Ter goberno en Madrid non temos, pero polo menos resolvemos outra cuestión que traía de cabeza a España toda, e o neno de Fuenlabrada, fillo de Ignacio (aka Ñaco) e María poderase chamar Lobo. Unha vitoria da sociedade sobre a rixidez da administración, ata o punto de que Pablo Iglesias saíu do seu case mutismo estival para tuitear: "Está claro que no es la noticia más importante, pero es una buena noticia. Felicidades a la madre y al padre de Lobo", e enlaza a unha noticia na que se indica que o director xeral de Registros y Notariado "admite que los usos sociales han convertido este nombre en cada vez más habitual". En que quedamos? Se é habitual, porque non llo podían poñer os de Fuenlabrada?

A cuestión dos nomes é delicada, e a normativa española é claramente conservadora. De feito, non avanzou moito desde que tiña a exclusiva denominativa o santoral católico. Impide, por exemplo, poñer diminutivos ou apócopes, propios ou foráneos (Nano, Toño, Fede, Fer, Tom, Dick, Harry, Joe), e aínda hai pouco admitiu Lola. E nomes que causen risa ou menosprezo, o que é relativo. Milleiros de mulleres soportaron e aínda soportan patronímicos como Esclavitud, Tránsito, Regla, Angustias. Hoxe 7 de agosto é o día de, entre outros, dos santos Hormisda, Frambaldo, Arsacio ou Armagilo. Todos eles en desuso desde hai séculos, pero legais. Como Lope (Luis Alberto de Cuenca recordaba en ABC que o nome vén de "lobo" e del saíu o apelido López), Vasco, Suero, ou o resucitado Mencía (o nome, non a uva).

Hai uns cen anos deixou de usarse en España o patronímico Nilo porque un que se chamaba así foi autor dun asasinato particularmente odioso e atroz. Hai menos, lembro a queixa dun veciño de Riveira a quen o xuíz non lle deixaba rexistrar Lenin ao fillo, non en homenaxe ao revolucionario ruso, senón a un compañeiro de traballo seu en Venezuela que se chamaba así. O xuíz argumentaba que lle podía poñer Vladimiro, ou Ilich, pero Lenin era un mote.

Noutros países hai barra libre. Son famosos os nomes cubanos, pero a conta do neno ao que lle querían poñer Lobo, saíron nas redes sociais documentos de identidade como o dun colombiano que se chamaba Jesucristo Hitler Paracelso Montoya González, ou un chileno Shakespeare Mozart Armstrong Correa Pérez. E tamén que están empadroados (supoño que nacidos fóra) Supermán, Lady Di e Pamela Anderson, aínda que hai 612 Shakiras, 101 Neymars e uns 20 Messis, Iniestas e Maradonas que deben ser nativos. Ñaco, o pai de Lobo, di que ese nome daralle "carisma" (ao fillo) e que consultou varios especialistas que lle aseguraron que non lle vai supoñer problemas. Sen ser especialista, estou certo que menos que se lle chamase Frambaldo. O que pasa é os problemas non soamente están fóra. O que si din os expertos é que para un neno/nena, cantas menos expectativas poñanos pais/nais, mellor. E se lle pos Lobo parece que non vas quedar moi contento se che di que quere ser manicuro (ou si, quizais sexan prexuízos).

A normativa ten defectos. Entre eles, que hai que montar un circo para que a dirección xeral de Registros y Notariado se contradiga e admita un nome máis ou menos normal (digo máis ou menos porque, cando un nome de animal empeza a non selo?: Zorro?, Xabaril? Corzo? Cabalo?). Pero o maior é que dá todo o poder aos pais, eses seres aos que non se lles esixe ningún tipo de exame para traer nenos ao mundo. A reforma necesaria é que os rapaces se podan cambiar o nome aos 12-13 anos, para evitar Jesucristos Hitler, París de Noia, Panorama... claro que cos Pokémon, mesmo se enchen as aulas de Poliwhirl Vázquez, Charizar Regueiro ou Ivysaur Lema.