No almanaque civil, coas súas novas propostas litúrxicas, o día 18 de maio, desde 1977, está dedicado polo ICOM como Día Internacional dos Museos. E xa que se nos ofrece semellante mercancía cultural vímolo celebrando e espallando as mensaxes que ofrece ese mal necesario que é a institución do museo, a que apaña, conserva, estuda, documento e difunde testemuños sobre a actividade do ser humano ou canto nos arrodea, a fin da convivencia.

O día anterior, o 17, está dedicado en Galiza dende 1963 como Día das Letras Galegas e neste 2016 personalizado en Manuel María, quen tanto se inspirou e defendeu esa interacción paisaxe e paisanaxe. Filosofía feita poesía, humanismo, algo moi na esencia do sentir panteísta e no franciscanismo galego. Pese a todo natureza maltratada por feísmos, efecto con causa política, nese biculturalismo no que galopante prima o foráneo, sutilmente imposto, sobre o orixinal. Pra cumprir co proposto irémonos a Outeiro de Rei, corazón da Terra Cha e visitaremos a cantada Casa de Hortas, hoxe Casa-Museo de Manuel María. Casa orixinaría, tan querida, sabendo tamén que o chairego, de ida e volta, pousou en casa reitoral en San Froilán de Lugo, de casado con Saleta en piso convencional na rúa Roberto Baamonde en Monforte, pra despachar Saleta na Librería Xistral, porcelana de Sargadelos e libros, parladoiro tamén sempre de garda... e finalmente noutro pisiño, que lle recomendamos, nos Pelamios da Coruña, camiño de San Amaro, mirando ao Seixo Branco dos Ártabros.

Manuel María sabía parágrafos enteiros da obra de Otero Pedrayo, catedrático de xeografía, con obra sempre encadrada arredor desa paisaxe en devalar segundo as horas, as estacións do ano, a intervención culta e agresiva do ser humano... Sempre a enxergar esa faciana de Galiza que é o mapa de Fontán, da xeografía ao nacionalismo. Teoría da paisaxe espallada por aquel Otero que se asomaba á solaina de pedra de Trasalba para enxergar o seu mundo e o cosmos... humanismo.

Pousamos entón en Outeiro de Rei, que pouco máis ten hoxe que esa grandilocuente casona decimonónica do Concello, para máis inri espida do pelexo orixinal do seu caleado, descarnada en perpiaños. Tras dela, ensombrecida, a vella nogueira e a Casa de Hortas, ben chantada, coa súa feitura rectangular, ao estilo romano: un baixo e un sobrado, cuberta de lousa a catro augas e nos cimos eses remates que coa cheminea significaron fecundidade. Feita polo avó, con etapa feliz nos tempos da Señora Pastora, a nai dos catro Férnandez Teixeiro, entre os que estaba Manuel María. Onde houbo días do San Martiño que chegaron a matarse oito porcos xuntos... Con todos os signos no ceo nela naceu un día 6 de outubro do 1929, cando se celebra a San Bruno dos silencios e dous días despois do San Francisco e un do San Froilán, santos da paisaxe. Tamén marcado por esa estrela Manuel María morre na Coruña, cando a Galiza das tradicións segue a celebrar á Santa María das cantigas, de Milagres e Remedios, Señora da amada Toscana, disfrazo da Venus das primaveras, estrela da alba e dos vésperus, un oito de setembro do 2004.

Casa con corte, palleira, rochos.... feita pra nacer, vivir e morrer. Así cangada en sonetos. Con xenerosidade e esforzo por parte de todos e da constancia da nacida Fundación Manuel María de Estudos Galegos, dende o 2010, rehabilitada baixo a dirección técnica dos arquitectos Xoán Casabella e Xosé Vietes, mimando ao genius loci que tocaban, sabendo o que é museizar e musealizar pra que a casa reciba, fale e conte por si soia a historia dos seus e do seu bardo.

Naquela casa de cara caleada, con porta entre xanelas como ollos que se multiplican no sobrado, botamos de menos o asomo da señora Pastora, a nai, "a terra posta en pe e camiñando", co seu pano e seus brincos de ouro maragatos... que así os estudou servidor.

Postigo sempre aberto, entramos: a carón o que foron cortellos, sólida viga de madeira, curiosamente tronzada e cosida por ferro, onde aniñaban cada primavera as andoriñas... e á esquerda, con transparencia a recepción, noutrora foi comedor, coa cheminea, as lacenas e onde campou un cadro da miña autoría sobre a feira de zocos do Carballiño, que dera ao irmán Xosé María e a súa muller Xosefa, aos seus fillos, María Paz e Tonecho, hoxe ben colocado na inmediata casa, tamén deseño dos mesmos arquitectos e que se couta entre o vello predio dos Hortas, onde por medio medrou o amado cedro. O que foron cortellos de vacas e cochos agora son biblioteca, coas querenzas do poeta. As escaleiras que soben ao sobrado, á dereita deixan a cociña, verdadeiro corazón da casa, coa bilbaina no centro, ao estilo chairego, servindo de mesa tamén. Ben sabemos que o espírito da nai e o de Manuel María, de non andar de paso pola Provenza, a Toscana, os paraísos gregos, polo Ribeiro, o Val de Quiroga ou máis preto, pola súas queridas Penas de Rodas, as lagoas do ollo, pola Santa Isabel ou agarimando o regato do Cepelo... estará aquí acougando. Cociña gardadora de conversas interminables, agora aberta en paso cara á Palleira que é sala pra espallar humanismo, Galiza; de fondo de escenario a antiga porta que tantas veces nun singular ritual abriu e pechou Manuel María, detrás o mapa de Fontán e un cadro con tres trobeiros, encargado a servidor: Pero Meogo, a Balteira, Gómez Chariño e que tivo como cabeceiro de leito íntimo na Coruña.

Subimos ao sobrado, cosendo esencias do pasado co agora: a sala do reloxo, místico lugar de cerimonias de vida e de morte, das festas, pero tamén dos velorios, con horas solemnemente cantadas por aquel reloxo de pe, de feitura en Lugo. Agora repártese o despacho de Manuel María, co tresillo e vitrinas, herdo do tío cura e mentor, don Xosé Fernández, colocados tal cal os tiña no piso da Coruña. Na parede un debuxo de Castelao pra ilustrar a Casa da Troia, os de Díaz Pardo pra ilustrar o Terra Cha, un retrato de Manuel María en carbón por Xabier Pousa, unha acuarela de Mariano García Patiño coa casa da Matanza en Padrón... As librarías en orde de libros tan agarimados, coa súa cintiña marcador, restaurados pola súa mesma man co auxilio dunha das súas moitas navalliñas. As navalliñas, presididas pola máis querida, sobrevivinte de viaxes, a da Quiroguesa, a súa aboa, feita en Taramundi e tantas regaladas.

A moi atinada instalación sobre unha fiestra que se abre á paisaxe, que recolle versos de Manuel María buscando paraísos clásicos, para atopar Galiza, e finalmente un espello no que se reflicte o visitante e o "si buscas a Galiza en ti as de atopala". Fotografías: a familia, Saleta, os amigos, as viaxe, os pregóns, os mitins, os congresos.... vitrinas coas súas obras, que van de temas populares, improvisados, de feira e romaría a obras de gran mestría que cantan esencias do ser humano, da Terra que é Galicia, pasando polos versos pra nenos, o teatro, as narracións... O cuarto da Señora Pastora, onde naceu Manuel María e os irmáns, o leito, obra de delicados ebanistas, orgullo da casa, presidido por un cadro que representa unha expresionista piedade, que o mesmo Manuel María titulou o Pozo, en relación con esas piedades dos cruceiros: o drama da vida, como o que sufriu aquela casa na morte de Susiño, fin e principio. Pintura feita por quen aquí reivindica e lembra ao compadre. Aquece pasar por Outeiro,recoñecer que somos parte da paisaxe.