Donald Trump, un bardallas, que non deixa de ter ocorrencias extravagantes, viaxou o outro día a México invitado por Pena Nieto, o presidente do país centroamericano. O que non deixa de ser outra ocorrencia, esta do mandatario azteca. Diálogo, apretóns de mans e bos desexos. Trump, nada máis chegar a EEUU anunciou que a construción do muro na fronteira mexicana ía para diante e que serían os propios mexicanos os que pagarían o muro. Isto é unha anécdota máis das moitas que ten protagonizado Trump na súa campaña á Casa Branca. E aínda que Hillary Clinton non di barrabasadas deste calibre, nin fai declaracións subidas de ton e que rozan a mala educación en moitos dos casos nos que Donald abre a boca, o caso é que as enquisas andan moi apretadas. Moitos españois e españolas, pensan que é incrible que o pobo americano poida pensar en votar a Trump. Pois os que pensan así, non deberían asombrarse tanto. Fora demagoxias, o goberno de Rajoy, na pasada lexislatura devaluou o índice de benestar de vida dos nosos compatriotas máis que ninguén en toda a democracia. E síguenlle votando, a el e ao seu equipo. E convén diferenciar, por iso falo de Rajoy e do seu equipo, convén diferenciar este binomio do que representa o Partido Popular e aínda máis os seus militantes e votantes. Non debemos estrañarnos tanto dos americanos, o pobo español está votando a un candidato que hoxe di unha cousa e mañá di a contraria. A un home que asina un pacto con Ciudadanos e que nas formas, despreza ao seu socio. E se falamos da sesión de investidura, pois coincidiremos que pasou o que xa sabíamos que ía pasar. Mentres Sánchez estea aí, é imposible desbloquear a situación. E mentres Rajoy siga aí outro tanto do mesmo. É que se odian ata a sen razón. E por riba, despois da segunda tentativa de investidura, ás 10.52 da noite, Luís de Guindos anuncia que o exministro Soria marcha para o Banco Mundial. Imos ver. Se ir, pode ir. Non está imputado e ese cargo ten que ver co seu oficio. Pero dimitiu porque mentiu á cidadanía. Lembren que este era o que non se lembraba que tiña Sociedades en Panamá. O malestar desta designación, non só existe na poboación en xeral, nin no resto dos partidos. Hai militantes de peso do PP que consideran que se trata dun erro apoteósico. Rajoy mantivo durante a súa lexislatura a unha morea de corruptos nos seus cargos, logo pretendeu liderar a loita contra a corrupción, e no momento no que o seu partido está imputado por este motivo e no que asina un pacto con Ciudadanos contra a corrupción, salta isto. Non é unha nova nin ética, nin estética. Hai que coidar estes detalles. Xa sabemos que hai outros partidos corruptos, pero hoxe falamos de Soria, que non marcha, como a canción de Gabinete Caligari Camiño Soria, senón que a súa estrada conduce ao Banco Mundial. 200.000 euros ao ano. Un magnífico premio por mentir. Como pretendemos educar aos nosos fillo nos valores da verdade, se premiamos a un mentireiro cun posto de gran remuneración? Non nos asombremos tanto polas cafradas de Trump e contemplemos con máis atención as cafradas do noso entorno, as de Rajoy, as de Sánchez, as de Iglesias e as de Rivera. Que todos teñen que rascar. Sempre é máis doado ver a palla no ollo alleo.