Empezarei, unha vez máis, confiándolles as miñas dúbidas: debería escribir de temas serios, como a preocupación do presidente novamente en funcións, Mariano Rajoy, para que non lle amolen o Tour tendo que facer excesivas manobras políticas para pasar de ser temporal a fixo. Ou das incertezas de boa parte dos nacionalistas galegos de a ver con quen quedan a xantar este 25 de xullo en Compostela. Pero ao final, e saberán desculparme, voulles falar de problemas domésticos e menores, mesmo egoístas: as conexións do transporte metropolitano na comarca da Coruña.

Era eu un rapaz alegre e confiado que estreaba libreta e bolígrafo, e xa se falaba do transporte metropolitano. Persoalmente tanto me tiña, ía a todas partes andando, cambiaba de piso cada seis meses e nunca mais aló dos Catro Camiños, e non tiña coche. Pero xa me parecía raro iso de que soamente os coches de liña da Finisterre -e por pouco tempo-foran os únicos que entraban na cidade, e os que viñan do Burgo paraban na estación de autobuses. E cada X tempo, aparecía pola redacción -tamén cada X tempo cambiaba de redacción- un comunicado de alguén ou algo esixindo a conexión do transporte metropolitano. Lamento non recordar o nome do político que me contou o que lle dixo un colega máis experimentado: "Conseguirás antes calquera cousa que te propoñas que poñer de acordo en algo ás compañías concesionarias do transporte de viaxeiros".

Agora parece que a Xunta conseguiu poñer de acordo ás compañías, ou polo menos iso é o que nos vendeu, que o transporte que usamos os coruñeses do exterior poderá acceder ao centro da cidade. Quizais na súa euforia consensual, o departamento autonómico esqueceu tentar avisar ou coordinar cos concellos, sobre todo co da Coruña, que é o afectado. Ao mellor era por non estragar o equilibrio duramente conseguido, por despiste, ou por outros motivos menos presentables. Isto de coordinar as cousas desde o comezo non soamente é un dos principios da boa educación, senón tamén significa adiantar as solucións a algúns problemas que logo se poden presentar. Vamos, que no aspecto formal, os concellos teñen máis razóns que santos comarcais.

Quen, desde o meu ignaro punto de vista non a ten, ou non a sabe argumentar, caso de que a teña, é a Compañía de Tranvías de La Coruña (sic) (CT). Tentar reducir as paradas dos buses á estación de autobuses e aos Catro Camiños (moita diferencia, a verdade non nai), e considerar que engadir a Praza de Pontevedra e a prolongación de Santa Catalina (coñecida co cursi nome de Entrejardines) pode ocasionar problemas de tráfico e incluso ambientais ao introducir na cidade buses tan grandes non sei se sustenta nalgún estudio máis aló no da posible perda de viaxeiros. Os autobuses metropolitanos desde logo, son máis pequenos e máis manexables que eses urbanos articulados, e sería a primeira vez que máis servizo de transporte público ocasiona un dano ambiental, xa que retira un número considerable de coches particulares que entran e apatrullan a cidade ata que dan estacionado. E se a xente vén sen coche, usará máis o transporte urbano (a CT), é de supoñer. Xa terán uns ingresos fabulosos cando poñan a Estación Intermodal en San Cristóbal, nese sitio sen espazo e cunhas comunicacións pésimas que algún xenio escolleu en lugar de San Diego, porque alí que non haberá quen aparque.

E se hai problemas de circulación sempre se pode usar ese sitio que quedou inhábil grazas ao furado da Mariña: a avenida desde o Obelisco ata Correos pode ser un excelente -funcional á par que elegante- estación nodal metropolitana.