Que se vai. Diso nada. Que equivocados están. Quen? Os que pensan que Beiras se retirou. Da política? Non estou certo. Da vida? Ao contrario. Agora empeza a vida do outro Beiras. A do home que asombrará ao mundo cando nos deixe. É difícil que unha traxectoria vital como a de Xosé Manuel Beiras Torrado quede reducida á política. O tradutor, o ensaísta, o escritor, o pianista é o que agora rexurdirá con máis forza. O Beiras xa anunciara hai catro anos que o seu ciclo vital remataría nestas eleccións. Aí están as hemerotecas. Parece que non está de moda consultalas e resulta máis cómodo facer apostas e cábalas e intrigar sobre sucesións, candidaturas e outras lerias. Moitos sabíamos que daría este paso. Era o seu. E os que admiramos ao intelectual e ao artista estamos de noraboa. Lembremos os seus ensaios, aquel lonxano O problema do desenvolvemento na Galicia rural (1967) ou aquel outro editado e financiado polo Banco do Noroeste Estructuras y problemas de la población gallega (1970) e o case best-seller da economía galega O atraso económico da Galicia (1972) e o non menos popular Por unha Galicia liberada (1984) e moitos máis como Prosas de combate e maldizer ou O estado da nación. E hai moitos máis, porque Beiras é un ensaísta prolífico e laureado. Cantos orixinais inéditos non durmirán no seu despacho? Cantas notas non haberá espalladas pola súa gran biblioteca para iniciar novos proxectos? E se isto é no ensaio, lembremos a súa inxente aportación como tradutor. Apaixonado do teatro verteu ao noso idioma As Moscas de Sartre, Os xustos e o Calígula de Camus e a Antígona de Jean Anouilh, esta última en colaboración con Paco del Riego. Mais tamén a novela O tempo nun salaio de Anne Philipe e as Cartas a un amigo alemán do seu venerado Albert Camus. Tampouco hai que esquecer que neste campo, o seu pai, don Manuel Beiras, foi un modelo a imitar, pois foi o autor da tradución ao galego do Platero y yo de Juan Ramón Jiménez, con debuxos do seu neto Daniel Beiras. Sei que moitas outras traducións agardan ser entregadas as editoriais. Agora é o momento de revisalas e adornalas para gozo de todos os lectores. E xunto a este titánico labor de ensaísta e tradutor, o non menos amplo de criador. Aínda que máis descoñecido. Beiras, tamén garda entre os seus papeis, algunha que outra novela e algún relato inédito que, se o demo non o remedia, axiña poderemos disfrutar. E é que esta familia é todo un luxo para o noso país. A nai de Beiras, tocaba o piano e dela herdou o carismático político a súa sensibilidade artística. Sensibilidade que o levou a rematar a carreira de piano. Claro que, no aspecto de titulacións universitarias, o amigo Torrado, posúe unhas cantas. Por iso digo, que agora ben o bo, o grande, o esperado. O agasallo do Beiras máis libre e criador. E el sabe que os que o queremos ben, estamos felices de que chegase este instante. Benvido á nosa, á túa vella e nova vida, Xosé Manuel, amigo escritor e artista.