Posiblemente escoitaran que o BCE acordou eliminar os billetes de 500 euros, pola facilidade do seu uso en actividades ilegais. Por suposto, non é certo. Non digo que non sexa certo que os billetes morados de euro sexan cómodos de utilizar para o crime máis ou menos organizado. Non é certo que se vaian eliminar. Vanse deixar de emitir a finais de 2018. Pero continuarán existindo, valendo, circulando e podéndose cambiar. E constituíndo unha metáfora da UE: hai uns 600.000, soamente o 2,3% de todos os billetes que circulan na eurozona, pero o seu valor é o 30% do total. E un de cada dous de vostedes, se estiveran lendo o periódico a medias, non tería visto nunca ningún na vida real, soamente reproducido na noticia de que o van eliminar, se facemos caso das estatísticas do propio BCE. Un ben escaso que nos representa a todos en mans de poucos.

O de 500 euros é, despois do de 10.000 dólares de Singapur (6.725 euros) e do de 1.000 francos suízos (935 euros), o de denominación máis alto do mundo (que sexan Singapur e Suíza onde billete grande ande ou non ande é significativo). Nos EEUU o maior é de 100 dólares (ata 1969 hóuboos de 1.000 e de 5.000, e seguen tendo valor, pero pagan máis por eles os coleccionistas) e en Inglaterra, de 50 euros (en Escocia de 100). Na UE, o de ter un billete tan alto foi unha esixencia dos alemáns, que tiñan un de 1.000 marcos (500 euros), cando aquí tiñamos como moito o de 10.000 pesetas (que metía medo e resultaron ser 60 tristes euros) ou en Francia o de 500 francos, que pouco máis era. Non sei se no Bundesbank ou no BCE viron as posibilidades do billetón, pero noutros ámbitos onde a supervivencia depende de ser listo e de aproveitar as oportunidades, si. Un millón de libras esterlinas en billetes de 20 pesa 50 kilos, o equivalente en billetes de 500 euros non pasa dos 2,2 kg. Nunha caixa de cereais para o almorzo caben 300.000 euros. No Reino Unido, a Serious Organised Crime Agency (o FBI británico) calculou despois dunha investigación de oito meses que o 90% dos billetes de 500 euros en UK estaba en mans do crime organizado, e polo tanto, en abril de 2010, as axencias de cambio británicas deixaron de operar con eles. Aos catro anos da implantación do euro, a pesar de que a Fábrica Nacional de la Moneda y Timbre non estaba autorizada a emitir os billetes morados, en España estaba un de cada catro dos que había en circulación (despois de estoupar a burbulla inmobiliaria, estímase que o 11%). Pero aquí da investigación fiscal e policial non saíron conclusións. "Son una herramienta importante para los investigadores que rastrean el lavado de dinero. Matar el billete de 500 nos privaría de una pieza importante de información en la lucha contra el blanqueo de dinero", dicían fontes do Ministerio de Economía ao New York Times en abril de 2006.

Agora, os economistas alemáns e austríacos opúñanse á eliminación do billete morado con argumentos parecidos. "Alguén cree que porque non existan os billetes de 500 non haberá actividades ilegais?", dixo o presidente do Bundesbank, Jens Weidmann (o mesmo razoamento serviría para solicitar a venda libre de armamento lixeiro e pesado, a anulación das normas de tráfico, ou un exemplo máis a man, a da lexislación antidroga, que non está a facer moito por evitar o consumo). O caso é que agora, coa non impresión a finais de 2018, e de aquí alá choverá moito, están satisfeitos. Outro símbolo da UE: en vez de facer o que hai que facer, faise que se fai, e faise o que manda facer quen manda.