Poucos cidadáns deste país, nin sequera chega a un de cada cinco, pensan que en España hai menos presión fiscal que na media Europea, algo que non é certo. O de que soamente un de cada cinco (un 18,5% para ser exactos) opine que en España se pagan menos impostos que na contorna, é cousa dunha enquisa do CIS. Que os que opinan así, pese a ser minoría, atinen é cousa do Eurostats, o departamento estatístico da UE, que certifica que soamente países do antigo bloque soviético (non todos) e Irlanda teñen unha menor presión fiscal: o 34,4% do PIB, cando a media da UE e o 40% e da zona euro o 41,5%. Pensan que aquí os impostos son máis altos que por aí fóra o 35,5% dos cidadáns, mentres o 13% coida que por aí andan e o 31,5% prefiren prudentemente non manifestarse.

En cuestión de enquisas, coas políticas deberiamos estar xa vacinados, pero estas, nas que non se trata de aventurar un resultado ou intuír unhas preferencias, non terían por que fallar. Pero a min tampouco me parecen moi de fiar. E non porque considere que en España a presión fiscal é tan lixeira como a conciencia de Bárcenas. En primeiro lugar, porque se calcula con referencia ao PIB de cada país. E todos sabemos como se calcula o PIB. Ben, eu en concreto non, pero deixei de fiarme de como se calculanPIBs e outros índices cando resultou que o IPC, o que custa a vida, non subira logo da implantación do euro (a pesar de que da noite á mañá os cafés pasaron de costar 100 ou 120 pesetas a un euro).

En segundo lugar porque as medias fanse metendo a todo o mundo por xunto e dividindo entre todos. Na UE, o imposto que máis recada é o IRPF (o vencellado ás rendas persoais), unha media de 9,4% da saca total do PIB, mentres en España tivo un 7,7% (Irlanda o 9,7%, Italia o 12% e Dinamarca o 29,4%). O IVE, que se paga independentemente da renda, sube cada ano en España (en 2015 recadou o récord de 62.681 millóns de euros). España ingresa menos polo imposto de Sociedades ca Europa (2 e 2,4%). En realidade menos que calquera país, quitado Finlandia.Pero sobre todo, en terceiro lugar, porque a presión fiscal, ou polo menos o afogo fiscal (o que os economistas chamarían sensación de presión fiscal, se fosen meteorólogos) ten que ver co IPC e co salario. Podes ter uns impostos que che leven a metade do salario e tanto che ten se o salario é moi elevado e a vida barata. O salario mínimo español (756,70 euros ) non se pode comparar co de Luxemburgo (1.922,96 euros), pero nin sequera co de Irlanda (1.461,85 euros), e mesmo pouco por riba está do de Grecia (683,76 euros).

E por que a maioría (ou a minoría maioritaria) da xente pensa que pagamos máis? Porque o discurso dominante que se machaca a diario desde os líderes orgánicos e inorgánicos de opinión, políticos, financeiros e expertos a soldo ou comisión, e que baixar impostos é bo e subilos é malo, porque desincentivan a economía, á xente máis produtiva. Non sei entón porque nos estados máis desenvolvidos economicamente a presión fiscal é maior. Debe ser que alí lle fan menos caso aos expertos.