A competición non se separa da supervivencia, levámola nos xenes e seguimos a alimentala sen buscar alternativas, forma parte dos desafíos do ser humano pra fortalecer o ego e a insolidariedade: ser o mellor cazador, pescador, quen máis ten. Compre educar o espírito competitivo, saber gañar e perder. Capturar, atrapar, reunir, atesourar variedades, tipos.... Sen faltar o engano, a ilusión óptica de quen meta gato por lebre, biosbardos, gamusinos, gazafellos ou sofisticadas virtualidades. Xa non se coleccionan selos, moedas, minerais, bolboretas....colecciónanse pokémons, que co tempo engancharán máis e serán máis varados.

Curiosa evolución dos xogos en poucas décadas para aquí: dos Xogos Reunidos Geiper, co seu parchís o Xogo da Oca, a lotería e outras fórmulas que van pasando ao Museo do Xoguete, si acaso xa con pouca vida sobre as mesmas mesas das residencias da terceira idade.... á brisca, o tute a escoba, e o xadrez, xogo de reis... poderán quedar como os dinosauros.

Cos plasmas e os smartphone superáronse os videoxogos e deron nova animación aos madelmans, ás barbies de plástico, camiño incluso de superar o 3D. Agora os raparigos, tan precoces e tatuados, cargados de teimas, revestidos de marcas do consumo, inseparables do móbil prefiren e gastan os ollos nos plasmas das novas tecnoloxías. E coidamos que por iso de que a función crea o órgano, a evolución da especie encargarase de facer o demais, determinará no futuro que tipos de ollos, dedos, unllas ou pinzas teremos.

Claro que hai valores positivos neso de compartir experiencias, saberes, logros, a través de redes internáuticas, afeccións, novos entretementos, que mesturan en bloque ocio e negocio. Como motivo a prehistórica ansia de captura e caza que tamén motivou e reuniu a bandadas a redor dun bisonte. Aquí non se comparte nada, non hai compensación ou premio, si acaso atesourar criaturas, os poké-monster, tipos de monstros e fantasmas animados para maior gloria do superego. E neso de cazadores, tamén internáuticos, tería que ser un español o primeiro en reunir todos os tipos de Pokémon lanzados deica agora. Mesmo neste agosto Madrid serviu para experimentar unha pokékedada que reuniu a miles de nini no símbolico e referente Kilómetro Cero, superando a marca de Sidney. Novas categorías para a historia interminable do Libro dos Récord. Novos quixotes con novos retos.

Historia acelerada a do Pokémon que nace nos noventa e que como unha praga inza o mapamundi. Na actualidade coa novidade da incorporación do gps, a localización, a posición do xogador, intercalando a realidade da situación coa virtualidade sobre a pantalla. Aspecto este programado e controlado dende centros insospeitados, encargados de deseñar e espallar tipos de cebos virtuais en lugares e horarios diferentes, capaces de reunir importantes datos socias para outras ofertas.

Novos emprendedores, novos oficios, un novo idioma global. Fenómeno social que enguedella a todas as idades, especialmente aos máis novos de quen depende tanto futuro. Atractivos videoxogos arredor de criaturas virtuais, un xeito de gremlis que iran mudando de xeitos e de modas co devalar do tempo. Seguidos tamén polo poder mediático enredándose así nun retouseiro mantra que lle da máis corda: novos mitos, novos ritos, agora os do consumo, a través da atracción e o abuso das pantallas, das tablet, o smartphone...do poder das redes, usadas máis para individualizar que para socializar, máis para o consumo que para a educación. Parte das infindas posibilidades que xera e ás que abre o ordenador. Revolución, aínda non ben asumida, a través das novas tecnoloxías, as dixitais. Un xeito que supera a Galaxia Guttenberg, a do libro. Técnicas que compre aplicar axiña á educación, pra ser condutor e non marioneta conducida.

O traído e levado Pokémon é invento made in Japan, creación do debuxante Satoshi Tajiri, negociado coa franquía de Nintendo. Aplicación que enreda nunha interminable espiral, cos conseguintes pokéentrenadores, pokerutas, poképarada.., un xeito de robotizar, de teledirixir por terra, mar e aire, no café, nas aulas e ás escondidas, na praia, sobre o paso de cebra... E velaí esa anormalidade normalizada de atopar a mozos absortos, illados ou en quedadas, no seu diálogo xordo e cheos de tics na caza dos Pokémon. O raparigo ou mociña hikikomorí, fora do mundo, drogada, enclaustrada pola pantalla, sae agora do seu cuarto e móvese polas rúas, coincide con outros en parques e prazas... e non quedará neso a cousa, adubarase con outros elementos que complementaran unha moda integral dentro do marchandising Pokémon. Mesmo a concentración do botellón reconvértese con novos aportes nas altas horas entre centos de luces pálidas de plasmas e fantasmas virtuais. A aldea global incha, rebenta....

Redes interminables para un novo comercio, novas profesións, novas adicións, novas dependencias. Empresas piden lugares, pokérutas e poképaradas para provocar as concentracións de caza...incluso ONG solicitan colaboración a Nintendo para sensibilizar con causas sociais... E xa veremos como evolucionan as tendencias, si de cara a informar e formar ou de cara a esa individualización de novos supermans, supereroes, bos e malos. Sentimento inicialmente expresado sobre a virtualidade, non sobre a realidade da ruta. Cegados pola pantalla e non sobre o volante do autocar que conduce, a un tempo, cargado de escolares....

Na Pokédex ou listado de bichiños virtuais, inspirados na natureza e nas mitoloxías, que non son as galegas, estes aparecen agrupados en tipos que van do normal aos máis sinistros, pasando polos de terra, auga, lume, voadores, veneno...fadas e fantasmas. Fantasmas con cada seu nome, os que pasarán como novos alcumes entre os rapaces adictos á virtualidade das pantallas: o cotizado Pikachu, Bulbasur, Charmander, o Squirtle para iniciados. Criaturs que normalmente "móvense" polas urbes... o dragóns Dratini, mesmo os que poden mudar de forma como o Snorlax, o Eevee e os máis comúns o Ponyta, Kabuto, Magmar.... que se "esconden" por centros comerciais.... Vaporeon, Falreon, Jolteón.. os que circulan pola noite, polos cemiterios, os castelos, os museos, arredor das casas abandonadas... E malia si se conxela ou lle falte enerxía ao ordenador no intre dunha caza...

Galiza, cabo do mundo da pel de touro ibérica, con disciplinados bos e xenerosos no paro, é baril campo de probas para estes experimentos virtuais, namentres o mundo se mata en guerras, muros, se inunda, se queima ou voa entre tornados. Mudan as modas, as que axiña pasan de moda dando paso a outras modas. Xaponeses, estadounidenses e chinos levan a palma comercial, mesmo a través destes produtos coñecen e ofrecen as tendencias do consumo.

Alivia que Harry Potter, inspirado nas lendas célticas británicas campe, polo de agora, nas librerías e no cine.

E sempre entre mellor unha aparente cacería virtual que a real en Afganistán, Siria, Yemen...