ÚLTIMA HORA
Al menos dos muertos tras chocar un tren y un autobús escolar en Francia

Armenios, o xenocidio esquecido

03.07.2016 | 01:42
Armenios, o xenocidio esquecido

O papa Francisco fai honra ao seu homónimo de Asís, tende a man e tenta emendar tanta falcatruada campante. Así é que arredor das celebracións sacroprofanas de San Xoán o cabeza visible da Igrexa dedicouse a dar unha lección a parlamentos políticos que escamotean a Historia, arman e provocan. Faino exorcizando fantasmas e feridas que aínda escoan. Unha delas, a masacre que no 1915 sufriu o pobo armenio polo imperio otomán. Así é que o desgairado Bergoglio furou na cerna da cuestión armenia, condescendente co boato das liturxias ortodoxas, deixouse ir baixo palio, atufado a golpe de incensarios e cánticos gregorianos, entre dalmáticas e mitras bordadas en ouro. Puxo a man na chaga, orou en Dzidzornagapert, o Monumento ao Holocausto Armenio, o primeiro xenocidio do século XX, cun millón e medio de mortos.

Atopamos en Armenia xente amante do seu, curtida nos camiños, das máis antigas civilizacións, as que se perden máis atrás dos sorprendentes monumentos megalíticos de Carahunge, seguidos influencias sumerias, asirias, dos frixios anatólicos, que algúns identifican cos brixios, as orixes célticas... entre símbolos de touros alados, tarascas, Gilgamés... motivos que pasarán ao repertorio iconográfico do Románico... Dinastías medradas coa Idade dos Metais e dende o século I sometidos ao imperio romano de occidente e logo ao de Bizancio. Como Galiza, periferia ideal para o recrutamento de feroces milicianos, desangrada en minas... Con Roma chegou tamén a cristianización, contra o escravismo e foi o primeiro pobo, no ano 301, en oficializalo, en crear un idioma propio pra traducir e espallar a Biblia. Alfabeto argallado polo venerado santo Mesrob Mshots, segundo tamén se mostra no Matenadaran ou Instituto dos Manuscritos. Pobo adestrado a seguir os preceptos deses homiños ebrios de Deus, como Gregorio o Iluminador, fuxido, acusado de tentar contra os gobernantes, seguidor de Paulo de Tarso, formado cos anacoretas cavernícolas da Capadocia, finalmente encadeado nas covas de Khor Virap, a carón do Ararat, hoxe cerna de peregrinación. Sobre del conta a lenda que aquí cura de licantropía ao rei armenio Tridiates, que perdoa ao santo pra acadar a categoría de patriarca evanxelizador de Armenia. Pobo que sigue unha teocracia, que con ansia catequética cobre a paisaxe de mosteiros, inspiradores do noso prerrománico. E tamén Armenia foi cobizada polas primeiras yihad islámicas, no 640 con califa, até que no 884 recupera a independencia e volta ás súas raiceiras cristiáns. Sucesión de xerarcas, sendo os da dinastía Bragratida os que trasladan a capital a Aní, hoxe ruína, coutada nesa Turquía do Este que tamén abrangue aos kurdos, entre fronteiras, grandioso pardiñeiro de igrexas, murais, estelas e símbolos con esas xeometrías, cordados, rosáceas, trisqueles que nos remiten a cosmogonías.... coa historia de Cristo, de María, de guedelludos santos desafiando aos monstros das tentacións... E o inicio dunha historia de persecucións por parte do goberno turco otomán, despois pola república da URSS, esnaquizada entre o Azwerbaixan co Naborno Karabagh e Turquía, até que o territorio actual proclama a súa independencia no 1991.

Nación que ten como insignia o monte Ararat, volcán desactivado, sempre cuberto con manto de neves, orixe de mitos arredor de Noe, do Diluvio e da Arca, de loitas entre xigantes e berce desas tres irreconciliables relixións. O Ararat atrae a quen busca misterios, así o fixo sete veces, despois da expedición a Lúa, o astronauta Irwin fixo, entre outros tamén o escritor Ángel Sierra para contalo na súa novela El Ángel perdido, frustrada aventura en chegar á cima que narra e enreda co camposanto de Santa María de Noia e con outros misterios de Compostela. O Ararat ou Agri Dagi é veciño doutro monte sacro, menor, o Küçük, e o Aragats.

Enxergamos o Ararat dende as dúas caras, a Armenia de hoxe e dende a turca, a do lago de Van, Diyarbakir, Ani, Kars... cidades armenias usurpadas, que presumen de arqueoloxías, con eidos nos que se erguen estelas e cruces, as Jach, de carácter céltico, que lembran ás irlandesas, ás vikingas, ás etíopes. Inde se conta que poido ser o Edén e florece a capital, Yerevan, paraíso de artistas, como o director de cine e xenial Paradzhánov, perseguido polos soviets, de artesáns que ofrecen as súas obras na praza de Vernisagge da capital.

O epígrafe co que encabezamos este artigo é o título dun libro escrito en castelán no 1998, polo valdeorrés e curmán de quen isto conta, Xosé Antonio Gurriarán López, quen, por azar, sufriu en carne propia a cruel chamada de atención do Exército Secreto para a Liberación de Armenia, (ESALA). Foi na noitiña dun 29 de decembro do 1980, nunha esquina da madrileña Praza de España, cando ía coller a entrada para unha película de Woody Alen, ao chamar dende unha cabina telefónica, veciña do escaparate das liñas areas Turcas, estaloulle unha bomba. Seguiron días e noites no hospital, ás portas das cancelas do Trasmundo... Volto en si, a súa vida virou, dedicouse a regar a semente do pacifismo que xa levaba no corpo este socialista, a buscar aos autores, a coñecer os motivos daquel atentado e a profundar en Armenia. Viaxe que fai na compaña de dez armenios da diáspora, os que lle contan as que pasaron os seus avós e os seus pais, asasinatos, fuxidos polo Cáucaso, nos campos de concentración dos desertos da Mesopotamia, inmigrantes perdidos, entre o medo o silencio, o desarraigo... algo que transcende na literatura do escritor americano-armenio Willian Soroyan. Morriñas do pobo perdido que atopamos na canción do seu fillo entrañable, Charles Aznovour ils son tombés, mesmo no cine, velaí a película canadiense do director Eton Egoyan Ararat (2002), na italiana dos irmaus Taviani, O destiño de Nunik (2007), entre outras non comercializadas en España. Nos anos do Modernismo, non é alleo aos coruñeses o armenio multimillonario e filántropo Kalouste Gulbenkian, que despois de facerlle as beiras e refugar á excéntrica coruñesa Herminia Borrel, deixou a colección dos seus tesouros a Lisboa.

Gurriarán atopou aos que puxeran a súa bomba, conversou con eles, primeiro encapuchados, entregoulle un libro do pacifista Luther King, pra finalmente quedar prendido no Síndrome de Estocolmo, en compartir e dar a coñecer as magoas do pobo armenio. Así naceu o libro La Bomba e logo o de Armenios, el genocidio olvidado que mesmo deron orixe en Francia a unha película Une historie de fou. Novos aportes a unha historia negada.

Viaxei polas Armenias, pola apropiada por Turquía e a oficial dividida co Karabaj, foi en diferentes programas de Amigos dos Museos de Galicia, no 1992 e no 2011. Territorio que dende o Cáucaso abre paso a Anatolia, confluír entre oriente e occidente, na cerna dos pobos Indoeuropeos. Aínda que Alexandro non conquistou Armenia a cultura helenística tivo aquí auxe con Atióco III o Grande, tal como podemos ver no Nemrut Dagi, outeiro coroado pola tumba de Antíoco I, mitade armenio, mitade grego, coas súas esculturas de reis magos e deuses sentados ao xeito de loto, dos máis fermosos e misteriosos lugares que un poida ter coñecido. Berce dos Seléucidas, herdeiros do imperio de Alexandro.

Turquía estratéxica aliada da OTAN, empeñada en non asumir as súas historias negras, en non ter dor de contrición, propósito da emenda, catarse que se foi e vai tendo cos crimes da Alemaña nazi, cos da Guerra Civil Española, cos dos Ingleses no Ulster, cos dos Bosnios.... E velaí que EEUU e os seus submisos aliados seguen sen usar o termo "xenocidio armenio". No Estado Español, os parlamentos de Cataluña e Euskadi si recoñeceron o xenocidio armenio, en Galiza nin se tentou. A lección do Papa traspapélase.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine