Os días longos, quizais soleados e calorosos do verán, fanse axeitados para achegarse aos míticos teitos da vella Galiza, os Ancares, Manzaneda, Trevinca, San Mamede, o Suído, o Courel.... Alí onde borbullan as fontes limpas que nutren os mil e un ríos do país das augas.

Os Ancares, serra coas pegadas modulares de vales, circos, lagoas e morenas glaciares. Nacedouro de regueiros, que van ao Navia, ao Cervantes ou ao Sil, gran río con orixena veciña Laciana. Espazos propicios a unha singular biodiversidade e polo tanto a unha resposta cultural, sobre os que todos concordan, ao menos na teoría, no que respecta a súa protección.

Poucos estudos sobre a etnografía dos Ancares superan ao de Ángel del Castillo, como aos do astorgano-coruñés Xosé María Luengo que afonda nas pallozas ou pallazas, que nos remiten aos habitats castrexos. E aínda quedan pormenores por contar daquela vida: os chozos de pegureiros, as albarizas, os valados, portelos, peches, balaústres, celosías, artesanías, ornamentos... os divertimentos, as crenzas, os contos de lareira, os mortos... Merece coñecerse tamén o estudo de Yago Bonet Correa sobre La arquitectura del humo.

O fabulador, cazador, pescador, gastrónomo e pra máis camarada de Cunqueiro, Xosé María Castroviejo, amaba os Ancares e contouno en Viajes por los montes y chimeneas de Galicia. Tamén espallou esta serra o mestre, creador do Albergue de Ancares e loitador pola súa declaración como Parque Natural, Alfredo Sánchez Carro, autor dunha precursora guía.

O cordal dos Ancares vencella o que hoxe é a provincia de Lugo coa de León e Asturias, en definitiva o que era o antigo convento Astur da Gallaecia. Non estraña que entre as súas sombras se escenifiquen antigas lendas, as primeiras do ciclo artúrico, como que o cabaleiro da Táboa Redonda, caudillo sucesor das teimas célticas de Breogán, busque neste labirinto de montes o Grial, o cáliz da Última Cea, reliquia que fortalece imperios. Mesmo tamén por aquí o sabio homiño santo, Froilán, domesticador de lobos, curandeiro, construtor, gandeiro, labrego... pousou nas covas de Ruitelán que miran ao río Valcarce... Tampouco estraña que o autor do Quixote, conforme aos apelidos e ás referencias que fai poña a orixe do seu liñaxe nos montes leoneses. Pois velaí que en Vilarello da Igrexa aínda existe o Pazo dos Saavedra, ademais de triste historia na Guerra Civil.

Montes repartidos en Galiza entre os concellos de Cervantes e Navia de Suarna. Na parte leonesa acollidas no concello de Candín as aldeas de Suarbol, Balouta, Teixedo, Pereda; no de Vega de Espinareda, Burbia,namentres que no de Vilafranca está o fermoso conxunto de pallozas de Campo da Auga, como un castro, tamén as aldeas de Castañoso, Vilariños, Chan de Vilar, Balboa, Teixeira, Porcarizas, Paradaseca con Fombasalla, onde se venera en romaría a esa Virxe, en relación coa lenda ascética das sete irmáns peregrinas... unha delas perdida no monte. Na banda asturiana está San Antolín de Ibias.

O río Navia -con nome que honra á deusa das augas, Navia- sinala o camiño dende o seu nacer en Busnullán, onde os cordais dos Ancares empatan co Cebreiro, encrucillada de vieiros: o francés e os que pola serra, seguindo a escorreguentía levan aos portos do Cantábrico e a Oviedo. Caudal vixiado por castros, antigos emporios mineiros de ferro e ouro, atravesado por pontes en Doncos, Doiras, a Pobra de Navia de Suarna, defendidos por castelos, ao xeito do antolóxico de Sarracín, sobre o Valcarce, orixinarios dun tempo no que os monarcas galaicos, refuxiados nos montes da Asturicense, inventan ou descobren a tumba do Apóstolo. Enclaves disputados entre a casa de Altamira, os templarios e os Castro. Siluetas de misterio onde aniñan lendas como a da dama cerva, Aldara, filla de Froilaz, namorada dun inimigo da súa casa, que fuxe dos seus pra perderse no monte e converterse en cerva branca, cazada polo seu irmán Egas... A mítica cerva branca, como a que as crónicas din que tiña, para os seus agoiros, o legado romano Quinto Sertorio. Sen esquecer os Cernunnus célticos, símbolo que pasa ás cantigas galaico portuguesas de amigo, mesmo aos cánticos cristiáns. Tanto así que algúns levan o nome de Cervantes a este animal, e así o representa no seu brasón a familia dos Cervantes. Namentres que o nome de Ancares poida ter relación con "acer", polos angulosos cumes, co acivro de folla apuntada. Nestes montes manda o ángulo.

San Román de Cervantes, con nome do santo alusivo aos "romanos", os que cos "mouros" debuxan boa parte do imaxinario popular, devanceiros gardadores de tesouros. Ofrece o lugar un Museo Etnográfico e a costiña que leva ao río Castro e ao castriño da torre do Castrillón. Se nos adentros na serra, en Cereixedo damos coa casa fidalga de Castelo de Frades.

Piornedo, é de obrigada visita. Recíbenos o Hotel, deseño do arquitecto Pedro de Llano, que nos abre á aldea, deixando á esquerda a fonte, de labra inxenua e ao seu carón o patrucial teixo, nada potenciados. Paseo por unha congostra ampliada a xeito de pretensiosa rúa maior. Lamentando non houbera gobernos sensibles, con maior perspectiva de futuro, capaces de paralizar no tempo a aldea das pallozas como ecomuseo e deseñaran nun lugar próximo unha aldea nova, feita pras novas necesidades, sen faltar o centro de recepción de visitantes, con todos os aspectos que precisa o viaxeiro. Un xeito de evitar a proliferación de chabolos aos que estamos tan afeitos. Pois velaí o que atopamos: pallozas rehabilitadas sen criterio etnoraqueolóxico: como artillar no cume os esteos, a aiga, cos cangos, as tiseiras, as tercias... nada de cravos, saber furar e meter os tarabelos pra agargalar as táboas, os sistemas de teitar con palla de centeo... Sumando a perda dos ancestrais carros, con esas rodas tacholadas, lembranzas andantes da Idade dos Metais. Esas portas pintadas á liñaza, en azul, roxo... coas súas aldrabas e pechaduras en ferro forxado. Agora ennegrecidas, untadas con graxa queimada... Conxunto que debera ter o seu museólogo e criterios pra expoñer, coidar...

Valoramos o esforzo da Casa do Sesto, de Fuco e Isolina por manter e mostrar a pallaza na que viviron até 197O. Cando se perden os artefactos e as tarefas tamén se perden as palabras que os identifican: os marañóns para andar sobre a neve, os ganzóns ou paus de acivro ou uceira pra manter acesa a luz sobre o candieiro, as corozas de xunco ou de palla de centeo pra cubrirse, os chuzo pra caza do porco teixo... Palloza aínda usada, ideal no tempo da matanza pros afumados e pras festas familiares.

A Campa da Braña, Degrada, preto do Albergue de Ancares son puntos apropiados pra orientarnos e facer a elemental ruta á cima do Tres Bispos, pasando pola Campa de Ortigoso co seu bosque de acivros e unha espesa fraga, dende onde enxergar as cimas que sobrepasan os dous mil metros, Mustallar, Penarubia, Penalonga, o mítico Corno Maldito. En Piornedo, tras a capela de San Lourenzo temos a verea que leva ao Mustallar, deixando a fervenza da Veiga Cimeira, furando entre os piornos, as arandeiras, as fragas de carballos, acivros, capudres, pradairos... Dende Donís podemos camiñar até Moreira co seu antigo e petrucial carballo, coa tristeira ollada das pallozas cubertas "provisonalmente" dese infernal latón, retrato do estado da cuestión. Montes de vida, onde aniña a aguia e a pita do monte, onde habita o cervo, o lobo, o oso e un futuro imperfecto.