Penso que algunha vez citei aquí xa a troita de Ánxel Fole. Desculpen a reiteración se o fixen, aínda que tamén poido pasar que os lectores de hoxe non fosen lectores daquela. A troita -sigo, para os que definitivamente ignoran o conto- era unha que Fole contaba que vivía nas augas dunha fonte do Incio, e así garantía que a auga estaba limpa.

Noutras ordes da vida hai tamén guías que nos indican a limpeza do ambiente ético no que nos movemos, cales son as liñas verdes que faríamos ben en seguir ou as vermellas que é mellor non pisar. No xornalismo non hai grandes heroes a man. Manu Leguineche pode ser o noso Kapuscinski, pero aquí confundiriamos o periodismo de denuncia de Günter Wallraff co tombolerismo de José María García e toda a liña de telepredicadores que viñeron detrás. Acabamos de quedar sen un deses referentes. Ana Viqueira, coruñesa da rúa Maravillas, foise este xoves. Viqueira non pontificaba sobre os problemas da sociedade actual ou futura nas tertulias radiofónicas, non debullaba as voltas e as revoltas da política nos púlpitos televisivos, nin facía reportaxes como influencer sobre o que era tendencia ou pendencia. Ana Viqueira, primeiro en xornais deste grupo, e logo na axencia Efe facía información. Redactaba noticias.

Os xornalistas poñémonos estupendos dicindo que temos un compromiso coa verdade, como se os fontaneiros o tiveran coa mentira, e a eles lles estivese permitido dicir "este amaño vai durar anos" cando saben que a cinta de embalar como material de soldadura non é moi fiable. Os xornalistas si debemos ter un compromiso coa claridade expositiva, coa intención de explicar as cousas como pasaron e en que contexto sucederon. Contestando as preguntas que a xente -"nuestro querido público", en expresión de Ana- se pode plantear. E para iso hai que tentar entender que pasou e facer esas preguntas, a maioría das veces a quen non as quere contestar. Viqueira contaba as cousas como hai que contalas, sen voltas, sen segundas intencións. Cando facía crónica política, o seguimento dunha campaña electoral ou dunha viaxe institucional era aguda, aséptica e eficaz como unha ferramenta cirúrxica. Seino porque coincidín con ela en varios deses labores, e o mellor para asegurarte de non meter a pata ou non esquecer algo era botar un ollo á pantalla do seu ordenador ou preguntarlle "que vas poñer?".

Pero o seu labor referencial no oficio estaba tanto ou máis na parte que non se ve. Nesa na que á xente que vale non lle chama "periodista de raza" (equina?), nin presenta saraos, nin recibe outros premios que o recoñecemento tácito dos colegas (por iso en máis de 20 anos traballando en Efe só foi delegada en Galicia catro meses). O seu rol de troita estaba na crítica aceirada a todo canto desfilaba diante da súa ollada -oftamoloxicamente- miope, e no divertido escarnio de determinados produtos noticiosos. Debaixo da perrera que a facía parecer unha Chrissie Hynde ou unha axente 99 en pequeniño, había unha mente, non por divertida menos implacable. Non me cega a amizade. Tamén teño compañeiros e compañeiras manifestamente mellorables, e postos a sacar defectos, o mundo gastronómico de Ana Viqueira, que viaxou por todo o planeta, remataba na Ponte Pasaxe, ou como moito en Betanzos.

O mundo queda ben peor sen ela, e os malos máis tranquilos. Ata sempre, Vioquiña.