Acompostelán Quintana dos Mortos é un inspirador claustro, niño de símbolos, espectros e memoria. Pétreo homenaxe de silencio en pedras, fachenda de mestres e canteiros en xogo de arquitecturas. E non a toques xa máis que así é esta rosa rosae galega. Aínda que o instinto bravo do ego provoca a espetar alí testemuño de presenza, contaminando aquelas pitagóricas e sacras xeometrías. Velaí, como mal menor, sobre a sobriedade rectilínea de Antealtares a placa de mármore e bronce que honra ao heroico Batallón Literario dos universitarios galegos contra a francesada, e como mal maior a cruz da "cruzada" bárbara dos golpistas. E velaí tamén a Quintana cando Compostela se expresa en festas, invadida por aparatoso, opaco palco, toldos, barras, alboios, cables, altavoces, baretos, retretes e altos decibelios turbando as solemnes badaladas, as clausuras e o enxergar sensible.

A Vella Compostela circunscríbese entre o perímetro do que foron as súas murallas medievais, franqueada en portas: a de Mazarelos por onde entraba o viño dos ribeiros; a Porta Faxeira pola que se lle daba paso á madeira; a Porta da Peña, a Porta Francíxena, as Portas dos Pexigos ou dos Postigos.... Portas ligadas a prazas lousadas, encrucillada nas que expresar a vida. Catro grandes prazas illando e protexendo as liturxias da Catedral. Escenografías nas que pasamos de ser espectadores a actores, ás que se accede disimuladamente por ángulos, como pra non molestar aos ritmos e crear sorpresas nas perspectivas. Sendo o Renacemento e o Barroco os que visten á cidade dunha proporción equilibrada, dun singular ritmo xeométrico, monumental, lección pros urbanistas. Prazas diferentes e antolóxicas, barrocas de Historia, de Arte e de ritos relixiosos: a do Obradoiro, a da Azabachería, a Praza de Platerías e a Praza da Quintana, na que acougamos agora: escavada no 1964 por Chamoso Lamas e na que se descubriu unha grande necrópole, mesmo con edículas romanas, datos concordantes cas descricións dos viaxeiros e peregrinos dos século XVI e XVII. Quintana na que se conxugan as artes, como versos dun poema: a herreriana do Mosteiro de San Paio, a barroca dese ergueito mastro de pedra que é a Torre do Reloxio ou Berenguela.... Praza envolta no espírito de contrastes, de luces e sombras do Barroco, espazos nos que, co devalar das luces pola interacción dos Catro Elementos, especialmente do bagullar da chuvia e do sol da tardiña, seduce e inspira.

A Quintana oriéntase ao Este da Catedral, mostrario e cuadratura pétrea dos grandes mestres do Barroco, coa torre do Reloxio ou Berenguela que da base gótica érguese en flor barroca, obra de Domingo de Andrade, rematada no 1680; a ábsida románica co coroamento de balaústres, na que abren a Porta Real e a Porta Santa ou dos Vintasete, de inicios do XVII, de González Araujo e Fernández Lechuga, enmarcada reaproveitando as esculturiñas que pertenceron ao retirado coro pétreo de Mateo. Porta coroada pola imaxe do Apóstolo peregrino entre as dos seus dous discípulos. Vinte sete pétreos, resignados e caladiños espectadores da barbarie de cada intre, servindo de marco de portería, de chanzo pra escalar... Praza pechada tamén polo Mosteiro de San Paio de Antealtares, con orixes nos mesmos anos do descubrimento da Arca Marmórica no Libredón, para os bieitos, custodios do sartego, entre os que estivo o derradeiro bispo de Iria e primeiro de Compostela, o poeta Pedro de Mezonzo. Convento que a finais do século XV pasa a ser de monxas bieitas, recrutadas de diferentes mosteiros. Escenario da historia romántica poetizada por Lamas Carvajal, da moza namorada forzada a ser a monxa, que desesperada toma unha derradeira determinación, colgarse dunha xanela... A construción románica no século XVII revístese de herreriano, obra do mestre fray Gabriel Casas e Melchor de Velasco. A entrada desa Igrexa ofrece sobre a limeira un nicho coa imaxe do venerado santiño galego, San Paio, educado en Tui xunto ao seu tío bispo, mociño guerreiro apresado en Navarra como refén polas tropas de Abderramán III, torturado, provocado sexualmente polo califa, renega e é degolado, desmembrado e arroxado ao Guadalquivir. Recollidos os seus restos repartíronse por relicarios do reino galaicoleonés e o nome de Paio proliferou. Historia e escultura que apaixona a Lorca: expresiva imaxe do mártir co coitelo na gorxa, xa esvaecida da súa cor orixinaria. Pecha tamén esta praza a Casa da Conga ou dos coengos, obra do 1709, deseño de Domingo de Andrade nun reprimido barroco que aperta á praza en soportal a ritmo de arcos. No centro do tellado, fendendo coa horizontalidade a cheminea. E a carón, sobre as escaleiras da que Lorca chamaba "Praza-Butaca", onde actuou con aquel seu teatriño de La Barraca, como pra enxergalo todo, alóngase a Casa da Parra que equilibra tradicións barrocas coa popular da mítica e sacramental parra.

Quintana, cofre de mística pra Lorca, "Sí, a lúa, a lúa/ coroada de toxos/ que baila, e baila, e baila/na Quintana dos mortos!" pra Novoneira: "Teis que cantar na Quintana/ que cantar unha cantiga/da túa terra lonxana/ unha cantiga antiga..."/ pra Manuel María, "...¿por qué chora esa lúa tristeira/ na túa Quintana Sagra que aínda escoa?..."/

Arte, Historia, poesía, silencios que non poden ser cegados. Non todo aquece neste reino das sombras, fin dunha peregrinación, "Flor de silencios...onde a noite adquire conciencia de medida" entre tanto que dixo Otero Pedrayo, teatro pra pastorear nubes e cavilares, onde construír tratados de silencios soamente interrompidos polo solemne devalar, a procesión das horas nas badaladas literarias da Berenguela. Quintana na que durme a noite e a lúa, símbolo lorquián da morte. Maxistral lección masónica, gran eira da "Gran Aldea de Galiza", reserva fronte á "aldea global" de MacLuhan .

As multitudes de hoxe, as músicas, requiren campas, sabémolo ben nesta nosa cultura artillada arredor de campos de feira e de romaría. Mesmo Compostela deu exemplo, dende a súa Ferradura a Bonaval ou ás campas do Gozo, agora pasando polo Gaiás, á Galera, Belvis, Bonaval, San Lourenzo... onde esparexerse, sen profanar unha das prazas máis fermosas do mundo.

A fráxil barca de pedra é posible, si aínda queda neste estremeiro western, entre a desorientación, algo de sensibilidade. Comecemos pola Escola e a Historia.