Florentino López Alonso- Cuevillas (1886-1958) é figura sobranceira, das máis queridas e homenaxeadas da Historia da Cultura Galega. Serao pola súa teimosía na pescuda e sensibilización arredor das orixes. Actividade e paixón alentada no seu decurso polos designios das Irmandades da Fala. A súa vida circunscríbese á aura cultural de Ourense, mesmo a esa encrucillada que é a Praciña do Ferro a que o vencella cos seus coetáneos e amigos, Risco, Otero Pedrayo... mozos inicialmente fascinados polo maxisterio do humanista astorgano Marcelo Macías, despois polas ideas e a atracción de Lousada Diéguez, ideólogo e motor de actividades arredor de Galiza, coñecedores tamén e seguidores das exóticas teosofías do ocultista e mitólogo Mario Roso de Luna.

Cuevillas estuda Farmacia na Fonseca da Compostela troiesca, no ir e vir participa na rebotica ourensana dos Temes onde se fraguaron tantas iniciativas culturais da que sería Atenas de Galiza e súmase á actividade da Comisión Provincial de Monumentos. Compartindo o devalar das causas cos seus veciños, Vicente Risco e Otero Pedrayo, cerna que sería de Nos. Grupo que retoma as románticas pescudas históricas de Galiza, as de Villamil, de Barros Sivelo, de Vicetto, Murguía, Maciñeira... xa non digamos de portugueses como Leite de Vasconcelos ou do admirado e romántico pioneiro da arqueoloxía castrexa, o filántropo de Guimarâes Martíns Sarmento. Imantados polas esencias indoeuropeas, a celtomanía, que desembocará no Atlantismo como característica diferenciadora do clasicismo grecorromano, do Mediterranismo que propiciaba Ortega y Gasset.

No 1911 Cuevillas trasládase a Madrid, onde frecuenta a Facultade de Filosofía e Letras e os parladoiros de café, pra axiña retornar ao seu Ourense e optar a un posto como funcionario da Gobernación e despois en Facenda, no que segue até a súa xubilación. Afeito ás conversas coa xente do rural, cos sabios locais que lle permiten pescudas nos castros dos arredores, San Tome, Troña, Armeá, Cameixa, San Cibrán das Las... colabora na prensa ourensán, faino en galego, dende un estilo co que tenta chegar a todos, seducir, sensibilizar, anovando e dignificando o enxebre. Idioma popular tan susceptible á dialectalización por parte do dominante e clasista castelán. Sabio, elegante, simpático, o que, segundo contaba o arqueólogo portugués Santos Junior, mesmo falaba tamén cos seus expresivos ollos. Xocas, seu discípulo e amigo contaba que na súa conversa tiña o retrouso de botar "coños" a destra e sinistra, mesmo explicando a grupos a imaxe do Santo Cristo de Ourense...

Cuevillas pertence ao seu tempo, o do Modernismo, tan propenso ao estranxeirizante, ás elites culturalistas, esteticistas, ao dandismo, ao exotismo, ao esoterismo, á inadaptación, ás excentricidades e nos seus principios despectivos á política... neste caso e como paradoxo cun forte apego cristián, sen beaterías, o que tamén caracterizará a boa parte dos galeguistas desta xeración galega. Dentro dese prisma de inadaptación fundan no Ourense de 1917 La Centuria, mentres que dende A Coruña espállase un movemento de pura cerna galega, as Irmandades da Fala: pra que mirar pra fora, si estamos e vivimos sobre un universo por coñecer, no que enxergar, Galiza. Ilusións compartidas e avivadas pola participación e a incidencia de Castelao. Viran e mudan entón os presupostos para centrarse en algo que non deixa de ser exótico e atractiva parte da tópica Galiza máxica", as orixes.

Cuevillas súmase pra fundación do Partido Nacionalista Republicano, dende 1931 militante do Partido Nacionalista, no 1920 figura fundamental no grupo Nós e no Seminario de Estudos Galegos, no que entra no 1924 cunha investigación sobre a Idade do Ferro en Galiza, arredor da cultura castrexa, da romanización e da aculturación destes hábitats fortemente defendidos por valados e foxos. Pescudas nas que seguirá toda a súa vida, publicándoas en Arquivos, nos Cadernos de Estudos Galegos no CSIC... Autodidacta, "non de carreira", autor de A Civilización céltica en Galicia (1953), editado "por libre" e pola Editorial Porto de Santiago, base para o volume terceiro da inacabada Historia de Galiza, dirixida por Otero Pedrayo (1973).

Cuevillas abre a eidos sempre inacabados desa ciencia que é a Arqueoloxía, fonte da Historia, interaccionando neste caso coa Antropoloxía, coas fontes literarias, epigráficas, coas escavacións arqueolóxicas e mesmo coa relectura de asentamentos e artefactos depositados en museos e coleccións. Investigador que tenta liberarse de fantasmas e tópicos, non se para unicamente na cuestión "céltica", nas referencias literarias aos Oestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza, remontándose moito máis atrás, ao Megalitismo Atlántico, ás relacións coas Illas Británicas. Como poucos intuíu a importancia da minería e da metalurxia que condiciona a economía dos castros e a atracción doutros pobos expansionistas...os máis procedentes do Mediterráneo oriental e que deixan pegada a través das navegacións, orientalismo que caracteriza aos pobos das Fisterras Atlánticas. Distincións que denotarán os cronistas grecolatinos respecto destes seus "outros", que cualificarán como "célticos" "celtíberos", sabendo tamén que os exércitos romanos íanse nutrindo de feroces soldados, mercenarios orixinarios dos máis remotos confíns, mesmo íberos, celtas, galos... Persistente dúbida que agora proban epígrafes atopados recentemente, como a estela de Crecente en Lugo (Museo Provincial de Lugo), erixida por un tal Ambolo, na que presume ser dos "célticos tamaricos", esto é dos lindeiros do Tambre... casta dos torques, das arracadas, das caetra...

Despois do golpe de estado franquista, coa guerra, as humillacións, a censura e o medo, aínda quedaron folgos e recursos intelectuais nos sobrevivintes. Cuevillas e os do seu grupo mantiveron, como puideron, o lume e a semente, aínda que fora arredor da Arqueoloxía e da Etnografía, o que prendeu nos máis novos como Xocas, Taboada Chivite, Fernández Oxea, Bouza Brey, Ferro Couselo... e mesmo seguiu nos parladoiros, nas relacións con Portugal e non tanto como debera na daquela única universidade, a compostelán da Facultade de Filosofía e Letras. Cuevillas morreu un 30 de xullo de 1958.

Nacionalismo historicista aquel que busca bases sistemáticas e científicas en relación co acontecer europeo: expurgar as fontes da Historia, as pescudas de campo, a interdisciplinariedade, a Arqueolóxica, Etnografía, a creación de museos, a realización de inventarios e mapas, a divulgación das orixes nas que radica a orixinalidade, parte importante da identidade... Velaí o monográfico sobre Las joyas Castreñas, a catalogacións de castros, o Terra de Melide, o exemplar monográfico sobre A Parroquia de Velle, os antolóxicos artigos recollidos nas Prosas galegas que no 1962 edita Galaxia, escritos nun galego co que exemplarizaba nas súas clases o profesor Carvalho Calero.

Cuevillas abriu portas á Arqueoloxía e a Historia de Galiza, nas que compre seguir a profundar, pra seguirmos en vangardas que semellan esborrallarse hoxe: saber de onde vimos...