David Cameron foi un estudante brillante. Bue, dicir brillante sería insuficiente, foi un estudante moi brillante, brillantísimo. Pertence a esa clase alta británica, amiga da cultura e da viaxe. E do sol. Se tivese que elixir entre a ignorancia e a indiferenza, respostaría dicindo que nin sabe nin lle importa. Pero o Brexit non era un aforismo, nin sequera unha ocorrencia intelectual. O Brexit era algo moi real. E curiosamente moitos británicos o viviron cunha certa distancia. Como se o resultado non acabase de ser real. Só así se explica que en determinados condados rurais de Inglaterra, cuxos habitantes votaron a favor da saída da UE, pedisen á propia Unión Europea que non lles quite a subvención dun millón de euros anuais para inversións no seu condado. Cameron tiña un gran problema no seu partido. E decidiu solucionar unha crise interna dunha formación política cunha consulta á cidadanía que pretendía gañar, e así, saír fortalecido. Xa lle pasou con Escocia. Aló, quitoulle as castañas do lume Gordon Brow, pero aquí o gran discurso de Gordon a favor da permanencia, non foi dabondo. Agora Escocia quere negociar un estatus propio, e outro tanto Irlanda do Norte, onde os partidarios de permanecer na UE foron maioritarios. Por non falar da lea na que mete á Illa de Man, ás Illas do Canal, a Xibraltar e á mesmas Illas Malvinas. Os londinenses tamén votaron a favor de quedar. Eles teñen aló a City e iso é moito diñeiro. O 12% dos negocios do continente resólvense alí. Esta consulta non era necesaria. Pensen vostedes que, o Partido Pola Independencia do Reino Unido, só ten un representante nunha das dúas cámaras lexislativas británicas. As pelexas polo poder no Partido Conservador nunca deberon levar a este absurdo a Cameron. Mediu mal as forzas. Pensou que facendo unha campaña cargada de medo, un medo real, conseguiría unha reacción real dos votantes. Pero non. Os británicos viviron isto do Brexit desde unha certa ignorancia e indiferenza. Por iso, o resultado sorpréndelles a eles mesmos. Os maiores de 65 anos votaron nun 80%, e a maioría a favor da saída. Curiosamente, os menores de 35 anos, votaron só nun 38% e a maioría a favor da permanencia. Moitos estarán agora tirándose dos pelos, o que demostra que ficar na casa, maldicindo contra a política e contra os políticos non serve de nada. Sobre todo, cando tomas unha decisión tan importante e na que se gaña ou se perde, por un punto arriba ou abaixo. O que si,foi maxistral, foi a reacción de David Cameron. Dimitiu. Que tomen nota algúns dos nosos políticos. Esa cultura, a da dimisión, segue a ser unha sinatura pendente na nosa democracia. Aquí como moito te cesan, pero dimitir, iso xa é outro cantar.