Normalmente, a tal hora coma hoxe, escribiría das bondades de pensalas antes de facelas, que isto é máis serio do que parece, que logo se a talla ideolóxica non é a nosa ou o partido encolle, non nos devolven o voto e non nolo cambian por outro. Como moito dannos un vale para dentro de catro anos, ou para outra sección dentro dun tempo. Pero miren, xa reflexionaron en decembro, e desde entón tiveron arredor de 180 xornadas de reflexión a maiores, e sobre todo os votados tiveron ocasión de pensar todo o que quixeron, ou sexa que xa se supón uns e outros son grandiños.

Xa sei que é a festa da democracia, pero que entendemos por democracia se o ministro encargado da seguridade, o de Interior (feo nome, por certo. O do Ministerio), se dedica a organizar conspiracións con policías e maxistrados para fundir persoal e politicamente a representantes da cidadanía que non pensan como el (desculpen, nalgún lugar desta frase anterior debín poñer "presuntamente"). Xa sei que todo o mundo ten un mal día. O señor Fernández Díaz, en concreto, non dá pe con bola desde que o nomearon ministro. Entendo que ser afectado por unha aparición mariana (da virxe María, non de Mariano) nun lugar tan profano como Las Vegas debe perturbar intensamente e remover máis principios dos habituais. Como devoto da novela negra que son, tamén son consciente do moi improbable que sería que o mando policial ao que lle fixo a encarga se levantase da mesa dicindo: "Ministro, eso que me proponeVd. es ilegal, voy a hacer como que no lo he oído", ou moito menos: "Me veo en la obligación de detenerle". E tamén que Daniel de Alfonso, o responsable da Oficina Antifraude de Cataluña, tivese unha reacción similar. Pero homes, está aquela vella consigna de Bhartleby, o escribinte do conto de Melville: "preferiría non facelo".

Ou quizais non sexa tan grave o de desacreditar aos rivais aproveitando os resortes do poder, e quen se equivoquen sexan os outros países democráticos: aquí os medios e os seus oficiantes parecen máis interesados en saber quen e -sobre todo, igual que adolescentes frikis- como o fixeron que no feito en si. Se o gravou o ministro para perfeccionar logo na casa o seu estilo conspiratorio ou para ensinarllo aos xefes, se o maxistrado para ter probas de que era un mandado, ou uns policías para amolar a alguén, eses dous ou outros. En todo caso, o que me parece incrible é que alguén poida gravar as conversas dun ministro do Interior sen que el se entere. Se aínda fose o de Agricultura tería un pase, pero o de Interior... En calquera deses países raros onde estas cousas están mal vistas non só dimitiría o ministro, senón á par del debería facer o responsable ou responsables da súa seguridade. Pero aquí, por suposto, non. Fernández Díaz considera que todo "es una calumnia" e non entende por que ten que dimitir "¿para hacerle un favor a los independentistas y a Bildu? (xa se sabe: busca a quen lle aproveita o crime, e se son os malos, tanto ten que o cometas). O director da Oficina Antifraude levado a explicarse en sede parlamentaria (os cataláns fan cousas ben raras) púxose bravo e advertiu que "dispón de abundante e variada documentación sobre todos os partidos que, de momento, non penso utilizar", sen que ninguén lle preguntase se ter ese material sen utilizar non era facer mal o seu traballo.

En fin, xa saben, mañá é a festa da democracia.