Non sexamos derrotistas. España non podía conseguir moitas máis medallas das que acadou. Nestes xogos o número de deportistas españois foi importante. Lonxe de EEUU, China, ou Reino Unido. Foi unha representación digna en número, pero por debaixo de Olimpiadas como as de Barcelona ou Sidney. Ocupamos o posto 11 en participantes. Era difícil superar ese posto no medalleiro. E moito menos traernos máis medallas que noutras Olimpiadas. Pola contra, aumentou o número de diplomas olímpicos, o que non representa gran cousa para os medios de comunicación, pero si para a saúde do deporte dun país, pois un deportista con diploma olímpico xa se asegura a súa beca da federación á que pertenza. E non pensen que é unha gran recompensa, porque os deportistas olímpicos teñen pouco que ver cos futbolistas. Unha beca para un atleta dista moito de supoñer unha cantidade coa que gañarse a vida. É unha axuda. O certo é que é unha mágoa que haxa so Xogos Olímpicos cada catro anos. Por min podían cargarse os mundiais de cada deporte e facer os Xogos cada dous anos. E logo que se celebren cantos eventos deportivos continentais se desexen. Deixémonos de lerias, o verdadeiro mundial son as Olimpiadas. Pero isto non pasará. E non pasará porque hai moita pasta polo medio. E ninguén vai querer renunciar á súa leira. Pero isto de ver a un remeiro ou a un saltador, ser tratado á mesma altura que a un futbolista é impagable. Que un partido de fútbol entre Suecia e Alemaña sexa interrompido porque acaba de producirse unha acrobacia extraordinaria dunha ximnasta, reconforta. Ademais, os valores do deporte, chegan ao seu cume no olimpismo. Se teño que resumir o que foron para min estes Xogos, só encontro unha palabra: pracer. Pracer de contemplar como co esforzo e un chisquiño de sorte a capacidade de superación do ser humano no deporte é infinita. E todos os artistas e deportistas sabemos que sen ese chisquiño de sorte, so co esforzo, non abonda. Por suposto que houbo cousas malas. E a maioría pasan pola organización. Pero foi un asunto de política. No momento no que se lle outorgaron os Xogos a Brasil, este, era un país emerxente, e había que darllo a un país emerxente. Pois ben saíu mal. Brasil non emerxeu e os seus dirixentes están ata a lama metidos en casos de corrupción. Por riba, os Xogos nunca chegaron a conquistar o corazón dos brasileiros. O país viviu de costas ao evento, porque os problemas sociais eran moitos e os gastos nas Olimpiadas excesivos para o entender das clases populares. Con este panorama non é raro que Río 2016 pase á historia como os Xogos peor organizados da Era Moderna. Vergoña para os baloncestistas norteamericanos que non pisaron a Vila Olímpica e que se aloxaron nun cruceiro de luxo. Vaia maneira de entender a fraternidade e o olimpismo. Para ir así, mellor que non vaian. E un detalle para os cainitas, porque non deixamos de ser un país cainita. Nadal, foi o deportista máis perseguido polos seus compañeiros de profesión, tanto ten que fosen lanzadores de martelo ou xogadores de golf. Todos querían saudalo, facerse unha foto con el, ter un autógrafo. Por que será? Pois porque todos coinciden en que é o deportista mundial que mellor representa á perfección os valores do deporte, ademais de posuír unha altura como persoa envexable. Pero en España hai moita envexa. E os mediocres raramente poden entender a grandeza.