De Tania a Pablo ou aprendendo a convivir

25.04.2016 | 00:33
De Tania a Pablo ou aprendendo a convivir

Desde logo, o xornalismo é unha profesión rica e apaixonante. Sempre me pareceu un viveiro de experiencias únicas que só aos que o vivimos desde dentro nos produce unha excitación, un humor e unha carga literaria difícil de transmitir. Durante a emisión dun programa titulado Sin título, unha das peores eleccións para titular un programa creativo e de humor, tiven a sorte de entrevistar a personaxes tremendamente singulares. Un día contareilles o meu encontro co clan Flores, Lola e compañía ao completo no Hotel Atlántico. Pero, hoxe venme á cabeza a miña cita nun teatro vigués coa vedette Tania Doris, aquel lóstrego de sensualidade, anterior á chegada de Norma Duval ao mundo da revista. Eu agardaba un camerino e unha muller picantona. Cando entrei no mesmo, atopei a unha sobriña facendo os deberes, a unha tía que calcetaba e a unha monxa que parolaba con Tania. Resulta que a raíña da revista española era unha muller moi pía. Aquilo podería resultar decepcionante, pero ao final resultou divertido, moi entretido para a audiencia e o descobremento dunha muller libre e tremendamente solidaria cos máis desfavorecidos. E non é que a ela lle sobrasen moito os cartos. Eran épocas nas que no xornalismo agradecíamos que os oíntes nos chamasen para comentarnos os nosos erros, sempre era preferible que te corrixira un oínte por teléfono, sobre todo se tiña razón, a que chamase ao director, porque este, normalmente, ía escoitar moi pouco as túas razóns. Non resulta agradable, no noso oficio, tan extenso e dinámico, a redución, as palabras ocas e que, por repetidas, acaban por ser norma. Xornalismo serio, boa música, periodista de raza, un profesional progresista. Prefiro un xornalismo plural, unha música plural, un periodista plural. Así poñemos unha pica en Flandes polo xornalismo divertido, as diversas músicas do planeta e os periodistas amigos da liberdade. Tiven a fortuna de entrevistar a Sabato, a Torrente Ballester, a Manuel María, a Novoneyra, a Laxeiro, a Mauro Silva, a Cruyff, a Carballo Calero ou a Avilés de Taramancos. E podo dicirlles que en todos eles encontrei un ser humano sorprendente, inmenso e instrutivo. Non concibo o xornalismo como servidor de ningunha causa política e menos dos políticos. Por iso, aplaudo o aceno que tiveron os compañeiros de Madrid ao abandonar o salón de actos da Complutense cando o líder de Podemos, sinalou, dun xeito nada democrático o labor dun profesional que, probablemente traballe nun xornal ao que Pablo non lle ten simpatía. Pero non se trata diso. E menos, de tratar de escusar o seu mal proceder facendo referencia a que as palabras se pronunciaban nunha universidade e non nunha rolda de prensa. Alguén debería explicarlle a este home que ser universitario no Estado Español non é un acontecemento tan extraordinario, que, afortunadamente, desde hai anos, os fillos das clases máis desfavorecidas foron quen de poder pagarlles unha carreira aos seus vástagos e que, daquela, unha parte importante da xente que o escoita é universitaria, e sabe que a democracia se exerce en todas partes por igual, que non muda de grandeza polo ámbito no que se exerza. Nos bares, nas universidades, nos parlamentos, nos supermercados, nas roldas de prensa, na vida, comportamentos democráticos. Grandeza fronte a tanta mediocridade. Amar en lugar de xulgar. Convivir. Ter mestres, por exemplo, Mariñas del Valle, Seoane, Borges, Lugrís.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine