Todos temos practicado en maior ou menos medida a chantaxe, e non miren para outro lado. De nenos, con aquilo de "se non me das V, dígolle X a Z e xa verás", unha actitude que na adolescencia se vai depurando e virando caro a chantaxe sentimental e emocional. Algunhas persoas teñen pano de lágrimas negro décimo dan nesa especialidade non olímpica nin federada, pero non por iso menos practicada nin estendida. Cada un que sabe os seus exemplos propios ou alleos.

Pero nada comparado coa mestría deses dous perfeccionistas chamados Luis Pineda e Miguel Bernard. O primeiro, Pineda, é o presidente da suposta Asociación de Usuarios de Banca, Ausbanc, que deslizando nas orellas das entidades bancarias que se non poñían publicidade nas súas revistas (unha delas chamábase El Club de la Vida Buena, quen se resiste a anunciarse aí?) podían ter mala publicidade, e outros males. O segundo, Bernard, é o secretario xeral do seudosindicato Manos Limpias, famoso por que non as manchou na vida negociando un convenio, pero presentou denuncias a moreas para quitar nos tribunais a sucidade da sociedade española. Agora os dous están presos por liderar unha organización criminal, na que Ausbanc era o cerebro e Manos Limpias, como o seu nome indica, o sicario, a man de obra que se poñía en acción (xudicial) se o cliente non atendía a razóns. Ademais de pertenza a organización criminal, están acusados de extorsión e ameazas e a maiores o "cerebro" tamén o está de estafa, administración desleal e fraude de subvencións.

O auto do xuíz Santiago Pedraz describe cun punto de indignación que "utilizaban la cobertura de una defensa de los consumidores para presionar a entidades contra las cuales, por la naturaleza de la asociación, debería luchar para proteger de forma efectiva a los consumidores". Efectivamente, presionando aos bancos conseguiu arredor de 40 millóns de euros en dez anos (o 30% do Banco Santander, xa que Pineda e Botín parecían ser uña e carne). A maiores deses "convenios publicitarios" recibían subvencións públicas como asociación de consumidores que dicían que eran (ata 2014, en que os botaron do Rexistro de Asociacións de Consumidores). E as cotas dos pobres dos asociados. A min non me chama a atención que unha banda de extorsionadores se disfrace de organización máis ou menos benéfica para conseguir os seus fins. Só os pobres matóns de rúa teñen que botar man da mala pinta e dicir "mira que saco a navalla" ou "máis vale pedir que roubar" para lograr un magro botín. Para sacar un Botín-Botín tes que ir de altruísta. E se tes un sindicato con afiliados, que negocia coa patronal e xunta delegados con pancartas perante algunha entidade, como moito conseguirás algunha readmisión.

O que me chama a atención é que durante dez anos, entidades bancarias que lle indican a todo o mundo que facer co seu diñeiro, mesmo aos gobernos, e mercan xornais e o que faga falta, entregaron mansamente cartos a un tipo que tiña revistas que se chamaban El Club de la Vida Buena (e tanto!) sen facer unha chamada ao Ministerio do Interior ou ao director dun periódico importante. Non creo que se deba ao pasado ultradereitista de ambos (Pineda foi dirixente da banda terrorista Frente de la Juventud, Bernard foi secretario xeral do Frente Nacional de Blas Piñar, sucesor de Fuerza Nueva, e logo fundou Derecha Española), máis ben a que, efectivamente, podían contar X a Z.