Esta vez só foi culpa deles, en parte. O Debate dos catro candidatos dos catro partidos que máis escanos obtiveron nas pasadas eleccións xerais foi tan encorsetado que estaba de antemán condenado ao aburrimento. Digo que a culpa foi dos líderes dos partidos, só en parte, porque os asesores e directores de campaña foron os que pactaron o formato coa Academia. Por primeira vez, déuselle máis importancia ao número de segundos empregado polos participantes no debate, que aos contidos sobre os que había que debater. E digo había, porque o que se di debater non debateron. Era imposible. Os tempos estaba fechados. Os temas e as posibles réplicas ao adversario, tamén. Estaba todo tan medido, tan cuantificado que non se trataba dun intercambio de ideas, senón dunha exposición de catro en catro, das posturas dos partidos. Mini - mitin? Conferencia televisa? Non sei. Pero debate, non. Tampouco as luces dos moderadores foron moitas. Os tres xornalistas tamén pasaron polo aro dos partidos e do deseño que lles impuxo a Academia. Estaban máis pendentes de que cada participante contase coa cota de pantalla que de facer preguntas interesantes. Máis interesados en que un non interrompese ao outro, non porque o tema fose polémico senón para que non lle roubasen unhas décimas de segundo. Pedro Piqueras daba a sensación de vivir en plena sesta. O home non espertou ata o tramo final do programa. Ana Blanco tan apagada e correctísima como sempre, e Vallés quería ser profesional pero o formato do debate comeumo. Eu non soporto o espectáculo de catro candidatos á presidencia discutindo a berros e insultándose. Pero tampouco soporto este territorios vacíos de vida. Este cando á pulcritude da nada. A política tamén é paixón. É como o amor. No amor ten que imperar a boa educación, pero sen perder a calor. O debate foi tan frío que todos experimentamos dúas sensacións: unha o aburrimento e a outra a previsibilidade. Ninguén sorprendeu. Todos fixeron o esperado. Por iso, o debate non fixo que as enquisas, nin os votos se movesen demasiado. Agora só toca pedirlles responsabilidade logo do 26X. Porque de non tela, nos vemos votando outra vez en decembro. Daquela, e despois da debacle deste debate. Xa preferiría facelo sen que houbese ningunha campaña. Sei o que pensan e o que queren facer co noso Estado. Non preciso que ningún dos catro volva a explicarme cales son as súas ideas. Ah, e se poden, no que queda de campaña, evítenos os coches con altofalantes que contaminan acusticamente as nosas rúas. E que resultan insoportables cada vez que un tenta escoitar a un amigo ou a unha filla mentres pasea pola nosa cidade. Algo de paz. Menos ruído e máis noces.