Hai un aspecto aínda máis tráxico en sucesos como a violación múltiple dunha rapaza no San Fermín de Pamplona, ou na desaparición desoutra veraneante no Caramiñal, Diana María Quer. Os consecuencias xa son dabondo pavorosas para as vítimas e para o seu entorno, e debérono ser en toda época e lugar, pero a reacción combinada de medios pouco medidos e atavismos nunca desaparecidos, nin sequera domeados, fai que non haxa moita diferenza entre as consecuencias de ser vítima dunha depredación sexual na actualidade ou hai décadas. Ou séculos se me apuran.

O que máis me arrepía da violación de Pamplona é a pouca importancia que pareceu ter para os presuntos autores. Parecía como se dubidaran entre tomar a última, subir nunha atracción de feira ou violar á primeira rapaza que tivesen a tiro. Que cinco tipos participen (ben, presuntamente, xa saben) forcen a unha rapaza, gravando a cousa como se fose unha partida de Grand Theft Auto: San Andreas, e que entre o cinco (e un militar e outro garda civil, que lles ensinan a esta xente nas academias? Só a disparar?) non haxa un deles cun mínimo non xa de dignidade humana, senón de sentido común como para tentar parar a cousa quere dicir que a xente está moi mal (ou que aos psicópatas agora os soltan en packs de cinco). Que por riba comuniquen no grupo de WhatsApp que "se follaron a una entre los cinco" (cal é o mérito?, o unidos que están?) evidencia que lle deron a desgraciarlle a vida a unha persoa nova a mesma importancia que se se tomaran 15 cubatas cada un. Un aplauso para os que comparten a maseira esa do grupo.

O outro caso é a desaparición de Diana Quer. A rapaza que desapareceu volvendo da festa, non se sabe por que e se de grado ou forza. Pero ler as intervencións que algúns lectores das noticias depositan -ou máis ben evacúan- na sección de comentarios, ademais de lembrar as épocas douradas onde as cartas ao director debían ser remitidas acompañadas de DNI e enderezo, rompen a crenza de que a alfabetización do ser humano é un paso adiante na civilización. Polo menos un de cada dous resume máis ou menos así a súa indignación: "Como una chica tan joven iba así vestida por un descampado de noche!". Ignoro como é o dress code para atravesar descampados para volver a casa de noite. Á rapaza de Pamplona tivo o percance nun edificio burgués nun barrio presentable, e en presencia de dous membros das forzas de seguridade. O que queren dicir os furibundos comentaristas por libre é que a culpa é das vítimas e /ou da familia.

Non sei que leva a alguén a dicir iso -aínda no remotísimo caso de que fose certo- e en que axuda a atopar a Diana ou a consolar á familia. Nestes casos, xa se desequilibra un bastante so, como evidencia que saia o pai a facer pública a decisión xudicial de retirarlle á súa muller a custodia da filla pequena (non me meto na pertinencia da decisión, si con que unha parte a faga pública). É dicir, estamos nunha época en que dicir aquilo de "la culpa es de los padres que las visten como putas" xa non é un chiste. Hai moita xente que o pensa e que non ten problema en berralo.