Daríanse conta do comezo oficial da campaña electoral, ben porque teñen un cívico interese no proceso e no resultado, ben porque son fans dalgún dos partidos en liza, ben porque están metidos no allo. Ou porque, simplemente, repararon en que nas imaxes recentes dos aspirantes a presidentes estes, vencendo a súa natural modestia, aparecen pegando grandes fotos deles mesmos. Adoitase dicir que as campañas son cansinas e repetitivas. E non é así. Polo menos desde que non as sigo desde dentro. O que son é cada vez máis trampulleiras, mediaticamente falando.

Cubrir a campaña dun partido ten varios inconvenientes. O primeiro é que resulta moi canso. O segundo é que acabas compadecendo ao cliente-candidato (sobre todo se vai ter malos resultados), odiándoo (se o pensas ben) ou o que é peor, caéndoche ben. Pero o definitivamente malo é que pasas quince días, coas correspondentes tardes/noites, escoitando as mesmas declaracións, os mesmos argumentos (sic), os mesmos chistes (?). Ao final podes dar ti o mitin polo tipo. Non teño reparto en confesar que cheguei a pasar actos practicamente enteiros nun bar, acompañado do xefe de prensa dun candidato. Cada vez que se escoitaba un ruxir de aplausos no interior do recinto el (o de prensa) ou eu diciamos: "acaba de soltar o de 'pódennos tremer as pernas, pero non as conviccións". "O outro día díxoo ao revés e aplaudírono igual". O un monte de risas: "ese era o chiste do que fixo o santo de madeira". Falando de públicos amables e guiados, sempre lembro ao que asistía a un mitin de Paco Vázquez en Monte Alto, e aplaudiu educadamente á daquela ministra de Asuntos Sociales de Felipe González e logo asesora do PP Cristina Alberdi cando dixo: "¿cuántos de vosotros no visteis por primera vez el mar gracias a los viajes del Imserso?".

Aquela época, sinceramente, era como cubrir a guerra do Vietnam en comparación coas coberturas informativas que se pretenden que se fagan hoxe. O importante é a televisión, non o que escriba un tipo cun bolígrafo sentado onda os técnicos de son. Así que, desde hai un tempo, son os partidos os que mandan eles as súas propias imaxes, escollendo os fragmentos onde o líder non se trabuca e o público é tan novo e tan entusiasta como se JustinBieber se presentase ao Senado por Albacete. Déanlle a alguén que saiba o que fai un equipo de realización e 300 figurantes e parecerá que o candidato real de Albacete ao Senado levanta o mesmo entusiasmo que Donald Trump na Convención Nacional do Ku-Klux-Klan. Así, na maioría das cadeas, colan como información audiovisual o que son contidos propagandísticos, e sen avisar. E por se algunha ten os escrúpulos, ou pensa que o que é de balde no fondo sae caro, en moitas ocasións non é que os aparatos de propaganda se limitasen a facilitar eses enlatados, senón que pretenderon impedir o acceso das cámaras aos actos.

Agora, cóntame un colega de Madrid, o PP -non sei se os demais- cóbralle 7.000 euros a cada medio que queira subirse ao bus electoral de Mariano Rajoy. Os 7.000 ouros dan dereito a formar parte do séquito, por así dicilo. Ir aos mesmos sitios, ao tempo, poder desfrutar dos off the records do presidente en funcións, e quen sabe se compartir os momentos intensos que levaron á súa reelección. Un choio, vamos. Obviamente, non todos os medios, nin todos os xornalistas, caben nun bus. Pero que a selección se faga polos cartos, e que ninguén proteste, é un símbolo perfecto do que supón a información nas campañas.