Unha chea de xente, desde o meu fillo maior ata o do bar onde adoito abrevar as cañas, me suxeriron que tiña que escribir do fenómeno ese dos Pokemon Go. "De verdade?", contestei polo xeral, ocultando que xa me quixera poñer hai unha semana, pero a brutalidade de Niza me quitou o humor. Agora non é que falten motivos para levar o humor arrastro, pero o da busca e captura dos Pokemon está adquirindo aspectos de limpeza étnica.

Por se hai algún ignaro sobre o fenómeno, a cousa consiste en que aqueles monstros, Pikachu & Co, aparecen agora en calquera parte. Como antes, pero desta vez saen nas pantallas dos móbiles, no medio de calquera sitio ao que enfoques coa cámara. É o que se chama "realidade aumentada", cando o que se debería chamar é realidade manipulada, terxiversada, ou se queren, enriquecida, pero a realidade nin se aumenta nin se diminúe, simplemente sopórtase. Ben, hai que capturar non sei se 150 personaxes/monstros básicos ou 722 se contamos as evolucións (a consigna é "faite con todos!") e logo adestralos e pelexar con outros. A matraca non ten visos de acabar.

Os medios, sempre atentos aos grandes problemas da humanidade, xa están empezando a recoller incidentes. Que se un en New York petou contra unha árbore por andar aos pokemon mentres conducía, que se a policía de Nova Gales do Sur (Australia) multou a dous condutores no mesmo tramo en menos dunha hora por compaxinar caza e volante. Un norteamericano tivo que botar a xente do xardín da casa, identificada como un "ximnasio de adestramento", e outro disparou contra dous rapaces que viu agachados de noite nun coche preto da casa. Máis afortunados foron os que invadiron unha comisaría australiana porque alí había unha chea de bicherío dese. O mesmo que o aparcamento da Comandancia da Garda Civil de Las Rozas (Madrid), onde se coaron dous mozotes xa de 25 anos. As policías, a española e a doutros sitios, están usando as redes sociais para advertir aos pokemoners que teñen coidado, en ton pavero -"Hazte con todos, pero con seguridad", di a española-, unha evidencia máis de que os consideran uns parvos infantilizados. Non todo o mundo é tan inxenuo. En Misuri detiveron a catro persoas que concentraban pokemons en sitios afastados e aos incautos que ían por eles acababan sendo cazadores cazados, e non precisamente por Pikachu. A todo isto, o tal Pokemon Go aínda non está introducido en todo o mundo, nin moito menos. Imaxinen cando se despliegue.

Vale, que dous tipos aos 25 anos teñan tan pouco sentido que se metan nunha instalación militar por un xogo de móbil é como para preocuparse. E desde logo os condutores que usan Pokemon Go (que o usan mentres conducen) son un auténtico perigo para a circulación. Pero tamén o son os que van mandando whatsapps, ou consultando o correo, discutindo coa parella, ou tentando recuperar o tabaco que lles caeu ao chan. Non parecen moitas nin de moito calado as calamidades recollidas por ir apampado á procura dos pokemons. Eu de neno tamén petei -andando- contra unha sinal de tráfico por ir lendo. E polo menos non se xoga eslombado nun sofá, haise que espelir, moverse, e mesmo acabas coñecendo algún monumento. E sempre será mellor iso que o que fan a anterior xeración de apampados, vivir as vidas de xente que sae na tele, ben sexa folgazáns recluídos nunha casa ou nunha illa, ou afeccionados á cociña submisos á tiranía duns histéricos do fumé de pescado.