Galicia debe ser dos poucos sitios onde as autoridades agradecen que chova no verao. Despois de décadas de experiencia de loita contra os incendios forestais, ese é o único método que dá un resultado apreciable. É curioso como, cos miles de millóns de pesetas que gastaron no seu día, e cos centos de millóns de euros (ou miles, tamén) que se invisten hoxe na súa prevención -imos aceptar que algo se gasta en prevención- extinción e remediación dos efectos do lume, non haxa excesivos, nin sequera bastantes, estudos sobre o fenómeno. Ou se os hai, desde logo, non son demasiado relevantes, porque a traxedia dos incendios séguese explicando sobre todo con análises políticas e reportaxes xornalísticas, dous métodos dignos, ou que non teñen por que non selo, pero claramente insuficientes.

Que é un problema moi complexo xa o sabemos todos (eu xa nin lembro da última cousa simple que houbo neste mundo. Ata o de "penalti de gol es gol" tiña a súa complexidade). Que hai xente que goza facendo maldades, ou que a cabeza non lle pasa a ITV, é de dominio público, pero por pura estatística é moito mais abundante en ámbitos urbanos, e ten moita máis facilidade de pasar desapercibido que en lugares onde se coñecen todos, ou sexa que ir plantar lume de campo é das peores ideas que calquera malote pode ter. Que os lumes prenden e levan todo por diante porque o monte está a monte e non se valora, tamén, pero igualmente están abandonadas certas partes das cidades, e non por iso alguén se toma a molestia de queimalas. Máis ben, se alguén fai algo tan traballoso e arriscado é porque lle supón beneficios. A el ou a quen llo encarga.

O outro día parei na casa dunha amiga preto do Jerte, ese val cacereño famoso polas súa paisaxe de cerdeiras e polas súas cereixas. Alí houbera tamén grandes lumes. Ela tiña claro autoría e beneficiarios: os que queimaban monte arriba era gandeiros para facer pastos e os que queimaban a medio monte eran cultivadores de cereixa para poder plantar máis cerdeiras. E había uns terceiros beneficiarios: os servicios antiincendios, todos privatizados. A 6.000 euros que custa a hora de hidroavión é comprensible que a empresa concesionaria vexa os incendios máis como unha oportunidade de negocio que como unha desfeita ecolóxica. Non sei se será certo todo iso que me contou, pero era plausible. Xente que fai algo, radical e perigoso e na súa contorna, ten que ser por un interese concreto e suponse que elevado. Nada deses criminais malintencionados, pero desmotivados, sen máis afán que o de amolar a Galicia, como os que describe a propaganda da Xunta: Os incendiarios executan os nosos bosques, como se fosen uns alieníxenas chegados do espazo exterior, recoñecibles porque levan un chisqueiro incorporado no dedo gordo.

Cando Carlos Varela era fiscal xefe do Tribunal Superior de Galicia realizara un considerable informe sobre o asunto. Non estaba moi de acordo coas conclusións (a maioría dos incendiarios resultaban ser xente de moita idade, e boa parte, non moi listos: o mesmo resultado que se as leoas fixesen unha estatística dos rabaños da sabana en base a como son as presas que capturan), pero era un informe serio. Agora o presidente en funcións Feijóo acaba de chamar á orde aos xuíces (ultimamente non lle dan máis que desgustos) porque non condenan nada: soamente meteron en prisión a un de 42 detidos por presuntos incendiarios. Pero, novos ou vellos, condenables a prisión ou soamente a presentarse no xulgado, cales son as razóns que invocan, cales os motivos?