Un móbil, unha tableta, por caridade! Un soldo de deputados durante dous meses, por caridade, de dous meses e sen traballar, por caridade! Podería parecer un chiste, unha burla, unha esaxeración. Mais desgraciadamente non o é. Considero lóxico que os membros do goberno en funcións, e todos aqueles deputados e deputadas que teñen que permanecer ata as próximas eleccións no Congreso, para coidar do bo funcionamento da institución durante estes dous meses de ausencia de actividade, conserven todos os privilexios que a súa condición de representantes do pobo lles outorga. Pero, os outros, a inmensa maioría dos 350 deputados, deben conservar os mesmos privilexios desde as súas casas? Deben levar para os seus fogares o móbil, a tableta e un soldo de dous meses por non facer nada? Nin sequera sabemos se irán nas seguintes listas dos seus respectivos partidos ou se serán elixidos. Trasladen esta situación a unha empresa privada. Imaxinen que durante dous meses esa empresa prescinda dos seus servizos e non os empregue outra vez ata transcorrido ese período de tempo. Deixaríalles levar material da empresa para a súa casa, e o que é máis grave, pagaríalles sen estar contratados? A resposta é ben sinxela: non. O móbil e a tableta pertencen ao Congreso dos Deputados. Eses artiluxios poden ser usados posteriormente por outros deputados elixidos a Cortes. E nun tempo de crise, un Estado non pode pagar a uns políticos por non facer nada. Non se é deputado, alcalde ou presidente toda a vida. Logo de realizar o que debería ser un dos oficios máis nobres para o ser humano, servir aos teus compatriotas administrando os recursos da nación, pasado este tempo, o político pasa a ser un cidadán máis. E esta condición en moitas ocasións os nosos representantes lévana mal. Cústalles ser expresidentes ou exalcaldes. Vou poñer dous casos sen facer ferida. Trátase de dous políticos de diferente ideoloxía. Un pretendeu visitar unha exposición de pintura fóra de horario e outro, unhas instalacións militares que permanecen fechadas para a cidadanía por motivos de seguridade. Só autoridades militares e civís de alto rango poden visitalas. Ambos políticos acudiron a estes lugares acompañados das súas familias e ao berro de "eu fun alcalde" e "eu fun presidente" pretenderon gozar dun privilexio que xa non lles corresponde. A contestación que sufriron por parte dos responsables de seguridade da exposición e da base militar foi a mesma: "Agora, vostede, é un cidadán máis. Por favor, faga o favor de saír de aquí". Afortunadamente, hai persoas que isto da democracia acabaron por crelo e exercen o seu traballo como demócratas. Só en dúas ocasións os deputados elixidos para esta pasada lexislatura de catro meses votaron unanimemente. A primeira vez foi para marcharse quince días de vacacións, unhas vacacións que non lles correspondían, e a segunda vez foi para quedarse durante dous meses o seu móbil e a súa tableta en propiedade. Dan arrepío, vergoña, pavor. Nun país onde tanta xente o está pasando mal, xa non podemos permitir que alguén nos veña dicindo o de "iso é o chocolate do loro". Cada euro mal empregado conta. Poder ser que só teña un valor simbólico, pero é que os símbolos teñen a súa importancia. Privilexios e estupideces, as xustas.