Aló, no lonxano 2008, a raíña Isabel II de Inglaterra convocou á súa presenza a un dos grandes asesores económicos do goberno do Reino Unido e da propia casa real. O prestixioso economista cría que, unha vez máis, sería consultado sobre algún tema relevante para a coroa ou para a nación. Mais Isabel II non lle preguntou nada, limitouse a anunciarlle o seu despido como asesor: "Estimado profesor, non acabo de entender como sendo vostede e os seus socios tan listos e sabios, non foron quen de prever unha crise tan grande como a que estamos a sufrir. Como comprenderá, véxome na obriga de prescindir dos seus servizos, e non se moleste en consultalo, o goberno tamén prescindirá dos seus servizos". Eran os tempos nos que en España se negaba a crise. Que despiste tan descomunal, sobre todo se se compara coa determinación dunha anciá. Daquela, ninguén pensaba no Brexit, nin nas derivas racistas que o triunfo do mesmo xeraría na sociedade británica. Gustaríame saber que pensa Isabel II de todo isto. Mentres, os máis intolerantes das vella e alegre Inglaterra xa empezaron a facer das súas. Nesta semana, unha española foi agredida porque uns energúmenos a escoitaron falar en castelán polo seu móbil, un colexio español amenceu con pintadas vexatorias, un restaurante español foi apedrado e unha porteira dun edificio insultada. A campaña do Brexit provocou situacións delirantes. Paquistanís, indios, africanos e chineses facendo campaña para que non cheguen máis inmigrantes ás illas. Porque segundo estes defensores do Brexit, os estranxeiros xa son moitos no Reino Unido. Hai que recordar que, sacando algunhas excepcións, o racismo antes que de pel é económico. O que fai que un fogar se faga racista con respecto ao outro, é o maior número de posibilidades que un deles teña de atopar traballo mentres o outro fica na miseria. A competitividade polas migas de pan é unha das máis crueis que existen. Lembren as brutais pelexas que as vítimas dun conflito bélico ou dunha catástrofe natural sosteñen entre si por facerse cunha bolsa de arroz. O que ocorre é que estes se xogan a vida, mentres que un londinense dun barrio oprimido se xoga o benestar. Son cousas diferentes. Por iso, o racismo en Europa é máis cruel. Sen que isto signifique que sexa unha característica europea ou da raza branca, pois nun país onde a maioría sexa doutra raza, o branco sufrirá o racismo de igual xeito. E isto todos os que traballaron en oficios humildes en países non europeos, sábeno. Esaú, no Antigo Testamento, vendeu os seus dereitos de proxenitura por un prato de lentellas. Os partidarios do Brexit non quixeron vender o que eles cren ser os seus dereitos, pero corren o perigo de quedarse sen as lentellas. Porque Europa non debera permitirlle ao Reino Unido gozar dos mesmos privilexios que as nacións que conforman a UE, aínda que, obviamente, a ninguén se lle escapa que o Reino Unido é Europa, e que esta non se entende sen a aportación que os británicos, a nivel cultural e histórico, teñen feito ao Vello Continente. Ademais, poñámonos como nos poñamos, seguimos debéndolles acabar coa barbarie nazi. Se cadra, sexa o momento, no que Isabel II teña que mandar ao paro a algún asesor máis, ou a algún dos seus líderes políticos. Que esta señora manda moito e a monarquía inglesa non é como a hispana.