Pra agrupación Pedramar

O Pindo, lugar propicio pra deixar voar o maxín entre pedra, mar e historia. Son os días longos e soleados do verán os apropiados pra esa ascese. Algo máis que un monte mítico, cargado do radón da identidade, ao que Otero Pedrayo ben bautizou como "Olimpo Celta". E na súa beiramar unha das aldeas máis fermosas de Galiza, aberta ao solpor do extremo occidente, ofrecendo a mellor panorámicas de Fisterra, cabo do mundo, as míticas illas Lobeiras por medio. Sorprendentes crepúsculos, a facer devalar o monte, tinxindo de laranxa os xigantes de pedra que o coroan e gardan. Monte Pindo, pino penedio, que o padre Sarmiento, na súa viaxe, a cabalo dunha mula, a estes lugares polo 1745 adorna en relación co mítico Pindo grego, refuxio dos centauros. Conta o sabio bieito que "había alí ruínas de edificios, xardíns, calzadas, etc. Escoitei que dentro da cunca do famoso Monte Pindo... había moitas inscricións e moi antigas... hai infindas herbas medicinais e acoden a buscalas moitos médicos... escoitei dicir que acostuman ir ao Pindo os casados estériles e infecundos, co fin de ter sucesión, igual que en San Guillermo de Fisterra.

O centro de recepción do monte é a aldea do Pindo, tendida ao longo da beiramar: nunha parte o porto, separado do areal da praia pola península dos Mouchos, a que na prehistoria foi illa, coas súas leiras que foron de verzas e millo, onde contan que no alto reuníanse as meigas...cara ao mar furnas e pardiñeiros de industrias de salgado do século XVIII.

Nas casas do Pindo aínda reina a cor, e xa foi máis do que é hoxe, pois desaparecen os caleados, os zócalos, as carpinterías de portas e xanelas en cores vivas, que agora, intelectuais, sen fundamento, tratan de "regularizar", tradición que rebrota por levala xa no código xenético. Baixo as pedras do Sinal ou da Cabalgada, da Cova dos Morcegos empoléiranse nas penedas as casas, compañeiras da figueira e do loureiro, as máis recentes asomando á estrada. A praciña da Solaina, onde a tradición di que o sabio ermitán cristianizador Mateu, alá pola alta idade media, tomaba o sol... A pequena igrexa, que tira a neoclásica, ergue coitada a súa espadana e honra ao San Clemente, advocación nova e caprichosa. Tras dela serpea o Camiño Sacamental, o que andaba o crego capelán pra traer e levar os sacramentos. Congostra entre valados e curros, con mostras de rodeiras de carros, a que deixa nunha banda o lugar co suxestivo topónimo de Onde se adora. É tamén camiño do Pedrullo, onde se sacaban as pedras pra construír, laxes que foron do castelo dedicado a San Xurxo, santo que nos pon en relación coas illas británicas, construído no século X, época do bispo Sisnando de Iria, pra defenderse de normandos e islámicos, refeito, pra no 1467 os Irmandiños non deixar pedra sobre pedra.

Estamos en territorio que foi dos célticos supertamaricos, logo a Trastámara, orixe de campante fidalguía, pra quedar en arcediago. A serra do Pindo repártese entre os concellos de Carnota, Mazaricos, Cee e Dumbría, entre os mares interiores, (preferimos dicilo así ao neoloxismo "rías") de Muros e Cee. Ten varias proteccións oficiais e aínda debera ter máis, como medallas que nada significan pra súa xestión integral: catalogado na Rede Natura 2000, Lugar de Importancia comunitaria e reclámase con toda a xustiza como Parque Natural, xeoparque galego... "títulos" que deberan presupoñer vixianza, rexeneración e integrar á paisaxe coa paisanaxe. Serra nacida dun volcán fai trescentos cincuenta millóns de anos, erosionado até hoxe. Nas súas cova, campas, fendeduras apareceron restos do Campaniforme, da Idade do Bronce... e ese enigmático medallón, "aparecido nunhas escavacións", preto da fervenza do Xaias, segundo da noticia polo 1875 Barros Sivelo. Obxecto fundido en cobre e de feitura oriental, mudexar, que entre triangulacións deixa ver as sete estrelas da constelación das Pleiades a xeito de ave... para pasar á Coruña á colección de Antonio Romero Ortiz, figura fundamental na política da segunda metade do século XIX. Vestixio desaparecido tras o traspaso da colección á Escola de Infantería de Toledo. Lugares divulgados por Barros Sivelo, Ramón de Artaza, Barreiro Barral, por Marfany Vilarassau, Arturo Romani, Galovart, Luis Lamela e tantos, entre os que Pepe de Fieiro é un referente e o mellor serpa. Aconséllase meterse nesta serra acompañado dos que saben dela.

Non é fácil esa ascese á Laxe da Moa, 627 metros sobre o mar, nela ponse a proba ao camiñante: si chove porque chove, si fai calor por que fai calor, ademais a brétema é fiel aliada deste Olimpo. Algún tramo da senda con pedras ciclópeas asentadas, entre penedos, derrube de anchos valados, aos que se lle busca explicación, si en relación cun posible recinto sacro ou pro "gando do vento". Paraíso botánico, ademais dos endémicos carballo e a pereira anana... Entre eses cavilares e lendas sobre Lupa, sobre un incendio que durou décadas, sobre tesouros e fuxidos da guerra....pérdese a ollada entre xigantes de pedra e cara ao mar. Nunha banda deixamos o Chan da Lamas, topónimo que se di por que alía apozaba o regueiro do Muíño ou quizais referido ás aproveitables laxes. Deixamos logo o Chan de Lourenzo cos restos dunha explotación de volframio nos anos corenta, coa que colaboraron. Sempre dubidamos deste topónimo que relacionan cun tal Lourenzo, sabendo que os lugares chamados "louros", son elevadouros; as moreas de escouras, a presa de pedra pro decantado e os pardiñeiros... Podemos ollar algunha grea de bestas bravas. Deseguida deixamos as formacións graníticas da Garrida pra topar con esa gran formación de pedra labrada pola erosión e que pola súa similitude chaman o Gardián ou o Xigante...Vixiante dunhas costas cada vez máis empinadas cara a Moa... Subir e subir, deixar covas, nunha delas atoparon unha xerriña de feitura medieval, hoxe no Museo do Pobo Galego. Mais subir... e xa á esquerda temos a Laxe da Moa, culminada co monólito do vértice xeodésico usado no 1834 por Domingo Fontán para a súa Carta Xeométrica de Galiza. Pozas furadas pola erosión, quizais con auga onde lavarse, bo agoiro, segundo conta a tradición.

Na baixada faise imprescindible acougar, pousamos pois na campa de San Pedro, onde estivo a ermida dedicada, como non, ao santo que cristianiza os lugares de pedra, San Pedro. Moreas de pedra desta construción, algunha insculturada como recolle Barreiro Barral. Restos de ter habido unha fonte co seu pilón, aínda abrolla a auga á que acoden a abeberar as bestas.

En todo o camiño do Pindo síntese a barbarie dos grafitis, a insensibilidade dos egoístas que profanan e deixan a súa pegada inculta nestes altares.

Si o corpo aguanta e queremos empregar o día enteiro, mesmo facendo escalada, podemos visitar a misteriosa abertura que divide a serra, do mar ao interior: a Cova de Xoana, coido que máis ben debera de ser de xiana ou das xanas, esa especie de mouras, tan no imaxinario popular, en relación coas xianas ou as moiras gregas. O San Xoán está en relación con estes cultos anatemizados no século VI por Martiño de Dume. O priscilianismo puido ter altares aquí.

E Penafiel, cónico, coroado por un teto natural, como unha xigantesca ara, que algúns relacionan coas Aras Sestianas... onde campan as insculturas excomungando estes altares...

Conto de no acabar o Pindo e o mellor a paisanaxe, os pindexos, feitos de "Madeira de buxo", bos e xenerosos. Alguén quixo poñer aquí o Paraíso Terreal e non ía descamiñado.