O labirinto do alquimista

O "Bosque de Galicia": os bosques animados, Libredón, Ilicino....

05.06.2016 | 01:39
O "Bosque de Galicia": os bosques animados, Libredón, Ilicino....

Velaí unha nova iniciativa arredor da artificial monteira pétrea que coroa o compostelán Gaiás. Monte férreo, preto do castro de Angrois, agora coutado por un novo pulmón verde que substituirá ás xestas, toxos e ao espontáneo e preferido das meigas bieiteiro. Novo invento divulgado, sen demasiado esforzo do maxín como "Bosque de Galicia". A creatividade asoma por ningures e menos por estes altares de Compostela. Nin tan sequera cando se bautizou semellante arroutada deconstructivista como "Cidade da Cultura de Galicia". Iso si, seguindo traumas megalómanos da cultura espectáculo e do dispendio que non damos superado.

Un dos argumentos para edificar esta gran carcasa nos horizontes ondulados de Compostela, dis que era por a salvo pro futuro a natureza, o seu urbanismo, a panorámica. E neso séguese, aínda compre artellar o Gaiás con canto significa a vida da cidade.

Sabemos pola historia, a lenda e a xeografía que Compostela circunscríbese entre o monte Pedroso e o Viso, este irmán do Monte do Gozo. Cidade santa asentada entre os arroios do Sarela e o Sar... Otero Pedrayo recolle un ramallo de artigos sobre a súa preferida "gran aldea de Galiza" baixo ese subtítulo Entre o Pedroso e o Viso e como título o barroco de O Espello no serán, obra para iniciados. Si se entende a Galiza enténdese a Otero. E iso pasa, si enxergamos o que temos diante. Enxergar é sentir, poñer sobre as cousas os cinco sentidos, máis os da intuición e o que un ten aprendido pola cultura. Afondando nas orixes, con maxín poñeríamos nomes orixinais e teríamos máis que ofrecer á cultura universal.

Conta a lenda que a translación do Apóstolo acontece entre dous montes sacros, o Ilicinio, que ocupaba as terras do Ulla, presididas polo Pico Sagro, predios da Raíña Lupa e o monte Libredón , fraga entre outeiros castrexos, onde polo 813, o ermitán Paio de Solovio ollou unhas estrelas, estelas que sinalaban o que se dixo ser sepulcro do Apóstolo íntimo do Mestre, cerna da peregrinación.

Na lenda e na arte represéntase o monte Libredón, asociado a Lupa, así aparece labrado no retablo do Mestre de Astorga, hoxe no Museo Catedralicio desta capital da vella Gallaecia: cando os discípulos, Teodoro e Atanasio, traen na barca de pedra o corpo de Santiago atópanse coa Raíña Lupa, a que, xa en tempos da predicación do Apóstolo por estes confíns, fora bautizada por el mesmo na fonte de Santiaguiño do Monte. Ela, sometida romana, mándaos á cidade fisterrán de Dugio, a pedir permiso ao legado romano... fannos prisioneiros, milagrosamente afúndense pontes, asolágase a cidade... Entón Lupa remíteos agora ao monte Ilicino, o das aciñeiras, o dos cultos druídas e da gran serpe que o habitaba, dragón que sucumbe ante a cruz. Alí domestican aos bois bravos, xúnguenos e ponlle carro que transporte o corpo santo... Na caída do Ilicino estaba a cidade de Aseconia, por onde transcorría a vía de Iria a Lucus... Finalmente Lupa autoriza o enterramento, conta a lenda, que sería en terra comunal, libre de dono, o Libredón. Nome de Libredón que noutrora deu título a revistas, asociacións, comercios...pero que hoxe semella perderse entre o fume espeso da globalidade.

Iso das árbores, dos bosques levámolo os galegos posto nos xenes. Sabemos ben que a forza da Terra fai afondar as raiceiras e que a forza do Sol fai erguer os xermolos, que serán flores, froitos e novas sementes... Principio dese animismo, panteísmo, franciscanismo, galeguismo, humanismo que deriva de humus. Ao fin e ao cabo a árbore considerouse como un prodixio e convértese en obxecto relixioso, cultual, ídolo, resultado da conxunción dos Catro Elementos, da auga que os rega, da terra que os alimenta, do sol que os anima e do vento que os agarima. Por algo sempre se falou por aquí do culto ás árbores. O etnógrafo verinés don Xesús Taboada Chivite abondou sobre o tema. Sabemos polos antigos, polas lendas e pola toponimia de cidades como Nemetobriga, con monte venerado. E velaí o Monte Neme en Bergantiños, agora relado polas minas e crucificado por antenas; o Nemenzo, a Nemiña na que se formou con tío crego o bardo Pondal, Nemeño... e mesmo o bosque sacro de Lucus.

Alá polos inicios do século VI preocupouse con teimosía o soldado romano da Panonia, cristianizado e cristianizador da Gallaecia, Martiño de Dume, en escribir o De correctione rusticorum, declarando anatema o culto ás fontes, ás penedas e ás árbores....Prácticas fitolátricas ou dendroláticas, isto é ás árbores e ás plantas con raiceiras, follas e froitos, remedios medicinais, condenadas tamén polos concilios da Alta Idade Media. Os dendritas eran ermitáns obstinados en cristianizar árbores venerados e mesmo en vivir nas súas caracochas, na súa cerna oca, onde tantos tesouros, imaxes de santas se ocultaron e mesmo fuxidos. A cuestión pérdese quizais do Neolítico, cando os seres comezan a domesticalo todo, aos animais, á natureza e a eles mesmos... Practicáronse enterros en troncos, adorouse á figueira, ao loureiro, á oliveira, ao carballo, ao buxo, ao acibro, ao teixo, ao ciprés agudo e sempre verde... buscábase a árbore da vida, a das mazás de ouro, a árbore da Ciencia do Ben e do Mal... e representáronse na arte. E neses rituais inconscientes seguimos, e veña adornar a casa con flores, as árbores de Nadal, os domingo de Ramos, a festa dos Maios... Seguimos con tradicións arredor de antigos árbores, moitos deles acompañados dunha ermida cristianizadora: nos Picos de Europa, camiño da Liébana do Lignum crucis, Santa María de Lebeña, co seu milenario teixo, abatido non hai moito polo raio e replantado... o cantado Carballo da Mirteira nas terras ourensás dos afiadores... o ciprés da igrexa prerrománica de Samos, o castiñeiro de S. Mamede de Moldes, o carballo de Luxíns en Castro de Rei, cantado por Crecente Vega. Arredor de árbores e baixo os seus buracos facíase pasar aos neniños que tiñan o enganido... o sabugueiro, o cinamomo ou árbore de San Eutelo, o loureiro, a figueira...resisten. Pode perderse a casa, pero as árbores perviven.

Inspiradores bosques animados, moitos atravesados por vellos camiños, segundo a tradición habitados por santas compañas, señas, mouras, trasnos...a voz dos devanceiros, da conciencia que da consellos de vida, en camiños que inevitablemente conducen á morte...Por algo ese cruceiros, como árbores de redención ergueitos, cada vez tan maltratados pola incultura.

Montes, reliquias da Gallaecia, velaí a inmensa carballeira de Catasós nas terras do Deza, por onde aínda se sinte o paso dos arrieiros, de Pepa Loba e dos traficantes do volframio.... Os bosques de Arnuide, onde nace o Arnoia, baixos da Serra de San Mamde, os que tamén souberon do paso do Home Lobo... os bosques do Cebreiro e do Courel, coa Devesa da Rogueira e as súas dúas milagreiras fontes, platina e ferruxinosa... os soutos da Ribeira Sacra de Parada de Sil...o mítico Teixedal de Trevinca, preto da "Cidade da Selva", protección para fuxidos da guerra... bosques do Xurés, os de castiñeiros milenarios de Manzaneda... o Souto da Retorta no Naseiro, o bosque da Fervenza, no Corgo, anaco do antigo bosque sacro de Lucus... o bosque de loureiros da illa Cortegada, o bosque de pereiras ananas entre as edras e as covas do Pindo,... no Bierzo esa selva de bidueiros que quizais lle deu nome ao Sil, baixo Corullón.... a arredor de Braganza a fraga de Montesiños...E tantas historias e lendas que agrandan e adornan esa cultura de Galiza. E cando a hai nótase ben e inspíranse magos artúricos, señores do bosque e do labirinto, enteloirados como Merlín, Morgama, lendas douradas, novelas, nomes...

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine