascar. Dani Mateo, xornalista televisivo, realizou unhas declaracións xustas e valentes sobre o señor Bodalo, ese que golpea embarazadas, mais ao día seguinte de criticar ao sindicalista, veuse na obriga de corrixir o que dixera. Non é Dani o culpable. El pon voz a un guión. Son os responsables do programa os que adoptan o papel do censor, censurados por un censor maior. As teles. A próxima campaña será a máis televisiva de todas. Aforraremos cartos, pero teremos aos políticos ata na sopa. Tempo ao tempo. E insisto: quero ser asesor. Un dos seiscentos. Aínda que sexa o número seiscentos da lista. E cun soldo digno, eh.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine