Todos os grandes da música lle fan a reverencia a Sir Paul McCartney, cada vez máis mito vivo da música. E sigue o exbeatle, tour tras tour en concertos multitudinarios, 21 Grammys, versionado, espectáculos integrais, que seguen a bordar unha historia que ven da metade do século XX. Concertos que se converten en punto de encontro entre xente de aquí e de acolá, entre xeracións de avós, pais e netos, moitos dos que teñen como banda sonora da súa vida as súas músicas. Fan honor os fans vestindo camisetas dos grupos polos que foi pasando Paul, Beatles, Wings, en solitario, como Mc. Sabedores, por telas vividas, das oscilacións das modas, dos gustos e mesmo das políticas: aqueles mocetes de inicio existencialista, contra a guerra, os de peace and love, mesmo a favor do IRA; McCartney, con Winds, conmovido polo Domingo Sanguento creou Give Ireland back to the Irish, cando xa cos seus colegas de The Beatles, mozos procedentes da clase obreira de Liverpool, tiñan recibido a medalla de Sir británico, á que renunciara Lennon... orgulloso de ser tan Sir e de casta como Drake ou Paco Vázquez. No 2012 Paul enxalzando á Raíña de Inglaterra no sexaxésimo aniversario no trono, ou no 2010 cantando, en sesión privada á jet set e ante o presidente Obama, na Casa Branca...

Como galegos lembramos a etapa de Mccartney en Escocia e a composición da balada céltica, con gaitas, de Mull of kintyre, con fermoso videoclip arredor do tema dunha fogueira sanxoanina, ou mesmo o concerto instrumental Standing Stone, entre tantas outras composicións, mesmo dos Beatles onde ecoan eses sons célticos, bárdicos, os de cantar á vida.

É esta a terceira vez que McCartney actúa en Madrid, a primeira foi con The Beatles nas Ventas, un 2 de xullo de 1965, e que os medios franquistas titulaban Pasaron los Beatles y no paso nada; o 28 de marzo do 2003 actúa en Barcelona, a segunda en Madrid, nunha xeira iniciada en Xixón no 25 de maio 2004, e a terceira velaquí, este pasado 2 de xuño no Vicente Calderón. Estadio inaugurado no 1966, decrépito na actualidade, iso si non faltou seguridade extrema, externa, interna, non cámaras fotográficas... e unha boa organización e inmellorable son. Ás 17 horas, a trinta grados, tivo lugar o check sound, co mesmo Paul, supervisando todos os aspectos, unha hora a pe de detalles, coa asistencia dunhas 150 persoas que pagaron o extra de 800 euros, como fai en todos os concertos das súas xeiras. Logo, ás 20 horas ábrese o estadio pra xente do común, os que menos pagaron aquí foron 80 euros . Así que ás 21.30, despois dun creativo remember audiovisual proxectado nas pantallas laterais que remata co seu mítico baixo Hoffner esmigallándose en estrelas, aparece Paul en escena cun mal asesorado e pasota "que passssa troncossss", dedicado aos corenta mil asistentes, case cheo, cousas nas que abondará a crítica negativa. O oe oe oe oe futbolístico hispánico tampouco faltou e mesmo foi musicado polo de Liverpool. Paul preséntase vestido recreando sobre o seu propio estilo beat, normalmente as chaquetas corte Mao, nesta con pantalóns vaqueiros... os zapatos de tacón, iso si con ausencia de coiros pola súa militancia en PETA (Persoas polo Trato ético dos Animais), ecoloxista e vexetariano integral, alguén quere ver aquí a fonte da súa xuventude... a voz nasal, céltica, xa algo ronca, incapaz daqueles agudos de neno de coro de igrexa de Liverpool, pero sabe atallar con recursos. Posta en escena de novo e vello repertorio, incluso versionado, remasterizado polas novas tecnoloxías.

Nunca o éxito de The Beatles foi total en España. Tampouco o músico, respecto a outros países europeos, se prodiga por esta pel de touro. Algún medio resaltaba e subscribimos unha restra de razóns para acudir a este concerto, si ben os mais, nesta sociedade que presume de progresista, insistía na súa idade de setenta e catro primaveras e outros prexuízos deste país que segue a cheirar a allo rustrido. Agora xeira de concertos acollido baixo o epígrafe de One on one, antoloxía dunha vida andada.

Momento para ver unha lenda viva da música na súa máis plena madurez e lucidez, con case todas as experiencias, trampas e recursos sabidos. Xeiras mundiais para atoparse cun mito mundial, do que incluso se dixo que morrera nun accidente para ser substituído por un dobre... Creador de clásicos eternos como Yesterdey, Hey Jude, Let it Be... a lostregazos electrónicos, de Hard day´s nigth a Helter Skelter... vello repertorio que emociona á Betlemanía, xunto coas grandes creacións de hoxe, como Band on the Rund, Jet, Live and Die, New... Músicas que decote escoitamos en orixinal ou versionadas tras anuncios, programas, películas... McCartney é un profesional dos que profesan a música, o espectáculo, con entrega total. Ofrece máis do esperado, o que se constata na produción incesante e na interrompida secuencia de concertos. Madrid e un punto máis nun incesante recorrido con poucos días de distancia entre os concertos anteriores e os seguintes, movendo traballadores, trailers, regando creatividade, vida e ledicia. Non nos estraña que súa actividade, como a de moitos outras estrelas, se centre en California, onde impera a industria do espectáculo.

Concerto cargado de nostalxias, cerimonia multicor, homenaxe aos que non están, Lennon, Harrison, a súa compañeira Linda, a Georges Martin. McCartney sabe acompañarse de virtuosos, con recursos, mesmo pra facer poética dun fallo. Banda de catro, cos guitarristas Rusty Anderson e Brian Ray, o teclista Paul Wickens e o batería Abey Laboriel. Paul é multiinstrumentista zurdo que exhibe un desfile de guitarras históricas, iconos xa, acústicas, o vello e gastado baixo Hofner 500/1 violín, o ukulele que lle regalou Harrison e co inicia en concerto Someting... a Epifone Casino, a Gold Top, a deseñada por el e feita por Gibson, decorada con monifates de cores... o piano pintado en psicodélico co arco da vella; o de cola Yamaha... as interpretacións a capela, as innovacións electrónicas e dixitais, e sempre o rock...

The Beatles, naquel tempo gris, de posguerras, retomaron e melloraron camiños iniciados por Paul Anka, Elvis Presley, Dylan, o cauntry, soul... sempre na vangarda integral da moda, crearon estilo musical electrónico e con il moda no vestir, vencellaron a música ao videoclip, promovendo a artistas, como Astrid Kirchher, compañeira do malogrado Sutcliffe, fotógrafa inspiradora do célebre peitado e dun vestir en negro precursor dun moderado heavy... o creador da portada de Revólver, naqueles fecundos anos de neón e marihuana en Hamburgo,o alemán Klaus Voormann... a portada de Sargent Peaper, deseño esotérico, obra de Jann Haworth e Peter Blake; Yellow submarine, sorprendente animación dirixida por George Dunning... e xa máis recente Band of the rum con fotografía e vídeo de Clive Arrowsmith, escenificada en Osterley Park de Londres, que como moitos outros lugares da vida Beatle é hoxe punto de peregrinación.

Mesmo calquera dos catro, especialmente Paul practica a pintura e incorpóraa á música. Nos seus espectáculos atopamos montaxes de Jeef Koons, mesmo de Dan Falvin en New, entre outros creadores da foto, e do neón... xunto coa participación de artistas nos vídeos, como Bruce Lee, Christopher Lee, Meryl Streep...

Eventos como este, con tanta expectativa e crítica, poñen a proba o estado da cuestión cultural dun país. Madrid, non deixa de ser un fito nesta andaina, entre cidades dun mundo, que ofrece tantas ou máis facilidades das que se poidan pra vivir un concerto histórico.