Si home si

Os ministerios de Santa Rita

04.06.2016 | 01:07
Os ministerios de Santa Rita

Leron ben. Non son "os misterios de Santa Rita". Santa Rita é santa Rita, a que en España se considera avogada das cousas imposibles, e os nenos -polo menos os de antes- criamos que era a patroa da irreversibilidade das doazóns ou dos préstamos irreflexivos: "Santa Rita, Rita, Rita, lo que se da no se quita", invocabamos en defensa de converter en definitiva a propiedade recén posuída. Debe ter os seus misterios, entre eles o de ser santa, porque por un lado aturou ao home coa que a casaron aos 14 anos, pero por outro, cando llo mataron, ela rogou que os seus dous fillos morreran -e morreron- antes de que cometeran o pecado de vinganza. Pero do que quería falar era dos "ministerios de Santa Rita". O do Interior, o de Defensa, o de Fomento, que pretenden facer negocio a conta dos terreos que no seu día a cidade da Coruña lles regalou para que crearan aquí instalacións súas. Hoxe sábado 4 de xuño a mediodía unha chea de cidadáns convocados pola Comisión Aberta en Defensa do Común da Coruña farán unha marcha-viacrucis polos "ministerios de Santa Rita". Non sei como a farán, pero en cada etapa deberían botar un responso.

A marcha comezará na Autoridade Portuaria (en realidade debería comezar algo atrás, no edificio Embaixador, hoxe Teatro Colón e Deputación da Coruña, que o empresario Emilio Rey Romero, logo asociado co banqueiro Pedro Barrié de la Maza, edificaron sobre unha concesión de terreos portuarios nos que antes estaba a aduana, e que deixaron de ser públicos. Pero non está mal que empecen sacándolle os colores á Autoridade Portuaria. De entrada polo proxecto da privatización do porto interior para pagar o exterior (xogada un tanto inédita en España: para pagar a T4 do aeroporto de Barajas en Madrid non tiveron que converter La Castellana en solares, e ben que estamos rescatando autoestradas nos arredores de Madrid), e logo pola clausura á cidadanía dos peiraos, mentres se deixaban construír mamotretos como o Palexco e o que está ao lado, que nunca se sabe como se chama nin para que sirve. Dentro dos "misterios" do latrocinio costeiro, está o da Solana e o Hotel Finisterre, un recheo concedido en teoría á sociedade conformada por Emilio Rey e Armando Casteleiro, un esforzado deportista da natación, segundo as crónicas, que non contan que polo día nadaba e pola noite dedicábase a "pasear" xente.

A comitiva pasará diante do que foi Hospital Militar, que o Ministerio correspondente se negou a ceder a pesar de que lles costaba máis mantelo aberto que pechalo, ata que tiveron o detalle de venderllo ao Sergas por 1.100 millóns de pesetas. Os cuarteis de San Amaro e Zalaeta vendéronos para solares, exactamente o mesmo que pretenden facer cos da Maestranza, mentres en Barcelona cederon á cidade Montjuich co seu castelo e as instalacións da Ciutadella. Pretender ganar cunha operación 25 millóns de euros cando o presuposto para gastos, en plena crise, é de 25.000 millóns, é de agarrados, cando menos. Pararán alí (na Maestranza), pero para non deixar ministerio con cabeza, deberían achegarse á Torre. O cárcere leva anos abandonado, á espera de que o concello solte o 1,12 millóns de euros que lle pide Interior. Os terreos mercáraos a cidade da Coruña e cedérallos ao Goberno central non hai nin cen anos, naquela época na que había que pelexar ata para que che fixeran un lavadoiro. A administración do Estado vela polos intereses da cidadanía igual que Santa Rita acadou a santidade: filliños, é polo voso ben.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine