Lino, Lino. Teño unha idea caralluda. Quero organizar un festival de música no verán.

-Outro?

-Este é diferente. É de músicas do mundo.

-Diso xa hai. Se fora de música de Marte sería orixinal, pero de música da Terra. Hai festivais de verán de música clásica, de música lixeira, de rock, de pop, de folk, de jazz, de flamenco, de músicas étnicas, de Oceanía, de Asia?

-Vaia, que segundo ti, non é unha boa idea.

Parece un diálogo propio dunha comedia televisiva, pero non, foi certo. Unha persoa coñecida abordoume pola rúa con esta marabillosa idea. Por que a ninguén se lle ocorre facer un festival de verán de sonetos ou de pintura ao óleo? Somos curiosos, persistimos en buscar o negocio das nosas vidas tentando emular as ideas que outros xa realizan. Pero aínda sabéndoo, non desistimos. Por iso, os veráns galegos, pódense fotocopiar. Máis ou menos, son idénticos un ano tras outro. Pero non pensen que a persoa que quería facer un festival de músicas do mundo volveuse atrás. Ca! Aí está tentando convencer as institucións públicas para que poñan cartos para o evento e así montar o seu chiringuito. Claro que a culpa non é del, senón de quen lle presta oídos. E dos que non desmontamos todo este repetir de creatividade. Mentres, os analistas políticos nos advirten espantados: Que vén Donald Trump! Que vén Donald Trump! Non, non, Donald Trump, non vén. O votante estadounidense é quen trae a Donald Trump. É responsabilidade do cidadán medio norteamericano. Trump é evitable, pero ten que ser a sociedade americana o que decida mudar de clase política. Levan séculos tendo que elixir entre demócratas e republicanos, e isto, é tan previsible como un festival de verán. E outro tanto ocórrenos a nós. Votamos o que votamos e saen os resultados que saen. Non podemos queixarnos de que agora uns teñan que falar con outros. É normal pactar, senón seguiremos así ata decembro e teremos outra vez eleccións. Diría máis. Creo que se non se poñen de acordo en breve, habería que pensarse unha denuncia por derogación de responsabilidades contra todos os líderes políticos de todos os partidos que teñen nas súas mans a posibilidade de que se cre un goberno. Por non animar a que se recollan sinaturas para levar adiante Unha Iniciativa Popular pedindo unha maior ética e preparación dos nosos candidatos. Pero, se cadra, non pague a pena porque dentro dun mes, o meu coñecido organizará o seu festival de músicas do mundo e daquela todo será diferente. Trump estará moi lonxe e os nosos catro xinetes da apocalipse tamén, porque unha chirimía otomán ou unha frauta inca, poden con todo.