Creo, ou máis ben estou bastante seguro, que foi Clemenceau, o home que foi todo na política francesa de finais do XIX e comezos do XX, quen dixo que gobernar nun réxime democrático sería moito máis fácil se non houbera que ganar constantemente eleccións. Un século despois, que quizais pode parecer tarde pero hai que considerar o retraso que levamos en democracia, aquí estamos desenvolvendo facendo prácticas para levar a cabo o desexo daquel home que comezou intercedendo polos participantes na Comuna de París e rematou perseguindo aos pacifistas que se opuñan á participación na I Guerra Mundial: a democracia sen eleccións, ou con eleccións irrelevantes.

O exemplo máis obvio témolo en Madrid. Convocouse ao electorado ás urnas nun momento en que non había institución que non se descubrira que non tiña unha chea de ganapáns ao fronte, e non pasou nada. Ben, si. Os que estaban cando todo o mundo se enchía os petos baixaron en apoios, pero aínda houbo sete millóns de cidadáns que consideraron que, en fin, todos son iguais, e se son iguais, mellor os de sempre. Os outros? Pois Pedro Sánchez bastante fai, a criatura, nun partido no que aínda son referentes e se comportan como accionistas maioritarios tipos que encarnan exactamente o contrario do produto que venden e son o diametralmente opostos daquilo que predican. Por non falar de Susana Díaz, alguén como para cambiarse de edificio se vén vivir ao teu. Podemos é unha boa idea e un colectivo cheo de ilusión, ao que dan ganas de apuntarse vendo a lista de inimigos que lle saen, e cun líder moi listo, pero que a metade do tempo se cre Jon Nieve. E o cuarto, Albert Rivera, é como eses rapaces que lle regalan por Nadal un partido, e aos catro meses xa non lle funciona o xoguete.

En conclusión: que mande o de sempre, caramba. Esa é a idea que ten Mariano Rajoy, con esa cara de levar toda a vida aí (cousa que é certa, nun sitio ou noutro, sempre estivo aí). A que teñen os poderes que son algo nesta sociedade, normalmente os bancos, e con eles o seus altofalantes, ou altoescribientes, que non paran de dicirlle aos políticos o que teñen que facer cando non son nin capaces de saber que facer co seu propio negocio. A que venden a todo o mundo: necesitamos es-ta-bi-li-dá. Tiveron a oportunidade de conseguila cos seus votos, pero ciscáronos entre uns irresponsables sen sentido do estado, que agora non queren dar o brazo o torcer. O caso é que mentres tanto, seguen gobernando, dándolle chopes de cobrar e non facer nada aos colegas que tiveron que dimitir por parvadas... De todas formas, o Eurogrupo acaba de recoñecer que España non pode facer máis axustes ata que teña goberno, ou sexa que non sei que présa temos.

O mesmo pasa en Galicia. Ten que haber eleccións, porque así o establece a lei, e un país non é como unha comunidade de propietarios (polo menos formalmente) que cando un veciño/a o fai ben, preside ata que se farta. Pero non sei se decataron que o presidente actual non se presenta por partido ningún, e limítase a dicir que En Galicia Si, sen especificar onde é que non. E nos medios públicos, que son os que teñen a obriga de darlle aire ao asunto, a cobertura da contenda electoral non ten nin color ao lado dunha previa non dun Dépor-Celta, senón dun Breogán-C.B.Ourense.

Se non votan a quen deben, para que ilusionalos.